You are hereActividades

Actividades


CAMIÑOS MATEMÁTICOS

O día 12 de Maio celébrase o Día Nacional das Matemáticas Escolares, e para celebralo, os alumnos de 1º de ESO realizaron unha sesión de xogos matemáticos na Biblioteca. Organizados en grupos e dirixidos por Cristina, coa colaboración doutros profesores, tiveron que empregar moito inxeño, rapidez e concentración. Nos grupos a solución íase atopando con diálogo, cooperación, razoamento e competitividade. Unha xornada moi lúdica pero tamén moi didáctica.

Club de Lectura: El señor del cero 09/05/2017

Nós, tamén camiñamos polas Matemáticas.

Os alumnos de 1º de ESO participaron nunha sesión  do Club Debate para compartir o libro de Isábel Molina El señor del cero. Cristina, a profesora de Matemáticas, dinamizou a sesión na que  descubrimos a historia do número cero e a súa importancia nas Matemáticas e nas nosa vidas.

Tamén a novela,  a presentación e os  breves vídeos proxectados   serviron para reflexionar sobre a historia, os mosteiros medievais,  a toleracia / intolerancia…

Foi unha sesión moi interesante e orixinal.

Poesía e Imaxe: En galego sen filtro

Un ano máis dous alumnos do noso instituto foron seleccionados no Certame Poesía e Imaxe: en galego sen filtro.

A nosa lingua é o vehículo  que nos achegou a  unha selección  poemas da Literatura Universal para convertelos nunha obra plástica en calquera modalidade. A poesía, a imaxe, a realidade multilingüe no mundo e a creatividade son os ingredientes deste interesante Certame.

D. Quijote e Sancho Panza polos camiños da Mancha. 04/05/2017, 05/05/2017 e 09/05/2017

 Seguimos celebrando a Semana do Libro con interesantes exposicións dos alumnos de 1º de BAC que percorren o camiño  de D. Quijote de la Mancha....

Hugo realizou unha interpretación da obra cervantina na que contrapuxo o camiño de don Quijote co dos heroes dos libros de cabalerías.

 Un grupo de 1º de BAC B percorreu os espazos que aparecen na obra e  camiñou pola súa gastronomía. Alumnas de 1º de BAC A falaron do papel das mulleres na novela.

Faladoiro: Polos camiños dos libros. 26/04/2017 e 28/04/2017

o gallo da celebración da Semana  do libro, tivo lugar na Biblioteca un faladoiro sobre os libros e a lectura.

Resultou moi interesante este faladoiro polas diferentes  opinións sobre o que a lectura  pode achegar á vida das persoas, sobre os hábitos de lectura e os comentarios  do alumnado sobre as lecturas escolares.

Tamén compartimos os libros favoritos, os que nos deixaron marca, os que non demos lido....

 Sen dúbida os faladoiros están dando o seu froito e  flúen as opinións de xeito cada vez máis espontáneo. 

Obradoiro de portugués 19/04/2017

Un curso máis por iniciativa do Equipo de Dinamización Lingüística en colaboracion co Equipo de Biblioteca, celebrouse no Instituto un obradoiro de achegamento a lusofonía na Biblioteca do Centro.

 

Os alumnos de 3º de ESO, dun xeito ameno e interactivo,  levaron a cabo unha serie de prácticas que os achegaron á lingua portuguesa e  lles  abriron as portas ao interesante e amplo mundo da lusofonía do que tamén forma parte a nosa lingua galega. 

Fálame da emigración: o valor da experiencia. 2º encontro. 07/04/2017

O día 7  tivo lugar na Fundación ABANCA o segundo encontro interxeracional dun grupo de  alumnos e alumnas de 4º de ESO cos maiores que viviron a emigración. A xornada  tivo moito que ver co valor da experiencia e foi  moi enriquecedor o intercambio de vivencias entre varias xeracións. 

 

O conxunto desta actividade, primeiro no instituto e logo nas estupendas instalacións da Fundación  ABANCA,  foi un auténtico mestrado  en camiños  de vida  para o alumnado e o profesorado participante.