Viaxe a Santiago do alumnado de 3º ESO

O martes día 6 de xuño o alumnado de 3º da ESO, acompañados por dous profesores (Carlos Parada e Luz Díaz), fixeron unha viaxe didáctica a Santiago. En primeiro lugar visitaron a Cidade da Cultura e recibiron explicacións acerca da novedosa arquitectura, das funcións dos diferentes edificios e achegáronse á enorme biblioteca.

A continuación, visitaron o Parlamento de Galicia, onde un guía lles deu explicacións tanto no que se refire ó edificio (arquitectura, usos que tivo anteriormente, disposicións das diferentes dependencias, reformas, etc.) como ó labor que se realiza nese lugar. Presenciaron  varias ponencias durante a sesión parlamentaria que tiña lugar neses momentos e unha votación sobre os orzamentos do ano 2017. A visita e as explicacións foron moi instrutivas, pero o que máis ilusión lles fixo foi que a parlamentaria monfortina, Dª. Julia Rodríguez, abandonase temporalmente o hemiciclo (onde se estaban discutindo os orzamentos) para manter unha conversa distendida con todo o alumnado, prestándose a responder a canta pregunta quixemos facer e explicando cales eran as súas funcións dentro do Parlamento, como chegara aí, e incluso facendo unha representación do que poderían ser as discusións que se plantexan durante as sesións parlamentarias. Foi un detalle que lle agradecemos encarecidamente.

Logo de facer unha parada nun centro comercial para recuperar forzas, visitaron o Pazo de Oca. A visita foi moi instrutiva e tiveron ocasión de ver: sequoias, magnolios, camelios (máis de 170 variedades), cítricos, criptomerias, buxos, teixos, tileiros… os xardíns son unha marabilla, tanto a parte  de estilo francés (perfectamente estruturada) como o de estilo inglés (máis ‘natural’ e aparentemente silvestre), o estanque, os diferentes labirintos, as esculturas vexetais, a horta…

En resumo, unha viaxe instrutiva e un pracer para os sentidos. Felicitarnos porque lles acompañase o bo tempo e volveron a Monforte sobre as 19:00, cansos pero moi satisfeitos.