O alumnado do CPI O Cruce visibiliza e apoia o uso do galego nos negocios de Cerceda a través da campaña Aquí tamén se fala, que se está desenvolvendo a nivel galego coa participación de arredor de 200 centros de ensino. Xa son preto de 50 os negocios do municipio adheridos á campaña
Xestorías, bares e restaurantes, gasolineiras, panadarías, fábricas…, son algunhas das empresas que o alumnado do CPI O Cruce de Cerceda xa visitou para animar e visibilizar o uso do galego. Na atención ao público xa se fai de xeito moi maioritario, tal e como puideron constatar, mais na rotulación e información escrita tamén é bastante frecuente nos establecementos da localidade.
Nesta semana comezou 4º da ESO polos negocios de Cerceda capital, e despois das vacacións de Semana Santa continuará alumnado dese e doutros cursos por establecementos doutras parroquias do municipio. As rapazas e os rapaces visitan as empresas, explican a campaña, animan a unirse a ela e visibilizala a través dun cartel co lema “Aquí tamén se fala galego” e fan unha foto, que despois se comparte a través das redes sociais. Ademais, fíxanse no emprego que se fai da lingua coa finalidade de, proximamente, recoñecer algunha empresa que destaque de maneira especial no uso do galego.
A recepción, tal e como indican as mozas e os mozos participantes, está sendo moi positiva, xa que todas as empresas visitadas se animan a participar e, ademais, incluso felicitan, aplauden e agradecen a iniciativa. De momento xa son preto de 50 as empresas do municipio visitadas e adheridas, que seguro que irán aumentando nas próxima semanas.
A campaña Aquí tamén se fala é un proxecto de dinamización lingüística realizada pola mocidade que se xestou nun instituto da Coruña, o IES Rafael Dieste, e que decontado se espallou por centros de todo o país, ata chegar aos arredor de 200 actuais, entre os que está desde o inicio o CPI O Cruce de Cerceda. Ademais dos miles de establecementos empresariais e comerciais que xa se adheriron á campaña (en Cerceda xa van preto de 50), tamén conta con recoñecidos apoios a través de vídeos nas redes sociais como, por exemplo, os dos actores Viggo Mortensen ou Tamar Novas, a actriz María Vázquez, a cantante Amaia ou as Tanxugueiras, os músicos James Rhodes ou Abraham Cupeiro etc., ademais dos clubs e xogadores de fútbol do Deportivo da Coruña, Celta de Vigo, Rácing de Ferrol ou Lugo.