You are hereClub de lectura

Club de lectura


ANDREA MACEIRAS, O QUE SEI DO SILENCIO

Despois de realizar unha entrevista por parte dos Correspondentes Xuvenís para a revista do centro, a autora desenvolveu unha xuntanza co alumnado de 3º de ESO que lera a súa obra, O que sei do silencio, e que trata a temática do acoso escolar.

Comezou por ler un conto, como os que ten intercalados a novela, para, posteriormente, iniciar un interesante diálogo cos alumnos.

HÉCTOR CAJARAVILLE: A CAIXIÑA DOS RANCORES

12/03/2019

 A partir da sentenza a Estevo por parte da xuíza Fonseca, ir todos os martes á casa de Mercedes Alemparte (Chiruca) por atropelala coa moto, prodúcese unha interrelación interxeracional entre uns mozos e unha señora maior: son capaces de entenderse, dialogar e reflexionar moi atinadamente sobre os seus mundos, tan afastados no tempo e tan distintos nas vivencias. 

O NENO CAN DE FRANCISCO CASTRO E FINA CASALDERREY

 

É unha obra de doada lectura que permite reflexionar sobre diversos temas, entre eles, o tema da auga que traballamos no Proxecto de Dinamización, Vieiros de auga.

Por outra parte, supón un compromiso cos máis desfavorecidos, tanto na temática, como na finalidade de parte dos beneficios da venda da obra (Galaxia destínaos a UNICEF).

 

FRANCISCO CASTRO: IRIDIUM

 

O alumnado leu con moito pracer a obra. Todos coinciden en valorar moi positivamente a novela.

Comentáronse con moito interese algunas das temáticas da obra e das particularidades da súa protagonista. Así, algúns dixeron que lles encantaría ter un ollo de cada cor, por exemplo.

CLUB DE LECTURA DE POESÍA. EVA VEIGA

MARTES, 06/11/2018          15.45-16.30 NA BIBLIOTECA          ALUMNADO DE 1º DE ESO

Como poeta vocacional definiu a Eva Veiga, Pedro, o profesor encargado de coordinar esta primeira sesión do club Nós tamén lemos, coa que iniciamos con ilusión unha nova andaina neste curso 2018/19.

Eva é unha poeta que sentiu a súa vocación desde ben nena e transmitiu esa paixón a todos os presentes.

Para ela a poesía ocúpase da realidade soñándoa e mostrounos ben como a linguaxe poética transforma a realidade cotiá. A lírica é, para ela, unha relación afectiva co mundo e unha acción libertaria.

A poeta estableceu un diálogo moi interesante cos participantes, que tamén explicaron que é para eles a poesía. A aprendizaxe foi mutua e todos vivimos unha sesión ateigada de emocións.

Eva Veiga recitounos dous poemas, un deles adicado a nós, que agradecemos profundamente. Sempre é unha experiencia inesquecible compartir lecturas cos escritores.

 

CLUB DE LECTURA SOBRE DENÉBOLA, A ROXA DE HÉCTOR CAJARAVILLE

O día 3 de abril, recén chegados de vacacións,  celebramos unha nova sesión do Club de Lectura,  sobre o libro de Hector Cajaraville,  Denébola, a Roxa,  con alumnos e alumnas de 1º de ESO. 

Para coller forzas, compartimos uns ricos freixós que cociñou Pedro e logo  debatemos sobre o libro que nos deu moito xogo, pois a través das aventuras dunha rapaza que viviu no ano 1600, falamos de piratas, de superación, da loita das mulleres para escoller o seu destino, de supersticións… 

Interesantes reflexións dos participantes!

        

Club de lectura sobre o libro de Fran Alonso: Cartas de amor

Para conmemorar  O Día Internacional da Muller celebramos unha sesión do Club de lectura sobre a obra Cartas de amor de Fran Alonso.

O amor ou o desamor foron  as desculpas que nos permitiron coñecer as dramáticas circunstancias que rodean ás mulleres que escriben as cartas que conforman o libro.

A partir destas cartas, o alumnado de 1º, 2º 3ºe 4º de ESO reflexionou  sobre a valentía de mulleres con   circunstancias vitais, persoais ou sociais moi  difíciles,  relacionadas coa violencia, inmigración, prostitución, guerra…

                  

Club de Lectura de Poesía

 O día 28 de novembro tivo lugar na Biblioteca unha nova sesión do Club de Lectura.  Nesta ocasión estaba destinada aos alumnos de 1º de ESO. Unha vez máis os máis pequenos sorprendéronnos  coa súa sensibilidade e espontaneidade. Todos eles recitaron poemas que eles mesmos escolleron nunha selección de libros aos que puideron acceder na mesa de poesía  que se montou na Biblioteca.