Skip to Content

PROXECTO TERRA

O alumnado de 4º ESO A e B visitou o venres 11 de marzo a exposición de Proxecto Terra organizada no Auditorio do Museo do Mar de Vigo. Os alumnos foron acompañados polos profesores  de Xeografía e Historia, Esther del Castillo e Marcos Fernández.

Pincha sobre a imaxe inferior para ver as fotos do álbum

Álbum: Viaxes didácticas -> Proxecto Terra marzo 2022

Conferencias sobre o Ano Santo

Ao longo deste curso 2021-2022, sucedéronse diferentes charlas de importantes persoeiros  relacionadas coa celebración do Ano Santo Compostelano e o Camiño de Santiago: D. Calixto Cobo Franco (Vicario de Educación), D. Carlos Valle (Exdirector do Museo de Pontevedra), Fernando Olbés (Profesor de Música do IES Sánchez Cantón), Rosana López Salgueiro (muller relevante no mundo da política e da empresa en Galiza) e D. Julián Barrio (Arzobispo de Santiago de Compostela). Ademais, tamén foron invitados representantes de Cáritas provincial, da ONG "Calor e café"e da Peregrinación de Xóvenes a Santiago de Compostela.

Neste álbum deixamos unha pequena mostra do que sucedeu.

 Pincha sobre a imaxe inferior para ver as fotos do álbum

Álbum: Actividades -> Conferencias sobre o Ano Santo

CONCURSO DE DESEÑO

 

Concurso Logo Museo IES Sánchez Cantón

O Club de Ciencia en relación co proxecto iniciado este ano de dinamización do Museo convoca un concurso de deseño dun logo que acompañe tanto o blog do Museo como os paneis que o conformarán. A idea é que o Museo pase a formar parte máis activa da nosa vida académica e para iso procederemos a unha remodelación dos espazos e das pezas para darlle maior visibilidade. Pero como toda institución precisa dunha imaxe que o faga identificable e o acompañe resolvemos en convocar para todo o alumnado un concurso que destape toda a vosa creatividade.

 BASES:

 1-Pode presentar deseños do logo todo o alumnado e so pode presentar un logo.

 2- O prazo é ata o 19 de abril inclusive. O deseño enviarase ao enderezo pablo.alonso.de.vega@edu.xunta.es. O formato do deseño será DIN-A4 psado a PDF.

 3-Un xurado composto polo profesorado pertencente ao Club de Ciencia ditaminará cal é o logo gañador. Se ningún deseño é axeitado o premio quedará deserto.

 4-O premio será un vale de 50 euros na libraría especializada en banda deseñada Libraría PAZ.

 5-O Club de Ciencia se reserva o dereito de modificar o logo con fins prácticos (para que cadre coa cartelaría do Museo ou co blog)

 6-O logo so será usado no contexto do Museo, nunca con outros fins.

Agardamos a vosa participación!

 

 

 

Premio "Ernestina Otero Sestelo"

Onte, venres 4 de marzo, o IES Sánchez Cantón recibiu no Pazo de Cultura o 2º premio Ernestina Otero Sestelo do Concello de Pontevedra, polo seu proxecto: "Entre donas ás beiras do Lérez".

Este traballo interdepartamental e transversal desenvolvido na Secundaria e no Bacharelato durante o curso 2020-2021, foi galardoado por varios motivos: ser un estudo integral e multidisciplinar da muller partindo da contorna inmediata do alumnado para chegar a un ámbito internacional, por revisar o pasado dende un punto de vista feminista e igualitario, por integrar os contidos curriculares en proxectos colaborativos, e pola divulgación pública na web mediante as canles de Telegram, Youtube, Instagram e Facebook.

Noraboa a todo o profesorado e alumnado que participou na elaboración deste fermoso proxecto.

 

Pincha sobre a imaxe inferior para ver as fotos do álbum

Álbum: Actividades -> Premio "Ernestina Otero"

ENTROIDO 2022

 O pasado venres 25 de febreiro, celebramos o noso xa tradicional Entroido. Este ano houbo que combinar as actuacións estelares de cada un dos grupos, tanto de ESO como de Bacharelato, cos obradoiros organizados polo alumnado do ciclo de TSEASD, dirixido polos seus profesores.

  O noso agradecemento:

  • A todo o alumnado do centro, pola súa participación e esforzo en días de exames.
  • Ao alumnado do ciclo de TSEASD, pola preparación dos diferentes obradoiros nos que participou o resto do alumnado e pola coordinación dos diferentes turnos.
  • Ás conserxes e señoras da limpeza, que estiveron pendentes de que todo fluira con normalidade.
  • Á ANPA do centro, por ter subvencionado esta actividade e contratar á empresa Master Discotecas Móviles para realizar a animación musical no pavillón.
  • Ao xurado, composto por profesoras (Lourdes García, Belén Herrero e María Buceta), exalumnas (Laura Somoza e Candela Vega) e polo membro da ANPA,  José Bernardo Vázquez (Pepe), membro da ANPA.
  • Aos titores e demais profesores, que canalizaron e axudaron ao seu alumnado para que a festa se puidese realizar.
  • A todo o profesorado, que o venres 25, traballou ao unísono para que o alumnado puidera desfrutar dunha mañán de ledicia e lecer.

 Noraboa a todos os grupos premiados:1º ESO D, 1º ESO B, 2º ESO A, 3º ESO C, 4º ESO D, 4º ESO A, 1º BACH. E, 1º BACH D, 2º BACH E.

 

   

 

 

PLACA DE HONRA DA ORDE DE ALFONSO X, O SABIO

O mércores 16 de febreiro recibimos por correo ordinario a noticia de que lle fora concedida a Placa de Honra da Orde de Alfonso X, o Sabio ao IES Sánchez Cantón pola súa traxectoria desde o ano da súa creación en 1845.

Queremos compartir este galardón con toda a comunidade educativa que participou da vida neste centro, lembrando con afecto a todo aquel alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos, que durante estes 177 anos traballaron en prol dunha educación pública de calidade para moitas xeracións de pontevedreses e pontevedresas.

 

Concesión da Placa de Honra da Orde de Alfonso X, o Sabio

Encontro con María Rei

O pasado luns 7 de febreiro, a escritora María Rei achegouse ao noso centro para realizar un encontro co alumnado do Club de Lectura de Igualdade e compartir a experiencia lectora da súa obra "Flores de Ferro". Posteriormente, reuníuse tamén coas familias que tiñan desfrutado desta lectura.

 

Pincha sobre a imaxe inferior para ver as fotos do álbum

Álbum: Actividades -> Encontro con María Rei

Axudas para estadías no estranxeiro (alumnado de bacharelato)

Convocadas axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2022, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos:

https://bit.ly/3BbCHL3

 

DESTINATARIOS: Alumnado de 1º ou 2º de bacharelato de centros sostidos con fondos públicos.

REQUISITOS ACADÉMICOS: Ter superadas todas as áreas ou materias no curso 2020/21 e ter acadado no curso 2020/21, na área ou materia de lingua estranxeira que se vai perfeccionar na estadía, unha cualificación mínima de 6 no 4º curso de ensinanza secundaria obrigatoria para as prazas convocadas para o 1º de bacharelato e de 6 no 1º curso de bacharelato para as prazas convocadas para o 2º curso de bacharelato. (Consultar convocatoria para outros requisitos, documentación, baremación, contía das axudas etc.)

Nº DE PRAZAS: 525. (Canadá, Reino Unido, Francia e Portugal) durante a última semana do mes de xuño ata finais do mes de agosto de 2022, coa excepción das actividades para 2º curso de bacharelato, que se desenvolverán no mes de agosto.

PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDESUn mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (31 de xaneiro de 2022). As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

O procedemento de solicitude iniciarase a través da aplicación en liña dispoñible desde a páxina web https://www.edu.xunta.gal/axudasle  e cubrirase o formulario electrónico que corresponda en función da actividade en que desexan participar.

 

Obradoiro con Paco Cascón: "Educar en e para o conflito"

A pasada semana visitou o noso centro Paco Cascón, profesor da Licenciatura de Cultura en Paz da Universidade Autónoma de Barcelona. O profesorado asistiu a un obradoiro que impartiu durante as tardes da semana sobre resolución de conflitos, tema no que leva traballando máis de 30 anos a nivel internacional participando en casos tan graves como o das mulleres asasinadas en Ciudad Juárez, México, un dos países nos que reside e traballa durante varios meses do ano.

O venres 28, tamén o alumnado que participa dos equipos de axuda e o que está formándose en mediación, recibiu unha sesión de traballo con Paco Cascón.

 

Pincha sobre a imaxe inferior para ver as fotos do álbum

Álbum: Actividades -> Obradoiro de convivencia

Conferencia de María Loureiro (investigadora honorífica da UVigo) sobre o cambio climático e consumo responsable

Como sabedes, onte tivemos unha charla que se insire no marco das actividades programadas para celebrar o día da  Nena na Ciencia (11 de febreiro), organizada polo Club de Ciencia e o Comite de Iguladade. A conferencia titulouse  "Cambio Climático e consumo responsábel" e estivo a cargo de María Loureiro, investigadora honorífica da UVigo, alén de directora CIENTÍFICA dO GRUPO ECOBAS (Economics and Business Administration for Society). 

María falounos do proxecto ECOBAS e da intrínseca relación entre o consumo e o clima, ou mellor dito, como o noso consumo responsábel podería influir positivamente no cambio climático. Alén disto, tamén incidiu nas dificultades das investigadoras para acceder a postos elevados ou da complexidade na conciliación familiar a tan alto nivel académico.

Foi un pracer tela connosco e temos pendente unha visita ao centro de investigación que están creando.

          

                

 

Distribuir contido


by Dr. Radut