Contacontos "Tropa de trapo" 2009

De novo este ano contamos coa visita dos contacontos da Tropa
de trapo.
Foi unha actividade organizada polo Equipo de Normalización
Lingüística, pensada para os alumnos de 2º de BAC. Na
primeira hora Brais e
Marta, os contacontos, deleitáronos
cos seus contos acompañados de música, contos que falaban de medo, de liberdade... Na segunda hora da actuación, fixeron
un obradoiro no que tivo
que participar todo o alumnado.

Aquí van algunhas
das opinións vertidas por alumnos de 2º A:

 A actividade
do contacontos estivo ben. Foi moi entretida.
As historias que contaron eran moi bonitas, sobre
todo a de Brais. Era unha
historia na que non se facía
nada malo, senón que se
actuaba, facíase teatro. Logo, o obradoiro
gustoume menos, porque me deu
moita vergoña facer algo diante dun grupo de xente.

                        David

 A actividade
gustoume moito e pareceume moi interesante, sobre
todo a parte dos contos e, en especial, o do panadeiro.
Resultou moi gracioso e encantoume a forma en que Brais
empreñaba as formas dialectais do galego,
tan expresivas! Tamén me gustou
a intervención musical que acompañaba aos contos de
Marta., dándolle un ton máis
misterioso. A segunda parte do obradoiro tamén estivo ben, aínda botamos unhas cantas risas.
Malia iso, non é comparable
á dos contos.

                        Mar

             O primeiro conto tiña un bo ritmo, pero o tema non presentaba demasiado interese,
polo menos, para min. O segundo pareceume moi ben estruturado,
pero volvíase repetitivo nalgúns
trazos. O derradeiro foi o
que máis me gustou pola mestura cómica cunha historia seria. Ademais,
estaba ambientado en Galicia, polo que me convenceu aínda máis. A actividade
posterior, a do obradoiro, foi
bastante amena e entretida. Se lle
houbese que poñer unha nota, poñería un 7.2.

            Recomendable
para próximos cursos.

             Non me gustou o primeiro conto principalmente porque non me fixo
moita graza.

            O segundo foi máis interesante debido a que
tiña moitos contidos
históricos e o intérprete expresábase con máis  soltura. Ademais, tratábase de historias galegas.

 

O contacontos
gustoume, foi unha actividade coa que nos divertimos e, ao mesmo tempo, aprendemos valores como escoitar
a opinión dos demais, dialogar ata atopar unha solución común... Ademais, a forma de traballar dos
dous mozos é a adecuada para facernos
prestar atención e seguir ata a fin da historia. A música é outro
elemento que ameizou o relato.

            En
definitiva, valoro positivamente esta actividade e o traballo de todos os que loitan
por sembrarnos a herdanza oral e non esquecer a nosa riqueza cultural
transmitida de boca en boca xeración tras xeración.

                        Miriam

             A actividade do contacontos pareceume moi interesante e entretida. Durante o contacontos,
o acompañamento musical foi
moi apropiado posto que captou a atención do receptor cunha
maior facilidade. Pero
durante a última hora as actividades parecéronme un pouco infantís.

            Por outro lado, os contos eran reais,
é dicir, non eran fantasiosos nin
imaxinarios. Representaban situacións
da vida e destacaban diferentes valores permanentes no día a día, como o medo,
a liberdade de expresión...

                        María

 

 

ENTREVISTA

         

Esta é a entrevista que lle fixemos a Brais
e a Marta.

 

-
Por que vos chamades A tropa de trapo?

-
Gustounos iso da Tropa de
Trapo por moitas cousas. Un
pouco por esa cousa bonita
de "fiar" historias, de "tecelas".
Como se as voces da xente que nos conta
cousas fosen fíos, e nós puidésemos xogar con eles, enredalos, mesturar historias que nunca se mesturarían,
darlles novas formas...

Incluso
o feito de ir recollendo oralmente, dándolle valor a cousas que polo xeral xa non se valoran, ten algo
que ver en certa maneira coa reciclaxe, digamos reciclaxe de pensamentos, ou de recordos, ou de sensacións cotiás e humanas. Esta actitude
fainos sentir ás veces coma xente
un tanto curiosa, peculiar... e por lle ven o da Tropa!

Por
todo un pouco, e polo ben
que nos soou, así lle quedou o nome.

-
Como parella de contacontos, como e cando comeza a vosa historia?

-
Como afección, comezamos haberá
uns tres ou catro anos, xuntándonos uns cantos amigos para botar contos unha
noite á semana. Pouco a pouco, foi collendo
cada vez máis forma ata que demos o salto a
escenarios. Diso haberá uns dous anos e medio ou tres (báilannos un pouco as datas na cabeza!)

-
Cal é a importancia da música, das ambientacións... ?
Como as elixides?

-
Moita! Funciona moi moi ben. Axuda
moito a meterse na
historia, a deixarse levar pola
imaxinación.

A
música compoñémola nós. A
medida que vai nacendo o conto, que vai collendo formiña, ímoslle facendo unha música a medida, que apoie
as sensacións que busca a historia.

-
Cales son as fontes do voso
repertorio?

-
Son moi variadas. A xente
que escoitamos, que coñecemos,
que nos atopamos nas nosas viaxes, a nosa familia, as nosas
experiencias... a cousa é ir sempre
disposto a escoitar, porque
todo o mundo ten unha boa historia que contar. hai que saber vela cos ollos adecuados... ou oíla cos ouvidos adecuados!

-
Que cualidades debe ter un contacontos?

-
Todos sabemos contar. Todos contamos un feixe de cousas cada día. Non ten máis
ciencia ca esa... que por outra
banda, se te fixas, é moita
ciencia: sinceridade, crer
no que contas, facelo un pouco interesante, ter un pouco de ritmo, repeticións...
Pero realmente son cousas que todos facemos naturalmente todos os días.

-
Quen vén antes, o actor ou o poeta?

-
Supoño que o de poeta, aínda
que nos queda un pouco grande tanto o de actores coma
o de poetas!... Pero poeta das cousas pequenas, das de a cotío. Das cousas que quedan máis ocultas
por humildes, aínda que no fondo sexan
as máis importantes.

-
actuades ante público xove?

-
Non, ho! Xa temos actuado para todas as idades,
desde cativos de todo, nenos,
rapaces, mocidade, adultos e maiores
moi maiores!

-Cal
é o público máis difícil?

-
O adolescente, sen dúbida. Sobre todo nos institutos.
Pero, por outro lado, son o público máis agradecido e sincero que hai...
agradecido se lles gusta, claro!

Son
idades complexas, de cambios, de búsqueda de identidade propia, nas que hai fame de coñecer,
pero tamén se xulga todo moi rápido. Entón, ou fas algo á súa
medida, para que lles guste, que lles
diga algo, ou non funciona.

Con
todo, é o noso público favorito, o que máis tensións nos fixo pasar, máis retos e máis alegrías nos deu.

 

-
Que diferenzas vedes na resposta dun público xove das dun público máis maduro? Cal é o máis
agradecido?

-
Como che dicía, os adultos xa
non somos tan sinceros, en xeral, ca
os adolescentes, que lles ferve
a vida, que todo cho espetan así como lles vén. Se un público adulto
vibra e se emociona cuns contos, vaino
mostrar dunha maneira máis contida, cústalle
máis deixarse levar. En
cambio, os adolescentes non che deixan lugar a dúbidas sobre se lles gustou ou non!... e no fondo, iso é moi de agradecer.

-
Ademais da voz e da música, con que outras partes do corpo vos comunicades?

-
Coa xestualidade, co corpo enteiro,
pero como algo un pouco sutil. O principal é a imaxinación de quen escoita, darlle poucos estímulos visuais, que se recree no que lle
suxire o conto, a voz, a
música...

-
Cal é o voso obxectivo como
contacontos?

-
Manter viva a tradición oral, o gusto de contar e escoitar, de reflexionar sobre a vida con contos, e así
intentar comprendela e darlle
forma.

E
tamén aproveitar a oportunidade que nos brindan os contos para tocar temas que
nos parecen importantes, que vale a pena tratar, coma a liberdade,
o medo, a emigración, as mulleres, o racismo, a esperanza, a solidariedade, o humor...

-
Credes que o contacontos é
un xénero equiparable ao
teatro?

-
É un xénero coma outro calquera, distinto, coas súas peculiaridades. E que ademais
ten unha riqueza e unha
tradición que poucos xéneros
teñen.

-
Faládenos un pouco dos dous espectáculos que presentades.

-
Agora mesmo temos A Hora Azul, Contos sen Medo e A Viaxe
das Palabras. Os dous primeiros
son espectáculos para adultos e adolescentes. O último é para público infantil.

A
Hora Azul son catro contos que veñen
de Marrocos, de Alxeria, da Galiza
de calquera parte do mundo e de todas á vez. Contos
de mulleres que non se renden, da emigración, do deserto, do realismo máxico da Galiza máis surrealista. Historias ó son da guitarra portuguesa,
do laúde árabe, da darbouka,
do caixón flamenco, das karkaba,
etc.

Contos
sen Medo é o noso novo espectáculo. É unha proposta coa
que queremos tratar o tema da liberdade o do medo. A liberdade coas súas consecuencias, e o medo como ferramenta
de manipulación ou de represión, xa
sexa por parte da sociedade
ou dentro dun mesmo. Son contos de persoas
anónimas e reais, cercanas e humanas. O obxectivo de Contos sen Medo é facer
reflexionar, invitar a debater. Non traemos respostas, porque cada un deberá atopar
a súa.

 A Viaxe das Palabras
é a historia dunha nena, Lucía, que descobre unha maleta vella de seu avó,
a quen non chegou a coñecer. É todo o que de seu avó quedou, pero seus pais non lle
deixan ver o que hai
dentro. Nesta maleta prohibida están os recordos máis preciados de seu avó, os seus
segredos. Unha noite, Lucía decide averiguar o que hai
alí dentro…Dende entón, a voz do avó acompáñanos nun espectáculo de catro contos,
participativo, con música e efectos sonoros en directo. Contos de vacas, de monstros, de mulleres que viaxan
en busca do lume e de foguetes
espaciais feitos con bolsiñas
de té.

-
Tedes algún novo proxecto?

-
Agora mesmo estamos a traballar nun novo espectáculo de
contos que animen á cooperación e ao voluntariado,
que en breve estará a punto.

-
Canto tempo vos pode levar preparar un novo número?

-
Escoller as historias, darlles
a forma adecuada, ilas probando, darlle
coa música... todo isto
pode levarnos cerca dun ano.

-
Como repartides o traballo?
É moi difícil poñervos dacordo na elección e preparación
dos contos?

-
Cada vez é diferente. Hai que ir aprendendo
a medida que van aparecendo as dificultades. En xeral, cada un de nós vaise inclinando por uns temas, convéncenlle máis unhas historias, e traballa máis nelas. Pero sempre contamos para todo coa
opinión o outro e sen perder de vista o marco global
do espectáculo que decidimos entre os dous.

E
así pouco a pouco, xogando cos textos, coas músicas,
van saíndo os contos, cada un ao
seu ritmo, cada espectáculo ao
seu xeito... É bonito. Ten
coma un ritmo natural, lento e constante. Coma o dunha
horta.

-
A actuación do ano pasado no noso centro foi bilingüe. Este ano, en troques,
déstenos a posibilidade de
elixir galego. Por que
ese cambio?

-
Porque eu [Marta] son de Terrassa, en Catalunya. E aínda levo pouco tempo aquí, un par de anos, ou
algo máis. E cústame un pouco defenderme ben en galego, ter a soltura que fai falla nun espectáculo, sobre
todo con adolescentes. E ata que non tiven ben preparados os contos en galego,
non me atrevín a ofrecer o espectáculo en galego.

Por
iso ao principio facíamolo en bilingüe, galego e castelán. Máis que nada por poder
facelo xa, naquel momento. Pero o obxectivo
era facelo todo en galego, tendo en conta a situación que
está a vivir o galego, que cada vez perde máis falantes,
que non ten o recoñecemento que debera,
nin o apoio institucional
que precisa. É máis, lonxe diso, as institucións aínda reviran o tema falando da
"imposición do galego", cousa
completamente absurda. Ao galego
hai que protexelo, é
evidente. Ben o sabemos en Catalunya,
que temos un problema parecido. A lingua
que corre perigo é a lingua
minoritaria, e defendela é cousa
de quen a fala e máis de quen convive con ela. E iso non está reñido co respecto a outras linguas, como o castelán. É máis: é unha cuestión de respecto
precisamente coa lingua
autóctona, que é un tesouro de xeracións,
de vocabulario, de historias, de antropoloxía...

-
Que obxectivo ten o obradoiro?
Como o encadrades dentro da función dun contacontos?

-
O obradoiro é o que máis
nos atrae. Os contos aquí son unha cousa que vai e vén. Ti dis algo e iso despértalle outra cousa a alguén
que se anima a contar... O obradoiro é o momento dos
alumnos, tócalles a eles falar.

O
obxectivo, basicamente, é traballar os temas en concreto que tocamos nos contos. Para
iso facemos dinámicas, xogos, empregamos técnicas de
Teatro do Oprimido...

-
Cal é a resposta dos alumnos no obradoiro?
Recordades algunha anécdota
curiosa?

-
Depende de cada centro, de cada día, pero en xeral a resposta é moi boa. Pásano ben e divírtense.
Anécdotas hai bastantes. Todas as sesións
dan para moito. Pero unha
que lembramos con especial cariño foi
a que nos pasou en Nigrán. Eu [Brais] son de alí. E fomos  actuar ao
instituto. Fixemos uns
cantos pases cun obradoiro
voluntario a última hora. Como era voluntario e ademais
a última hora, contabamos con quedara un grupo pequeno, os moi interesados.

Cando
chegou a hora do obradoiro,
empezaron a entrar e a entrar alumnas e alumnos, e veña
xente, veña xente... e non o dabamos crido. nin nós
ni os profesores. Eran tantos que pensamos que non iamos
dar abasto. Pero estaban tan emocionados co obradoiro, tan ilusionados e metidos que foi posible pese a cantidade de xente que alí estabamos.

-
Que medios utilizades para darvos
a coñecer?

-
Pois temos un Blog (tropadetrapo.blogaliza.org) no que colgamos a
información en internet, e enviamos correos a todos
os centros. Logo o boca a boca fai o resto, que sempre é o metodo máis fiable: entrar por alguén de
confianza. Ademais temos uuns vídeos en Youtube.

-
Sabemos que ti, Brais, estudaches
clásicas (descoñecemos os estudos
de Marta). Que ten que ver a túa carreira
coa profesión que elixiches?
Por que este cambio?

-
Pois ten Marta máis estudos ca min!
Que ela empezou Hispánicas,
fixo Realización Audiovisual e Maxisterio!

Algo
ten que ver, algo ten que ver. A tradición oral nosa
ten cousas en común co que podería contar Fedro, ou Esopo, ou
os relatos que insire Apuleio
no Asno de Ouro, e toda a tradición medieval de
relatos breves, populares, dun gusto marcado e
definido.

Pero
máis que por autores, é a cousa
esta de ter curiosidade polas historias, pola cultura que
delas se desprende. Mergullarse
nas bacanais romanas pode
ser antropoloxicamente tan interesante coma ir a un entroido na Ribeira
Sacra!...salvando as diferenzas.

Aínda que o meu oficio é o de
músico, e foi por por onde empezou todo isto dos contos!