Día das Letras Galegas 2016

Hoxe, luns 16 de maio, tivo lugar no salón de actos do noso centro a celebración do Día das Letras Galegas adicado este ano a figura de Manuel  María, escritor e poeta moi vinculado a cidade de Monforte. Os actos consistiron, en primeiro lugar, nunha  lectura por parte de alumnas e alumnos de 3º de ESO de varios poemas de Manuel  María. A continuación os asistentes ao acto puideron escoitar un traballo levado a cabo polos alumnos de informática consistente nun audio coas voces dos alumnos recitando partes de poemas do autor e combinados con fragmentos musicais.

Seguidamente  tivemos a oportunidade de escoitar a Manuel Rajo, amigo persoal de Manuel María, que  falou da figura do poeta e do home destacando a profunda humanidade e sensibilidade  que sempre caracterizou tanto a obra como o transcorrer da vida do artista. Manuel Rajo mantivo tamén ao final do acto un animado coloquio co alumnado do noso centro respondendo as moitas preguntas que lle fixeron.

Por último, os asistentes puideron disfrutar da actuación musical da agrupación “O Trícole”, que interpretaron varios poemas de Manuel María.

Unha festa do noso idioma, que seguro fixo as ledicias dos asistentes e que nos acercou a figura do grande poeta e escritor que foi Manuel María.