Charla de Carmen Toba e Suso Verao - Plan Proyecta

Este martes 9 de maio viñeron ata o noso centro Carme Toba Trillo (natural de Muxía, A Costa da Morte, membro de Apatrigal, Asociación para a Defensa do Patrimonio Galego) e Suso Verao (natural de Sober, ex director e ex profesor do IES Río Cabe). Ambos ofrecéronnos unhas charlas que resultaron do máis entretidas e interesantes para o alumnado de 3ª ESO e profesorado que puidemos asistir. Ditas charlas están dentro do Plan Proxecta “Alvarizas, un ben singular da Ribeira Sacra” no que o alumnado de 3ºESO segue a traballar.

 

Comezou Suso Verao falándonos da ruta “Alvarizas e colados desde a Adega Cividade”, en Barantes (Sober), que abriron e manteñen entre el e seu irmán Xosé Ramón. Nela podemos ver as transformacións dos antigos agros en piñeirais, un castro, colados, petróglifos e varias alvarizas. 

 

Carme Toba Trillo comezou explicándonos a importancia que teñen as abellas, como na prehistoria xa se recolectaba mel directamente da natureza e como os romanos foron quenes introduciron na Península o traballo coas colmeas. Falounos das distintas casas que poden ter as abellas (covos, cortizos, trobos, lacenas) e dos materiais dos que están feitas (barro, cortiza, madeira, pedra, vimbio, pizarra…) o que demostra como o home sempre se adaptou aos recursos que lle brindaba o medio natural. Tamén nos explicou os diferentes tipos de alvarizas: as lineais da Costa da Morte (que tamén se dan en Irlanda, Inglaterra ou na Bretaña francesa), as redondas da Ribeira Sacra, O Courel e Os Ancares; as de tipo torre (talameiros) en Asturias, ou as colgantes de China. Sorprendeulle  moito ao alumnado, entre outras moitas cousas, a existencia das lacenas da Costa da Morte e do norte de Pontevedra e o feito de que se lles selara a entrada con bostade vaca; tamén a forma dos talameiros en Asturias ou as alvarizas colgantes en China, así como as numerosas propiedades do mel para curar diversas doenzas.

 

Moitas grazas Carme Toba Trillo e Suso Verao por ter vido ata o noso centro. As vosas explicacións axudáronnos a entender un pouquiño máis o valor que ten o noso patrimonio e a necesidade de, entre todos, conservalo e protexelo.