O alumnado do ciclo de Turismo visita os Escolapios, a empresa Airas Moniz e a Casa Baltar

No mes de marzo, alumnado e profesorado do CS de Guías, información e asistencia turísticas, asistimos nos Escolapios a unha charla sobre o Cardeal Rodrigo De Castro e fixemos un roteiro gourmet no que visitamos as instalacións da queixería Airas Moniz e Casa Baltar, a “Granxa do doce de leite“.

 

Conmemorando o quinto centenario do nacemento do cardeal Rodrigo de Castro e Osorio celebrouse no salón de actos dos Escolapios unha conferencia impartida por Felipe Aira na que disertou sobre este personaxe histórico e distintos acontecementos da vida do fundador do Colexio da Nosa Señora da Antiga.

 

 

 

A outra actividade, o roteiro gourmet, levounos a Airas Moniz, unha empresa chantadina que elabora queixo de alta calidade, galardonado varios anos coma o mellor queixo azul de España no Salón Gourmet de Madrid.

 

O queixo Savel, xunto coas outras variedades que elaboran e a manteiga, está presente nalgúns dos mellores restaurantes nacionais e internacionais .

 

Durante á visita contáronnos en qué consiste a nova experiencia que están a ofertar, trátase dunha explicación dos procesos de elaboración de cada un dos queixos seguida dunha visita a explotación gandeira e remata coa cata e degustación dos seus queixos acompañada de viño.

 

 

 

 

E para rematar, visitamos Casa Baltar. Varias xeracións traballaron nesta granxa para obter un leite de excelente calidade e valor nutricional que agora se emprega para elaborar un produto exquisito elaborado de xeito tradicional, o doce de leite, que se distribúe por toda España.

 

Non sei cal nos gustou máis, o xeado ou o doce de leite que comemos a culleradas.