Xesús Manuel Marcos

CONFERENCIA DE XESÚS MANUEL MARCOS

O día 14 de maio recibimos a visita do escritor courelao Xesús Manuel Marcos. Xa estivera hai tres anos no noso centro para falarnos da súa novela O brindo de ouro. Esta vez veunos falar do tamén poeta courelao Novoneyra.. Agradecemos a súa boa disposición para visitarnos e dámoslle as grazas tamén ao seu irmán Xurxo, profesor de relixión.

Velaquí a entrevista que o ENL preparou.

-Onde naciches?

-En Seoane do Caurel (Lugo)

-Que recordos tes da etapa infantil?

-Teño recordos felices. Eramos moitos cativos na escola unitaria, todos xuntos, desde os seis aos catorce anos. Tiven unha infancia modesta pero feliz.

-Que querías ser de maior?

-Iso, de cativo, non me preocupaba demasiado.

-Que estudos realizaches?

-Cheguei ata os estudos de Dereito en Santiago de Compostela, aínda que non os rematei.

-Cóntanos algún recordo da túa etapa no noso centro.

-Todos os recordos no Río Cabe son bos, tanto dos compañeiros de COU como dos profesores que me deron clases. Só teño un malo: o balonazo que levei un día vendo xogar un partido de fútbol.

-Cres que hai moitas diferenzas entre o COU que ti fixeches connosco e o 2º de bacharelato que temos agora?

-Non teño moita información do programa de 2º de bacharelato que se estuda hogano. Mais non creo que haxa grandes diferenzas.

-A que te dedicas ademais de escribir?

-Son funcionario da Administración de Xustiza.

-Por que escribes?

-Por moitas razón, aínda que, fundamentalmente, porque me gusta.

-Calos foron os teus primeiros contactos coa literatura?

-A través da lectura. As primeiras lecturas, no meu caso feitas na primeira adolescencia, foron fundamentais para pensar en querer facer algo parecido.

-Cando comezou a túa paixón por escribir?

-Tamén na adolescencia. Era un lector voraz, e dun lector voraz, adoita saír algunhas veces un proxecto de escritor.

-Foi difícil publicar o teu primeiro libro?

-Non. Publiqueino grazas a gañar o Premio Carvalho Calero de Narrativa. No meu caso, os premios literarios abríronme camiño para publicar, tanto en obras colectivas como, posteriormente, individuais.

-Como e canto influíu e inflúe o Courel na túa obra?

-No Courel estiven ata os 14 anos, anos fundamentais na vida. Polo tanto, e dado que o escribir ten moito que ver co traballo sobre a memoria, este lugar ten gran influencia, comezando pola lingua que emprego na miña obra (fun galegofalante sempre nunha familia galegofalante) como pola miña relación coa natureza. Esta influencia reflíctese nos meus primeiros relatos, situados predominantemente no rural. Posteriormente, fun agregando outras paisaxes urbanas á miña experiencia, e polo tanto o Courel xa non ten tanto peso coma o tiña nos meus comezos como autor.

-Cal dos teus libros che causou maior satisfacción persoal?

-Iso é como preguntar que fillo che gusta máis. De todos me sinto satisfeito.

-Escribir é unha profesión ou unha afección?

-Unha afección que ogallá  chegue a ser unha profesión, cuestión bastante complicada na escrita en lingua galega.

-Tes algún método para escribir?

-Non. Depende de cada libro. No Brindo de Ouro emprego un esquema xeral predeterminado para que, ao ser unha historia longa, non perda o rumbo da narración. Noutros libros, comezo a escribir sen saber como vai rematar a historia.

-Escribir é unha forma de coñecemento?

-Por suposto. Unha das mellores formas de mergullarnos na natureza humana, e non só un puro disfrute estético.

-Cal foi a túa experiencia máis afortunada coa literatura? E a máis desafortunada?

-Son feliz cada vez que me chega á casa unha nova edición dun libro. Desafortunadas hai moitas, moitas frustracións que só se superan con fe no que fas e nos teus desexos. Ás veces, se ves que unha tradución non acaba de callar, ou que un libro se retrasa por causas alleas, ou que o libro que estás a escribir non avanza e pasas días e días sen saír do furado, pode levar ao desánimo. Pero se non tes confianza en ti mesmo, non irás moi lonxe na escrita.

-Como influíu na túa vida a literatura?

-De maneira fundamental. As lecturas moldean o teu pensamento, son experiencias que incorporas e que amplían a túa maneira de ver o mundo. E a escrita, como tal, levoume a ordenar a miña vida ao redor do feito de escribir, buscando, por exemplo, un traballo que me deixe tempo libre.

-Que libros te marcaron na túa etapa xuvenil? E de adulto?

-Sería imposible enumeralos. Pero, de mozo, Cunqueiro, Stevenson, Fole, London ou Tolkien tiñeron bastante que ver coa miña fascinación pola literatura. De adulto, a descuberta de clásicos com Faulkner, Beckett, Kafka ou os grandes autores rusos, consolidaron a miña relación coa literatura.

-Como te definirías como escritor?

-Non son amigo de autopoéticas nin definicións nin encuadres en estilos e demais. Iso debe ser cousa de críticos. Si podo dicir que son un autor ao que lle gusta coidar e traballar o estilo e a lingua e que disfruta investigando nas técnicas narrativas, sempre supeditadas a contar unha historia o mellor posible.

-Que lle dirías aos rapaces que están pensando en escribir?

-Que vivan, que lean e que escriban. De aí sacarán o material e a forma para atopar a súa voz. E só a atoparán escribindo moito.

-Por que escribes en galego?

¿Por que a un autor galego lle preguntan por isto? Xamais vin que a un escritor madrileño, británico, francés ou chinés lle pregunten por que escribe no seu idioma.

-Como ves o panorama das letras en Galicia?

-Variado. Calquera lector pode atopar o seu libro. Desde a literatura mal chamada fantástica, ata literatura histórica, negra, etc. Só hai que descubrila e darlle unha oportunidade.

-O brindo de ouro é un libro que len os nosos alumnos. Por que escribes literatura fantástica?

-Como un reto para a imaxinación.

-Cal é o universo fantástico desta obra?

-As chamadas Terras Outas e os seus lindes. O lugar onde vive o pobo arxina e os pobos viciños.

-En que te inspiraches para crear a personaxes como Selmo, Toimil ou Oulego?

-Na mitoloxía e nas lendas tradicionais, fundamentalmente orais.

-Que nos podes adiantar de O brindo de ouro II? (Esperamos que a poidan ler o próximo curso)

-Segundo todas as críticas e as opinións dos lectores, é un libro que supera á primeira parte, e que refuta o dito ese de que as segundas partes non son boas. Sinceramente, penso que tentei que fose mellor, profundando tanto nas historias como nos personaxes e as súas relacións. Limei algunhas dificultades de tipo lingüístico para que a lectura fose máis amena, e hai máis acción e diálogo e menos descrición. O reto é intentar escribir sempre un libro mellor que o anterior, e a opinión xeral é que o conseguín.

-Cres que é unha obra para rapaces ou tamén para adultos?

-Coido que é unha obra para todo tipo de lectores.

-Coméntanos algo do teu libro O esconxurador.

-É unha novela protagonizada por un pai menciñeiro e unha filla con certos poderes, que van solucionando problemas alí onde os chaman. É unha novela de misterio e aventuras.

-Algún dos teus libros está  baseado nun feito real? Teñen algo de autobiográfico?

-Todos os libros, por "fantásticos" que parezan, teñen algo de autobiográfico. O que escribes non pode ceibarse da peneria da memoria. Neles hai cousas que escoitaches, que viviches, que liches, etc, sempre moldeadas pola túa imaxinación.

-Que significado ten para ti a obra de Novoneyra?

-Para alguén do Courel, a lectura dos poemas de Novoneyra resulta especial, pois as sensacións que el transmite son sensacións tamén vividas por min en non poucas ocasións. Por iso son poemas que, para un courelao, din quizais un chisco máis que para alguén que non sexa de alí.

-Que significa Novoneyra no eido da literatura galega?

-É un clásico. Anovador en formas e temas, achegando ao lector un xeito diferente de percibir a terra, a natureza, o mundo.

-Que destacarías da profesión de escritor?

-A satisfacción que sentes ao rematar un libro e ver que o resultado se achega ao que buscabas, aínda que xamais acades unha total satisfacción. Pero esta insatisfacción é a que te leva a intentalo de novo. Todo o demais son cousas secundarias.

-Considéraste un emigrante? Como vives o salto dunha zona rural como o Courel a unha cidade como Madrid?

-Si, son un emigrante. Aínda que tampouco fago disto un drama. Son unha persoa que se adapta a calquera lugar, e Madrid ofréceme moitas posibilidades de todo tipo. De feito, algúns dos libros que escribín non serían concebibles sen vivir onde vivo hoxe.

-Cales son os teus proxectos literarios?

-Moitos, tantos que non sei por onde comezar. Mais dos proxectos non se fala, para que non se estraguen.

-Que valor teñen para ti os premios literarios?

-Nos comezos, son positivos. Poden dar pulo e certa publicidade. Hai que tomalos con coidado, pois tamén poden levar ao desánimo. Eu cada vez me afasto máis deles. De feito, os escritores galegos que máis me gustan non adoitan presentarse a premios.

-Cal é a túa postura respecto do Decreto de Bilingüismo?

-Non son especialista no tema, pero non me gusta. Paréceme un paso atrás na normalización do idioma, e calquera paso atrás, dada a delicada situación pola que atravesa o galego, é prexudicial. Non se poden esnaquizar en meses os consensos de anos, e a lingua galega, como lingua máis feble, debe ter un trato que leve ao seu afortalecemento no conxunto da sociedade.

-Como ves o futuro da lingua galega?

-Agora está nun intre delicado. Desaparece un tipo de sociedade, a rural, na que o galego era lingua de uso predominante. O mundo urbano percibe a lingua galega doutra maneira, especialmente os mozos. Nisto lembro as palabras de Novoneyra. Na lingua está a memoria e a pervivencia de todo un pobo. Así que estamos diante dunha cuestión de pura responsabilidade persoal, por riba de ideoloxías. Deixar que o galego desapareza é deixar que todo o noso rico pasado como comunidade, como pobo, desapareza, que todo o que nos transmitiron as xeracións pasadas, morra. ¿Deixarémolo morrer? ¿Deixarémonos anular como pobo diferenciado, para esluírmonos nunha erma uniformidade? No meu caso, non estou disposto a que isto aconteza.

-Dinos un hobby.

-A música, o cine, os bailes de salón, pasear.

-Cal é a túa música preferida.

-Escoito de todo tipo. Desde clásica, especialmente Bach ou Bartók, voces como as de Callas ou Caruso, clásicos do jazz como Charlie Parker, Chet Baker, Ella Fitzgerald, ata o rock que facían as grandes bandas dos anos sesenta e setenta.

-Un agasallo importante.

-Aquel que non espere.

-Un desexo.

-Todos os que están por cumprir.

-Unha experiencia lectora.

-Os relatos completos de Julio Cortázar.

-Un animal.

-A aguia.

-Unha árbore.

-O Carballo.

-Unha canción.

-Calquera de The Piano de Michael Nyman.

-Unha cor.

-A cor azul.

-Unha comida.

-Grelos con lacón.

-Un instrumento musical.

-O violonchelo.

-Un libro.

-A Esmorga, de Eduardo Blanco Amor.

-Un nome

-Alda.

-Unha película.

-A noite do cazador, de Charles Laugton.

-Para acabar, unhas palabras para os rapaces e rapazas que asistirán á túa charla.

-Expresarlles o meu agradecemento polo bo ánimo co que me reciben e o agarimo con que sempre me tratan no Instituto Río Cabe. Desexo que disfruten cos libros que escribo e ogallá xurda entre eles alguén ao que lle guste esta dura mais apaixoante aventura de contar historias. Unha forte aperta para tod@s.