Semana Branca en Andorra 2018

Venres 26/01/2018: Quinto e último día de esquí. Aínda que a neve caía copiosamente, puidéronse facer as últimas baixadas polas pistas, nas que quedou de manifesto o bo nivel de esquí acadado.

Nestes intres atópanse no autobús e xa pasaron a fronteira, estando prevista a súa chegada a Monforte de Lemos sobre as 9:00 horas de mañá Sábado 27 de xaneiro.

Facendo click na imaxe que hai no pé desta entrada accédese a unha recopilación de imaxes de toda a excursión.

¡Fin da Semana Branca!

Xoves 25/01/2018: Cuarto día de "Semana Branca" e a xornada de hoxe estivo con algunhas nubes, pero esquiando a totalidade do alumnado, aínda que algúns deles empezan a ter pequenas molestias nos xeonllos, típicas do esforzo realizado. A estas horas da noite encóntranse no Balneario de Caldea recuperando forzas para a xornada de mañá.

Mércores 24/01/2018: Terceiro día completo en Andorra e de novo un sol estupendo para esquiar e nas últimas horas do día aínda tiveron tempo para ir a patinar ao Palacio do Xeo de Canillo. Todos cansos pero contentos, xa están a descansar para coller forzas para o día de mañá.

Martes 23/01/2018: Segundo día da "Semana Branca" en Andorra e todo o alumnado esquiando nun fantástico día soleado e sen ningunha incidencia subliñable. Mañá, logo da xornada de esquí, toca patinar no Palacio de Xeo de Canillo.

Facendo click no álbum ao pé desta entrada visualízanse un conxunto de imaxes enviadas polos profesores acompañantes.

Luns 22/01/2018: Primeiro día de esquí no Tarter. O alumnado tivo o primeiro contacto cos monitores e traballaron con normalidade, aínda que con algunha dificultade para ir collendo o ritmo, que non son máis que as molestias típicas dos primeiros contactos coa neve.

Alumn@s de 3º de ESO e 1º BAC iniciaron a noite do sábado ao domingo 21 de xaneiro de 2018 a “Semana Branca en Andorra”.

Os profesores acompañantes son Carlos Parada, profesor de Educación Física e organizador da actividade, xunto coa profesora de Lingua Castelá e Literatura, Beatriz López.

A chegada a Andorra produciuse sen ningún contratempo e xa están instalados no Hotel Cosmos.

A volta está prevista para o vindeiro sábado 27 de xaneiro. Seguiremos informando desde esta páxina web do centro a medida que os profesores acompañantes manden máis información nos vindeiros días.

Álbum: Extraescolares -> Semana Branca 2018