Skip to Content

Alumnado de 1º Bacharelato asistiu á proxección de “Eroski Paraíso” na sala NUMAX

Alumnado 1º Bacharelato na sala NUMAX

O pasado venres 16 de decembro, o alumnado de 1º Bacharelato asistiu a unha sesión cinematográfica na sala NUMAX de Santiago de Compostela. A actividade foi organizada polo departamento de Lingua Galega e Literatura e o alumnado foi acompañado polo profesorado: Ana Castro, Yolanda Alfaya, Lucía Gómez e Víctor González.

A continuación podemos ler unha reseña desta saída didáctica por parte do profesor de Filosofía, Víctor González: "Resulta que o mito aquel da caverna que Platón escribira fai xa séculos e que tanta repercusión tivo e terá, pois resulta que é mentira, que o que alí se nos di é unha falacia, unha alegoría fermosa, suxestiva, pero mentireira. Xa sei que o que estou poñendo non é politicamente correcto, pero así é, como se demostrou o pasado venres na visita que os alumn@s de 1º Bacharelato do IES Plurilingüe de Valga fixeron á NUMAX, en Santiago; NUMAX que, como saberedes, non é unha sala de cine ao uso, que tamén é libraría, un complexo cultural que paga a pena visitar, pero non é ese o motivo desta mensaxe. Saberedes que o mito aventura que un grupo de prisioneir@s permanecen encadeados desde o seu nacemento nunha caverna; non poden moverse, non poden xirar a testa, só mirar para diante, como nun cine; detrás deles un tabique sepáraos dun lume que fai posible a luz que se proxecta sobre a parede (pantalla) diante dos prisioneiros; xentes falando e transportando mercadorías, xusto entre o tabique e o lume, completan a escena. Xa podedes imaxinar que o lume, na comparanza cunha sala de cine que estou describindo, sería o proxector. Pois ben, o mito vén a convencernos que a realidade que está fóra da caverna é máis real que a propia caverna onde están os prisioneiros - espectadores encadeados, que Platón equipara cunha aparencia. É todo mentira. Agora sabemos que a experiencia que vivimos o venres pasado, 16 de decembro, dentro da NUMAX, foi moito máis real, auténtica, e por suposto fermosa, que a suposta realidade que había fóra, polo menos durante os setenta e cinco minutos que durou a proxección de “Eroski Paraíso”; pasado ese tempo, xa non sei, realidade e aparencia... quen sabe. Grazas a Ana Castro Pardo, profesora de galego do IES que fixo posible esta experiencia. Grazas tamén a os alumn@s . Parabéns”.



page | by Dr. Radut