Prolingua: 55 mentiras sobre a língua galega

O día 5 de febreiro  foi presentado na Galería Sargadelos de Monforte o libro 55 mentiras sobre a lingua galega, primeira publicación da plataforma Prolingua. Foi unha presentación que tivo lugar simultaneamente en 70 localidades de Galicia, do Estado Español e mais noutros puntos de Europa, Asia ou América, como Wisconsin, Londres, Copenhague, París ou Lisboa. Esta obra pretende axudar á sociedade galega a comprender e a superar prexuízos, interpretacións valorativas erróneas, mentiras... que intentan obstaculizar a normalización de usos da lingua galega na nosa sociedade.

Na presentación colaboraron dous profesores e dous alumnos. Un dos profesores foi o noso director Xesús Verao. Os alumnos pertencen tamén ao IES “Río Cabe”, e foron Miriam Rodríguez Losada e Iván Pérez Blanco, ambos os dous de 2º de BAC.

Iván fixo un percorrido pola historia peculiar do galego para chegar á situación de marxinación actual. Miriam comentou algunhas das mentiras que circulan sobre a nosa lingua e, con naturalidade e espontaneidade, falou tamén da súa propia experiencia persoal como galego-falante. Ao final, foi Suso quen, cunha nota de humor, e con algunha anécdota acedamente divertida, tirou por terra tamén moitos dos argumentos e mentiras que se utilizan para fomentar o desprestixio do galego.

Felicitamos desde aquí, como responsable do ENL, a todos os participantes nesta presentación, pero muy especialmente a Miriam e a Iván, que con moi pouco tempo de preparación, ofrecéronse de bon grao a falar en público e a darnos as súas valoracións sobre un tema tan discutido nestes momentos. Asemade, felicitarnos todos nós, ensinantes e non ensinantes, por contar con xente xove como estes dous rapaces, que abren unha ventá de aires renovados e supoñen un longo camiño, seguramente  asolagado de curvas, pero sen valados e estacas que non se poidan saltar. Sentímonos fortes nas palabras de Miriam e Iván. Grazas.