Skip to Content

O Club de Lectura de adultos tivo unha nova xuntanza na Biblioteca

Xuntanza do Club de Lectura de adultos na Biblioteca

O Club de lectura de adultos "Veigas de Campaña" tivo, na tarde do mércores 18 de outubro, unha nova xuntanza. En palabras do responsable deste club de lectura, o profesor Víctor González Zúñiga: "Boas. A crónica da xuntanza de hoxe, mércores 18, ben poderían ser os titulares dun telexornal calquera, a saber, a saúde mental, nos mozos especialmente, pode haber tema máis actual? O protagonista da obra que nos convocou ten problemas mentais. A familia desestruturada. Hainas, con todo o que isto arrastra, violencia soterrada e explícita, soidade, amor e odio; a maternidade, un pai alcohólico... a que vos vai soando? Imaxinade a crianza dun rapaz así que, xa desde cativo, da mostras de agresividade, Parécevos pouco? Pois aínda hai máis, enfermidades terminais... e estaredes pensando, con ese panorama, para que vou a achegarme á Biblioteca, a encabronarme? (con perdón); coa tarde de cans, choiva, vento, que facía... e porén, hai como unha maxia no ambiente e nas mulleres lectoras que fan posible o prodixio, e unha tarde que viña do xeito que vos digo, amarga, arrancounos o sorriso, e non era doado porque a obra tiña partes duras, crueis, mais aí reside a grandeza do Club de Lectura "Veigas de Campaña", que é capaz de extraer luminosidade dos temas máis escabrosos e escuros. O que se presentaba como unha historia de odio remata sendo unha narración chea de tenrura e amor, unha obra de reconciliación, de perdón, unha obra emotiva, por iso gozouse tanto da xuntanza.
Si, ben sei que non dixen aínda que libro era, xa non teñades présa. Se o digo ao principio igual algún ten a tentación de non seguir lendo a crónica... pois ben pensado, igual era o mellor. Agora xa dá o mesmo, e case estou por dicir que a obra é o de menos, porque o fermoso é a xuntanza en sí coa boa literatura como excusa, como foi o caso. Estou falando da obra da autora moldava Tatiana Tibuleac, "El verano que mi madre tuvo los ojos verdes". A seguinte vai ser "Escola de Mulleres", de Inma López Silva. A mediados-finais de novembro, por se alguén se anima. Saúde para tod@s"



page | by Dr. Radut