A Mirada de Anna Turbau

Co gallo de conmemorar o Día da Muller Traballadora, Anna Turbau, unha das fotoxornalistas máis importantes que houbo na transición, impartiu unha charla ao noso alumnado de 4º de ESO e Bacharelato.

A súa exposición fotográfica “Tan só hai 40 anos”, está no noso centro dutante estes días. As fotografías de Anna Turbau, cos seus grandes picados e contrapicados, sempre no corazón da acción e recollendo as actitudes de todas as partes comprometidas no conflito déixannos un detallado retrato daqueles anos cun selo persoalísimo. Cunhos coidadosos encadres, as composicións de Turbau abren paso a un torrente de enerxía e rebelión no que é constante a presenza de mulleres que non son vítimas pasivas senón personaxes importantes nunha trama complexa.

Previamente á súa charla, nas clases, o alumnado viu un documental sobre o seu traballo titulado "A Mirada de Anna", dirixido por Llorenç Soler e Jorge Algora, que relata a segunda metade da década dos 70 a través das fotos, recordos e testemuños dos seus protagonistas, sacando á luz a versión menos oficial dos anos que van da Transición á Democracia.

As súas imaxes convertéronse en auténticas iconas da historia da Galica. Tivo a súa primeira exposición en Galicia na Galería Sargadelos de Santiago en 1979, titulada "Galicia", á que seguiron infinidade delas tanto a nivel individual coma colectivo, sendo a última en Barcelona en 2016. Este é só un pequeno boceto da súa obra e neste momento está en negociacións para cederlle toda a súa obra ao Centro da Cultura en Santiago de Compostela, a cidade que a acolleu maiormente na súa estadía en Galicia hai 40 anos.

Segue traballado na súa paixón, que é a fotografía, expoñendo e facendo conferencias e, de cando en vez, como é o noso caso, na transmisión do seu saber aos máis novos cos que goza e se enriquece de continuo.

Facendo click na seguinte imaxe se poden ver algunhas fotos da actividade: