Iniciar sesión: Acceso

Actividades

GRADUACIÓN DE 4º ESO

Compartimos convosco algunhas imaxes da celebración o pasado venres 16 de xuño do Acto de Graduación de 4º ESO.

Ao remate deste curso, estes rapaces e rapazas iniciarán unha nova etapa, algúns deixarán o noso centro, outros comezarán o Bacharelato, pero para todos eles e elas desexamos que sexa unha etapa tan fermosa como esta que rematan e que o futuro lles traia grandes experiencias.

Moita sorte a todas e todos!

Álbum: Curso 2022-23 -> Graduación 4º ESO (16/06)

"Portas que se abren", charla co alumnado de ACEESCA

O pasado venres día 2 de xuño o alumnado de 3º ESO tivo a oportunidade de charlar co alumnado de ACEESCA, unha asociación de utilidade pública sen ánimo de lucro, que contribúe a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual. Sen dúbida foi un encontro moi enriquecedor no que o noso alumnado puido coñecer e entender máis de preto a realidade das persoas con discapacidade intelectual.

GRADUACIÓN DE 2º BACHARELATO

Compartimos convosco este "pequeno" álbum fotográfico da celebración o pasado venres 19 de maio do Acto de Graduación de 2º Bacharelato. Desde o Equipo de Dirección do centro queremos felicitar o alumnado pola organización deste fermoso evento, xa que demostraron unha vez máis o traballadoras e traballadores que son. Así lles quedou de fermoso o acto!

Parabéns, rapazas e rapaces. Desexámosvos moita sorte nesta nova etapa que comezades. 

Álbum: Curso 2022-23 -> Graduación 2º Bacharelato (19/05)

O papel da muller na cultura de tradición oral, con Nuria Gesteira

Na mañá de hoxe, xoves 18 de maio, tivemos a sorte de poder contar con Nuria Gesteira, coñecedora e divulgadora do noso folclore. O alumnado de 3º e 4º coñeceu da súa man cal foi ao longo da historia recente a importancia da muller na cultura de tradición oral. 

Grazas e parabéns, Nuria, polo teu fermoso traballo!

Orgullo Galego visita o Val do Tea!

Na tarde de onte, luns 8 de maio, dentro das actividades previstas para a conmemoración do Día das Letras Galegas, contamos coa presenza de Orgullo Galego. O alumnado de 1º Bacharelato tivo a oportunidade de charlar con Borxa sobre o galego e a súa presenza nas redes sociais.

Grazas, Orgullo Galego, pola vosa visita!

 

Correlingua 2023

Onte, mércores 3 de maio, o alumnado de 1º ESO participou, xunto con outros centros de Ponteareas, Tui, As Neves e O Porriño, no Correlingua 2023.

O Correlingua é unha celebración en prol dos dereitos da lingua galega que organiza a Asociación Cultural Correlingua e que cada ano percorre as distintas comarcas de Galiza. Este ano, ao seu paso por Ponteareas, o alumnado do Val do Tea non podía faltar! 

 

CONCERTO DIDÁCTICO CON MARCOS AMADO

O pasado día 12 de abril o alumnado de 2º de Bacharelato puido desfrutar dun concerto didáctico a cargo de Marcos Amado Rodríguez "Santiso", musicólogo ponteareán que temos no instituto facendo as prácticas do mestrado de formación de profesorado. Esta actividade, enmarcada na súa investigación sobre música e historia na educación, titulouse «Y así voy cantando mi ardiente pasión: O Teatro Lírico Español como ferramenta didáctica para o estudo da historia», na que colaboraron, elaborando o programa de man e a xestión do propio concerto, as nosas alumnas e alumnos de 2º de Bacharelato de música! 
Os encargados de pór a música foron a pianista Carmen Bargiela Casasnovas e as cantantes Sara Cayetano Sío e Brian Artur Faro. 
 
 

 

24 de abril, celebramos o Día do Libro

Este 24 de abril celebramos o Día do Libro! 

O EDLG, como vén facendo nos últimos anos, organizou un amig@ invisible entre o alumnado de 2º Bacharelato e o profesorado que tivo unha moi boa acollida e no que se agasallaron lecturas realmente interesantes!

Ademais, desde a Biblioteca organizouse un pequeno posto de intercambio/agasallo de libros no que podedes coller o libro que vos apeteza ler, do mesmo xeito que compartir aquel que teñades por casa e xa non precisedes, para que outra persoa teña ocasión de lelo. A que agardades para pasar por el?!

"Para viaxar lonxe, non hai mellor nave ca un libro", Emily Dickinson.

Relacións tóxicas, do IES do Barral

Na tarde de onte, luns 24 de abril, tivemos connosco o grupo de teatro do alumnado de Artes Escénicas do IES do Barral e a súa obra "Relacións tóxicas", unha peza orixinal e moi de actualidade.

Grazas, rapazas e rapaces polo voso estupendo traballo e polas ganas e ilusión que lle poñedes! Así dá gusto.

Emilia Pardo Bazán viaxa ao Val do Tea

Este luns 24 de abril foi un día cheo de actividades no noso centro. Pola mañá, o alumnado de 4º ESO participou nunha animada charla sobre Emilia Pardo Bazán levada a cabo por Julia Santiso, conservadora responsable da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, da Coruña. Foi unha sesión que deu para pensar e reflexionar sobre o papel da muller ao longo da historia, a través da propia historia da escritora.

Grazas, Julia, por compartir os teus coñecementos con todas e todos nós.

Distribuir contido

Eventos

« Xuño 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930

Calendario de exames de Bacharelato

Equipo de Dinamización da Lingua Galega

Equipo de Convivencia e Mediación

Contratos-Programa

CIUG