Tres alumnos de 2º de ESO na Olimpíada Matemática

3 alumnos do IES Río Cabe participaron o 27 de Abril de 2017 na fase de zona da Olimpíada Matemática Galega que se celebrou na localidade de Lugo para o alumnado de 2º de ESO.

Nesta fotografía aparecen de esquerda a dereita Iván Castro Álvarez, Fernando Díaz Martínez e Brais Rodríguez Rodríguez; os 3 alumnos do IES Río Cabe que nos representan nesta competición. E clickando na imaxe accédese a unha pequena galería de fotografías da competición, a que asistiron acompañados da súa profesora de Matemáticas, Trinidad Álvarez González.

A Olimpíada de Matemáticas é un concurso que se realiza co fin de promover a ensinanza e aprendizaxe das Matemáticas a través da resolución de problemas, dirixido ao alumnado de 2º de ESO, e organizado por AGAPEMA (Asociación Galega de Profesorado de Educación Matemática). Esta é a 19ª edición e a proba, nesta fase, consiste en resolver de forma individual cinco problemas, primando na valoración dos mesmos o método de resolución empregado ou a súa orixinalidade, por enriba da mera solución.

Nesta fase seleccionaranse aos 40 mellores participantes, que acudirán o 18 de maio a fase final galega da Olimpíada de Matemáticas para alumnado de 2º de ESO.