Saída Proxecto Ríos Campaña de primavera
O pasado 18 de maio, realizamos a saída ao río Valdexería para realizar a inspección correspondente á campaña de primavera do Proxecto Ríos co alumnado de 4º de ESO.
Ao igual que na saída previa, realizamos un estudo completo da saúde do río e do ecosistema de ribeira asociado, medindo parámetros físicos, químicos e biolóxicos, identificando algunhas das escasas árbores de ribeira que o protexen e detectando os principais impactos que os seres humanos producimos sobre el.
Aínda que o estado segue sendo bo, as ameazas que xa detectaramos na saída previa seguen existindo. De feito, un dos parámetros físicos que se empregan no estudo, a temperatura era moi elevada: 21ºC, o que nos indica probablemente que a sombra que o cubre ao longo do curso é moi escasa. Esta elevada temperatura pode conducir a unha diminución do osíxeno disolto (o valor medido resultou inferior ao medido na saída de outono) con consecuencias negativas para o desenvolvemento dos organismos acuáticos. Porén, a observación dos invertebrados empregados como bioindicadores, permitiunos concluír que as augas teñen unha calidade boa.
Os datos desta campaña e da anterior pódense consultar no xeovisor do Proxecto Ríos: http://visorgis.cmati.xunta.es/rios/ O tramo que nos corresponde é o _306 e denomínase Rego de Vadexeira (o nome correcto é rego de Valdexería, pero no google maps aparece co nome de Vadexeira, de aí o erro).