You are hereActividades

Actividades


CAMIÑOS, AS NOSAS RAÍCES NA EMIGRACIÓN. (2º e 3º trimestre)

 

Camiños na emigración

Como parte  do noso proxecto Camiños, celébrase no instituto  unha interesante exposición de  postais, fotos, libros, cartas e outros  documentos...  achegados  polo alumnado e o profesorado,  que revelan anacos da  vida  de familiares  que fixeron o camiño forzoso da  emigración, tal como nolo explica Castelao: Hai unha forza que nos empurra cara ao mundo e outra que nos xungue á terra nativa, pois se os camiños nos tentan a camiñar é porque deixamos unha luz acesa sobor da casa en que fomos nados, e alí nos agarda o fin da vida. Castelao

 

Invitamos a toda a comunidade educativa a participar

Lectura de poesía o 31 de xaneiro

Club de lectura de poesía no que os participantes de 1º e 2º de ESO camiñaron pola poesía recitando, debatendo, cantando ou interpretando fermosos poemas escollidos por eles mesmos. Foi un encontro moi interesante e emocionante

Día Escolar da Paz. 30 de xaneiro

Para conmemorar o Día Escolar da Paz celebráronse no Instituto numerosas actividades nas que participaron moitos alumnos e alumnas, coordinados polo Departamento de Dinamización lingüística, a Biblioteca e a profesora de Valores Éticos.

1. Recitado dun poema alusivo á Paz, acompañado con música por case todas as aulas nas que o alumnado colaboraba achegando palabras de paz para sementar ou de guerra para destruír. Todos os colaboradores foron obsequiados cunha poliña de oliveira e un marcapáxinas deseñado por alberto Toval para esta ocasiòn.

 2. Construción dun grande círculo da paz coas fotos de todos os alumnos e alumnas do instituto e organización dun Manequin challenge expoñendo carteis, personaxes e símbolos asociados á non violencia.

3. Organización na Biblioteca dun encontro no que confluíron moitos alumnos para apoiar a lectura dun manifesto pola Paz e a non Violencia. Tamén alí foron expostas as palabras de Paz e destruídas as de guerra. Para finalizar tivo lugar un faladoiro para reflexionar sobre a xornada.

 

 

 

 

 

11 de xaneiro 2017. É o consumismo unha forma de ocio entre a mocidade?

Comeza xaneiro e tras as festas de Nadal, realizamos un novo faladoiro para debater sobre o consumismo. Moi interesantes as reflexións sobre o consumo responsable, o consumismo desmesurado... dos paticipantes de varios niveis de ESO e BAC.

20 de Decembro. Eu son Suleiman

A través de vídeoconferencia, os alumnos de 1º de BAC conectaron con Antonio Lozano, autor do libro Eu son Suleiman e cun mozo inmigrante de Mali que viviu experiencias moi parecidas ao protagonista do libro. Aproveitando recursos TIC e desde un enfoque integrador das linguas o alumnado de BACH do IES Saturnino Montojo e o do IES Punta Candieira de Cedeira compartiu os duros camiños dos migrantes. 

Empregando o galego, o francés e o castelán refixemos o camiño de Suleiman, un camiño de sufrimento, de angustia e de morte, pero tamén un camiño cheo de esperanza e loita para conseguir o soño da dignidade, da liberdade e da xustiza social.

CAMIÑOS DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ ENTRE A MOCIDADE FORO DA MOCIDADE

Encontro e acto de clausura das Xornadas de Participación Cidadá dirixidas ao alumnado de 1º de Bacharelato que se desenvolveron entre outubro e decembro. Estiveron presentes o alcalde, o concelleiro de Participación Cidadá e a concelleira de Muller e Igualdade que, tras agradecer o interese e implicación dos participantes, salientaron a oportunidade de dispor dunha plataforma que permita visualizar os desexos e inquedanzas da mocidade ferrolá. 

Faladoiro sobre os deberes

O faladoiro centrouse nun construtivo debate arredor dos denominados “deberes escolares”. Foron moitas e diversas as reflexións que achegaron os participantes.

Camiños de loita e liberdade

Os alumnos de 1º de ESO, dirixidos por Elisa, a profesora de Valores Éticos,  en colaboración con Dinamización, Biblioteca e Vicedirección,   realizou no Instituto unha actividade para denunciar a violencia contra as mulleres. A través de  materiais reciclados, realizouse un muro simbólico no que figuraban os nomes das últimas  mulleres mortas por violencia de xénero. Á montaxe do muro seguiu a lectura dun manifesto para denunciar a violencia e pedir para as mulleres camiños de liberdade. Estupendo o traballo dos rapaces e rapazas e do profesoraso que coordinou. 

Pleno estudiantil sobre a Violencia de Xénero

O venres  25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, os alumnos de 3º de ESO acudiron ao Teatro Jofre para participar nun Pleno estudiantil que organizou  o Concello de Ferrol. Posteriormente colaboraron  na plantación de rosas polas vítimas, no Parque Raíña Sofía. 

Parabéns  ao excelente equipo que nos representou.