2º día en Roma

O noso segundo día na cidade eterna comezou con sol e cunha panorámica a pé que resultou do máis interesante. Reunímonos coa guía na Praza de España e alí puidemos contemplar a barcazza de Bernini, a grande escaleira que leva á Igrexa da Trinitá dei Monti, a praza da Inmaculada Concepción e a Embaixada Española, considerada a primeira sede diplomática da cidade. Tamén vimos o Edificio da Propaganda da Fe no cal a familia Barberini deixou a súa marca: as abellas. Entramos na Basílica parroquial Sant’ Andrea delle Fratte, obra de Borromini, e, xusto en fronte da basílica está a casa de Bernini onde aparece representado na fachada o seu retrato tallado polo propio artista.

Continuando a nosa visita chegamos á Fontana di Trevi e, tras dúas horas de camiñada, rematamos no Panteón.

Pola tarde sorprendeunos de novo unha treboada polo que o plan previsto tivo que verse modificado e reducirse á visita da igrexa de Sant Prieto in Vincoli e o Foro Romano.

Rematamos a xornada ceando na praza Navonna onde se atopa a Fonte dos Catro ríos de Bernini e, a continuación, desfrutamos dunha visión nocturna do Panteón e da Fontana di Trevi.

E así rematamos a nosa “giornata”.