You are hereGalego / Actividades

Actividades


QUE SIGNIFIGA PARA NÓS O NADAL?

A última semana de clases tocaba reflexionar sobre o Nadal.

Coma sempre, tivemos moitos alumnos que compartiron e contaron que son para eles estas datas tan significativas.

Xurdiron temas como os dos agasallos, o consumismo excesivo, as reunións familiares, o descanso… Debatemos un pouquiño antes de desfrutar do Nadal.

HÉCTOR CAJARAVILLE: DENÉBOLA A ROXA

Falou de súa experiencia vital como escritor, dos cambios na súa profesión, de xornalista a novelista.

Comentou a novela Denébola a roxa. Fixo unha defensa do feminismo a partir da obra: quería que Denébola fose unha muller forte e adiantada ao seu tempo. Precisamente chama a atención que nunha novela de piratas a protagonista sexa unha muller.

VISITA Á BIBLIOTECA MUNICIPAL E AO MUSEO GALEGO DE HISTORIA NATURAL

O alumnado de ALFIN de 1º de BAC visitou a Biblioteca Municipal da Praza de España.

Azucena Vizcaíno Fernández fixo un percorrido co alumnado no que se trataron as seguintes cuestións:

  • Aproximación á necesidade da formación ALFIN na aula de Informática da Biblioteca.
  • Funcionamento e finalidade da Biblioteca.
  • As bibliotecas no século XXI.
  • Actividades: clubs de lectura, club de cine, charlas científicas…
  • Percorrido e explicación dos diferentes espazos e instalación.

Na fin da visita, que resultou moi amena e pedagóxica, os alumnos recibiron un pequeño agasallo.

 

“FÁLAME DA EMIGRACIÓN” FUNDACIÓN ABANCA

 

Como en cursos anteriores, vivimos a formidable experiencia de compartir as vivencias na emigración con persoas que, a través de fundación ABANCA, nos contaron historias que nos apaixonaron.

O mellor de todo é o interese mostrado por ambas partes e a relación interxeneracional que se produce.

Como acontecera xa nos pasados anos, non nos chegou o tempo a nada. Trátase dunha actividade moi produtiva que nos encantaría repetir. 


O uso dos móbiles nos centros de ensino.17/10/2018

Partindo da lei francesa que prohibe o emprego de teléfonos en centros escolares, os alumnos de 1º,2º,3º e 4º de ESO explicaron, con moito tino, os pros e contras da utilización libre dos móbiles nas escolas e institutos.

A participación do alumnado foi tan importante en número, que tivemos que continuar con este asunto en dúas sesións separadas máis (1º, 2º ESO/3º e 4º de ESO), para que todos puidesen dar a súa opinión.

Foi un éxito total. Esta actividade é unha das máis demandadas polo noso alumnado.

Este ano os alumnos de ALFIN de 1º de BAC colaboran coa elaboración das presentacións que se realizan nas xuntanzas, así como na divulgación da propia actividade.

 

26 DE SETEMBRO, DÍA DAS LINGUAS EUROPEAS

O alumnado das materias de biblioteca de 1º e 2º de BAC, colaborou nas actividades desenvolvidas para conmemorar o Día das Linguas Europeas.

Seleccionouse un texto que servise de referencia para transmitilo en diferentes linguas: latín, portugués, galego, español, francés, inglés, ruso… e, para sinalar a salientable diferenza, tamén en chinés, lingua materna dunha das nosas alumnas.

O texto escollido foi un fragmento dun poema do poeta portugués, Eugénio de Andrade:

A palavra, como tu dizias, chega 

húmida dos bosques: temos que semeá-la; 

chega húmida da terra: temos que defendê-la; 

chega com as andorinhas 

que a beberam sílaba a sílaba na tua boca. 

       

Preme para ver a pantalla completa          

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

O pasado 24 de outubro, os alumnos da materia de Voluntariado de Biblioteca de 2º de BAC conmemoraron este día coa realización da actividade “Pillados na Biblioteca”, que mostra a importancia da biblioteca do centro e a súa perspectiva como un lugar dinámico de actividades, intercambios e relación entre todos os membros da comunidade educativa. Déuselle publicidade nas redes sociais do centro.

O alumnado de 3º de ESO de Lingua Galega e Literatura celebrou o día cunha sesión de información sobre como ser booktuber. Resultoulles moi entretida e serviralles para exercer eles tamén como booktubers na 2ª avaliación.

Preme para ver a presentación a pantalla completa

DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO  DATA: Do 19 ao 30 de novembro. 

Os Correspondentes xuvenís (que tamén son Voluntarios de Biblioteca) seleccionaron cancións de actualidade cuxa letra incitase á violencia contra as mulleres e outras cun contido feminista. En cartolinas negras escribiron algunhas frases desas letras machistas e noutras violetas frases das músicas contra a violencia de xénero. 

 Nos recreos da semana so 26 ao 30 de novembro proxectáronse nos corredores do centro algunhas das cancións seleccionadas e os grupos de Correspondentes movíanse entre o alumnado amosándolles o que dicían sobre as mulleres e convidábanos a reflexionar.

A porta da biblioteca empapelouse de violeta, recreando a canción de Rozalén. Así, entrar na biblioteca, liberounos da violencia machista.

 Para concluír a intervención organizouse un Faladoiro na biblioteca para debater en que medida a música que escoita  a mocidade perpetúa os roles de xénero e incentiva a violencia contra as mulleres.

 

  

 

 

CLUB DE LECTURA DE POESÍA. EVA VEIGA

MARTES, 06/11/2018          15.45-16.30 NA BIBLIOTECA          ALUMNADO DE 1º DE ESO

Como poeta vocacional definiu a Eva Veiga, Pedro, o profesor encargado de coordinar esta primeira sesión do club Nós tamén lemos, coa que iniciamos con ilusión unha nova andaina neste curso 2018/19.

Eva é unha poeta que sentiu a súa vocación desde ben nena e transmitiu esa paixón a todos os presentes.

Para ela a poesía ocúpase da realidade soñándoa e mostrounos ben como a linguaxe poética transforma a realidade cotiá. A lírica é, para ela, unha relación afectiva co mundo e unha acción libertaria.

A poeta estableceu un diálogo moi interesante cos participantes, que tamén explicaron que é para eles a poesía. A aprendizaxe foi mutua e todos vivimos unha sesión ateigada de emocións.

Eva Veiga recitounos dous poemas, un deles adicado a nós, que agradecemos profundamente. Sempre é unha experiencia inesquecible compartir lecturas cos escritores.