Iniciar sesión: Acceso

Actividades

Concerto de Alteanos

O pasado 18 de marzo tivo lugar o concerto de Alteanos, organizado desde o noso centro, ao que tamén convidamos os IES Pedra da Auga e IES do Barral. Dous foron os pases que deu o grupo, formado por alumnado dos 3 institutos de Ponteareas, pois moito era o público que quixo e puido asistir a disfrutar de grandes éxitos como este "Miña terra galega", de Siniestro Total, que vos deixamos nun pequeno vídeo.

Parabéns, Alteanos, polo voso esforzo! O resultado ben pagou a pena.

 

Las cuevas de Solimán, de Juan Abalde

Deixamos aquí a proba gráfica de que temos intención de entrar nunhas covas, as de Sóliman. O pasado 20 de marzo visitáronnos Juan Abalde e e Paula Abalde (ex alumna do centro, que ben que volveses vir ao teu insti co fermoso debuxo da cuberta de Las cuevas de Solimán) para presentar esta novela ao alumnado de 1º Bacharelato.

Estamos desexando acompañar os catro adolescentes protagonistas da novela!!!

"Cuatro adolescentes verán inesperadamente alteradas sus vacaciones de verano al verse inmersos, sin saberlo, en medio de una investigación policial. Al mismo tiempo, dos familias, aparentemente sin conexión alguna, sufrirán el secuestro de sus hijos.

Sóliman, ubicada ficticiamente en Galicia, será el escenario perfecto para una historia que siempre mira al pasado y que lo proyecta al presente. Al igual que los faros alumbran la costa para los marineros, Sóliman se convertirá en la luz que iluminará la resolución de este caso."

Grazas, Juan e Paula por traemos esta aventura.

Celebramos o mes da Poesía

"Sinalando coas dedas dos seus pés..." son uns versos de Candela cos que celebramos a poesía. O mes da poesía.

O mércores 13 de marzo recibimos As meleiras do Suído, Melissa e Fátima, que nos falaron de como as abellas fan mel que elas, apicultoras de vocación e emoción, recollen, con agarimo e respecto. Déronnos a proba da mel no seu panal e soubemos a que sabe o mel cando "nace". O mel, produto que nos ofrecen as abellas despois de libar as flores.

E o xoves 21 de marzo, veu outra meleira, Noa Moreira, poeta (apicultora da palabra, tamén de vocación e emoción) da Pobra do Brollón,que nos ensinou a facer mel libando nas palabras, ensinounos a facer a poesía. Deunos a proba da poesía cando "nace". A poesía, produto que nos ofrecen as poetas despois de libar palabras.

As poetas son abellas. Os versos son mel. Son a vida, a flor, que chega depurada por mans expertas, de apicultora e de poeta. Son medicina o mel e a poesía. 

Grazas a todas por enchernos a boca de flores e de mel. E grazas, Candela, por lembrarnos que "as abellas nacen dos rizos das serraduras/feitas polas calladas e caladas mans abeleiras".

Coidemos das abellas e da vida. Da polinización. Sen ela(s), a vida está ameazada.

Obradoiro de aproximación ao cómic, con Marta Outeiriño

Me tiraste un limón, y tan amargo,
con una mano cálida, y tan pura,
que no menoscabó su arquitectura
y probé su amargura sin embargo.

Ai! Se Miguel Hernández soubese todo o bo que dá de si un limón!
Tamén el iría ao obradoiro de ilustración que impartiu hoxe a nosa profe Marta para o alumnado dos Clubs de lectura e para os usuarios e usuarias da Asociación Avelaíña! Hoxe naceron debuxantes.


Grazas, Marta e Encarna, polo traballo, o cariño e a emoción.

Boa acollida na primeira xornada da Escola de Nais e Pais

Na nosa primeira sesión da Escola de Nais e Pais do Val do Tea contamos coa psicóloga e pedagoga Luciana Maccio, quen nos fixo reflexionar sobre a etapa da adolescencia, os medos, as frustracións, a mellora da autoestima do noso alumnado, entre outros temas; como abordar estes temas dun xeito práctico.

Moitas grazas a Luciana, e tamén a tódalas nais e pais que asistiron e participaron activamente, así como dúas alumnas de bacharelato que tamén expresaron o seu punto de vista sobre estas cuestións.

Sen dúbida, unha tarde ben interesante.

Xa estamos agardando pola seguinte!

Iria e Lía na VIII edición do Concurso de recitado "Rosalía sempre viva"

Este sábado, as nosas alumnas de 1º Bacharelato, Iria M. e Lía B. participaron no concurso de recitado poético "Rosalía sempre viva", que organiza a Casa-Museo Manuel María (Outeiro de Rei). Un ano máis, a calidade de recitado de todas e todos os participantes foi realmente sorprendente, e desde o IES Val do Tea non podemos estar máis orgullosas e orgullosos das nosas alumnas e do seu magnífico traballo!

E para máis ledicia, Iria gañou o premio ao mellor recitado na Categoría de Bacharelato e Ciclos Formativos! Parabéns polo merecido premio!

  

Boas prácticas de mitigación do cambio climático

Este xoves, o alumnado de 4º ESO participou na charla do programa A Ponte "Emerxencia climática: boas prácticas educativas de mitigación e adaptación ao cambio climático nos centros educativos".

Que podemos facer nós para colaborar a contrarrestar os efectos do cambio climático? Posiblemente máis do que pensamos!

11F: Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia

O vindeiro 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia e esta mañá tivemos connosco a Cristina Fernández, investigadora de Ciencias do Mar na Universidade de Vigo. Veu falarnos das mulleres referentes e/ou pioneiras nas áreas STEM e máis concretamente da súa carreira, "Unha carreira de ciencias cun toque feminista". O alumnado de 3º e 4º ESO tivo ocasión de coñecer un pouco máis o mundo do mar grazas a esta interesante charla.

Grazas, Cristina, pola túa visita e parabéns polo teu traballo!

 

Camiñamos para a paz, da man de Sara Sami

Hoxe celébrase o Día da Paz, da non violencia. A violencia é terrible sempre, sempre pero aínda o é máis cando a consenten os estados.

Sara Ashour da Fundación Araguaney-Puente de Culturas veunos falar desa terrible violencia que padece o pobo palestino. Acompañouna Ana e escoitárona os alumnos e alumnas de 1 de Bacharelato. Escoitemos sempre os pobos que son tratados con violencia. Expliquemos as causas das guerras, para traballar pola paz.

A xestión cultural: un sector profesional emerxente e unha oportunidade de empregabilidade

O alumnado de 1º Bacharelato de Artes, Ciencias Sociais e Humanidades participou este mércores nunha charla sobre "A xestión cultural: un sector profesional emerxente e unha oportunidade de empregabilidade" da man de Gonzalo Francisco Fernández Suárez, Decano da Facultade de Humanidades da USC. Esta charla forma parte do programa A Ponte, da USC.

O alumnado recibiu información que moi posiblemente lle resulte de interese para o seu futuro universitario, cada vez máis próximo!

Distribuir contido

Eventos

« Xuño 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930

Calendario de exames de Bacharelato

Equipo de Dinamización da Lingua Galega

Equipo de Convivencia e Mediación

Contratos-Programa

CIUG