You are hereGalego / Actividades

Actividades


BICOS CON LINGUA

O pasado mércores 7 de novembro, os alumnos de 3º ESO asistiron no Pazo da Cultura de Narón a unha obra de teatro con moita chispa que enfeitizou o alumnado. A temática da situación lingüística do galego é tratada con intelixencia e sentido do humor, algo que valoraron moi positivamente os rapaces, que gustaron moito de desfrutar dunha representación teatral cun contido moi interesante desde unha perspectiva humorística e próxima.

Todos recoñeceron que quererían repetir máis experiencias coma esta. Un éxito.

 

O GALEGO A MIÑA LINGUA PROPIA: MÚSICAS GALEGAS ILUSTRADAS

O pasado 19 de outubro, tivo lugar a participación no proxecto da Deputación da Coruña  'O galego, a miña lingua propia' . Esta actividade pretende poñer en valor que temos un idioma propio; tamén busca reafirmar o uso da lingua en mozos e mozas que a usan só nalgúns contextos, fomentando unha actitude positiva dos e das adolescentes fronte á lingua.

Ademais a actividade MÚSICAS GALEGAS ILUSTRADAS , dá visibilidade á muller na nosa cultura. Coa axuda de imaxe e audio, Laura Romero presentou dende mulleres pioneiras coma Áurea Rodríguez, a primeira gaiteira galega documentada, ata músicas actuais coma Sés. 

Tamén falou das mulleres que participaron no rock bravú, un estilo único galego pero moi masculinizado, igual que foi o caso da Movida Viguesa. E por suposto tamén se referiu ás músicas que cantan en galego hoxe en día e que recuperan a música tradicional e o folk na música actual.

ENTREGA DE PREMIOS DO CERTAME DE MICRORRELATOS CARMELA LOUREIRO.

Esté pasado sábado, 28 de abril, celebrouse a entrega dos premios do IV Certame Literario Carmela Loureiro. Na capela do Centro Cultural Torrente Ballester entregáronse aos premiados diversos obsequios. O acto foi presidido polo alcalde e diversos concelleiros.De xeito solemne e nunha atmósfera chea de ilusión, léronse os textos premiados. 3 alumnos dos 5 galardoados do noso Instituto recibiron os seus agasallos. Mercedes Grandal de 1º de ESO recibiu o 1º premio de microrrelato na súa categoría, ademais Azael        e Paula Gonzalez tamén os seus accésit. David Carpintero e Sara Castro escusaron a súa asistencia por diversos motivos.

Noraboa a todos eles e ánimo para seguir no futuro no camiño creativo e en galego!

FALADOIRO SOBRE O CONSUMO DE ALCOHOL E OUTRAS DROGAS na mocidade e súas consecuencias

O xoves , día 11 de abril, celebramos un faladoiro para reflexionar sobre o consumo de alcohol e drogas por parte do mozos e mozas, incluídos os menores de idade. Quen ten que asumir responsabilidades  do consumo incontrolado de alcohol e outras substancias?  Que medidas terían  que tomarse fronte  a tantas noticias relacionadas con este tema: pelexas, accidentes de tráfico, afogamentos, atropelos a ciclistas… 

Tralo debate e reflexión, todos  os participantes deberán levar as súas propostas de mellora  ao seguinte  Faladoiro. 

O debate e a reflexión  como instrumentos para madurar e mellorar. 

            

CLUB DE LECTURA SOBRE DENÉBOLA, A ROXA DE HÉCTOR CAJARAVILLE

O día 3 de abril, recén chegados de vacacións,  celebramos unha nova sesión do Club de Lectura,  sobre o libro de Hector Cajaraville,  Denébola, a Roxa,  con alumnos e alumnas de 1º de ESO. 

Para coller forzas, compartimos uns ricos freixós que cociñou Pedro e logo  debatemos sobre o libro que nos deu moito xogo, pois a través das aventuras dunha rapaza que viviu no ano 1600, falamos de piratas, de superación, da loita das mulleres para escoller o seu destino, de supersticións… 

Interesantes reflexións dos participantes!

        

Visita da escritora María Solar para falar do seu libro Os nenos da varíola

A escritora María Solar falou do seu libro Os nenos da varíola ao alumnado de 3º de ESO. Con esta fermosa historia, ponse de manifesto a importancia da expedición  española dodoutor Balmis, que levou a vacina da varíola a América transportada no propio corpo dun grupo de nenos galegos. 

A charla foi  moi interesante e destaca a abundante documentación que a autora nos proporcionou sobre o tema.

    

charla da escritora Andrea Maceiras para o alumnado de 4º de ESO

Andrea Maceiras compartiu co alumnado de 4º de  ESO a súa novela Nubes de evolución. Os Correspondentes Xuvenís fixeron a presentación da autora e comentaron  con ela as videocríticas que realizaron na aula.

A continuación Andrea fixo unha fermosa intervención  na que explicou, apoiandose en imaxes, o como e  o porqué  da fermosa e enigmática novela.

Finalmentre houbo un debate no que se falou da novela, dos personaxes, da literatura e ata da música. Rematou o acto asinando os libros.

 Foi un pracer  compartir  a velada con Andrea.

 

  

Celebración Día Rosalía na Biblioteca,durante os recreos

Como cada ano fixemos unha homenaxe a Rosalía de Castro  e achegámonos   súa poesía a través da lectura reflexiva nas aulas,  e o recitado,  as flores, a música e as imaxes suxestivas, na Biblioteca.

A mesa de exposicións da Biblioteca e o muro de vida  convertéronse  nunha fiestra aberta na que se  escribiron  poemas, estrofas ou versos.

Libros, poemas e rosas para Rosalía.

  

  

Faladoiro sobre o cinema

Por suxestión dos alumnos e alumnas organizouse un faladoiro sobre o cinema e a influencia que ten nas nosas vidas. Todos os rapaces e rapazas foron explicando cal era a súa película favorita e os motivos da súa escolla. 

Resultou moi interesante e quedou curto o tempo, polo que continuaremos con outros aspectos do tema en vindeiras sesións do faladoiro.