You are hereActividades

Actividades


Fálame da emigración

O día 07-04-2017, na biblioteca do noso instituto tivo lugar unha actividade que enmarcamos no proxecto interdisciplinar e colaborativo CAMIÑOS: FÁLAME DA EMIGRACIÓN, promovida por AFUNDACIÓN ABANCA. Este programa interxeracional insírese na liña estratéxica «O valor da experiencia», da área de Envellecemento Activo de Afundación e permitiu o contacto entre os rapaces e rapazas de 3º de ESO e persoas maiores que teñen moito que aprenderlles. Perseguimos o obxectivo que define o proxecto da Fundación: A través dos encontros, maiores e mozos e mozas compartiron experiencias, opinións, coñecementos, traballo e emocións, establecendo relacións significativas baseadas na reciprocidade e o recoñecemento mutuo. As nosas correspondentes xuvenís acolleron e presentaron aos nosos convidados:

 - Esther Benilde Maseda, foi emigrante en Arxentina e logo en Reino Unido

- Andrés Gallego Pérez, foi  emigrante en Australia

- Juan Filgueiras Cartelle, foi emigrante en Suiza.

Despois dos seus relatorios visitamos a nosa exposición OS CAMIÑOS DA EMIGRACIÓN.

Este primeiro encontro dará pé ao alumnado a  investigar durante dúas semanas cales son as raíces da súa familia na emigración. Prepararemos unha presentación  e a finais de mes visitaremos nós o Centro de Maiores de ABANCA.

Os encontros interxeracionais son un instrumento óptimo de aprendizaxe que non adoitaba incorporarse aos currículos e que desde o EDLG consideramos esencial e totalmente enriquecedor. A emigración é un tema de máxima actualidade posto que no futuro de moitos dos nosos mozos e mozas contémplase como unha posibilidade.

Hamlet: O camiño da dúbida

A dramatización Hamlet: o camiño da dúbida, pon de relevo a situación afogante do personaxe de Shakespeare ante una elección terrible.

O grupo de alumnos de Literatura Universal realizou unha adaptación do texto do escritor inglés e fixo aportacións novidosas, resultado dun traballo incardinado dentro do proxecto interdisciplinar Camiños.

 

Foi foi fundamental, para a posta en escea, a colaboración do departamento de Video DJ e Son. 

Club de Lectura musical

Resultou moi interesante a sesión  do Club de lectura musical dirixida pola profesora de Música, Victoria.

 

A través dunha serie de pezas musicais, os participantes reflexionaron sobre as súas semellanzas e diferenzas, sobre as letras, as melodías....  A atención, a reflexión e a interrelacion de  música, poesía e diálogo conseguiron unha interesante e orixinal sesión. 

Faladoiro sobre actividades extraescolares

Unha nova sesión dos faladoiros dos mércores, serviu a un numeroso grupo de alumnos de distintos cursos para intercambiar opinións sobre as actividades extraescolares que ocupan moito do seu tempo de lecer e que en ocasións poden chegar a ser unha dura carga.

CERTAME COCACOLA. NOVOS TALENTOS. RELATO CURTO (11/03/2017)

O venres 11 de marzo, Pepe, Artai, Paula Soto, Lucas, Brais e Laura Orosa, alumnos de 2º de ESO,  participaron no Certame de Cocacola que se celebrou na Facultade de Filoloxía da Coruña. Foron recibidos pola Decana da Facultade e os responsables de Dinamización e Cocacola. Tras realizar o seu relato foron invitados a merendar e de volta a casa. Agora a esperar a ver se hai sorte e cae algún premio.

Certame Coca Cola

ACTIVIDADES DO DÍA DA MULLER: (08/03/2017)

O Departamento de Dinamización Lingüística en colaboración coa Vicedirección e numerosos Departamentos didácticos,  realizou unha actividade que tiña por obxectivo homenaxear e dar a coñecer entre o alumnado a numerosas mulleres relacionadas coas distintas  disciplinas: Literatura Galega e Española , Filosofía, Música, Plástica, Ciencias Sociais, Física e Química, Ciencias Naturais...

 

 As portas dos Departamentos didácticos, corredores do instituto, a Biblioteca...  foron empapeladas coas fotos e nomes de tantas e tantas mulleres que destacaron pola súa traxectoria persoal e profesional. 

ANTONIO MACHADO, O CAMIÑO COMO SÍMBOLO. (Camiños. 07/03/2017)

O Departamento de Lingua Castelá organizou na Biblioteca un interesante relatorio titulado Antonio Machado, o camiño como símbolo e presentado pola alumna de 2º de BAC, Clara Mariana. A lírica de Machado mostra como a paisaxe e os camiños naturais que percorre son un xeito inigualable de manifestar as emocións da vida. Os protagonistas foron os alumnos de 1º de BAC que analizaron a obra de Machado partindo sempre da lectura dos seus  poemas. Este traballo é parte da contribución do Departamento de Lingua Castelá ao Proxecto interdisciplinar  de Dinamización.

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO. (23/027/017)

Un ano máis homenaxeamos a Rosalía de Castro na Biblioteca do instituto. Realizouse un fermoso acto que combinou  flores,  música, imaxes e recitado de poemas. Contou coa presenza de nove profesores visitantes  do País de Gales aos que agasallamos cunha presentación e parte do recitado en inglés. 

CLUB DE LECTURA. (14/02/2017)

Núñez Singala, autor do libro Instrucións para tomar café, foi un invitado de luxo no Club de Lectura para  compartir  connosco a súas opinións e moitas das súas vivencias e estratexias relacionadas co seu oficio de escritor. Foi unha sesión interesante e divertida.

FALADOIROS sobre a Non violencia. (02/02/2017 08/02/2017 15/02/2017)

As últimas tres sesións dos Faladoiros  que teñen lugar na Biblioteca do instituto  serviron para reflexionar sobre a presenza de comportamentos violentos na sociedade  en varias das súas  facetas. Falamos do posicionamento dos gobernos sobre o emprego e o tráfico de armas, sobre os videoxogos violentos e os perigos que supoñen,  e sobre o acoso na escola e nas redes. Contamos con moitos rapaces e con opinións interesantes.