O alumnado do ciclo de Turismo Visita o Pazo de Tor, Hotel Cardenal e Pazo Molinos de Antero

Comezamos o mes de febreiro cunha saída ao o Pazo de Tor. Sempre nos gusta visitar esta casa solariega de Tor, é un privilexio poder ver o edificio e todos os mobles, pertenzas, obras de arte, … tal e como o deixou a súa última propietaria Maripaz Taboada de Andrés y Zúñiga.

Foi ela quen donou o pazo á Deputación de Lugo para que se conservara como museo, e cumprindo o seu desexo abriu como tal en 2006.

Nesta ocasión, como novidade, mostráronnos a parte inferior da vivenda que albergaba os cuartos do servizo.

Unha boa opción para coñecer a vida nos pazos galegos!

  

 

A mediados de mes acercámonos o Hotel Cardenal para coñecer a súa oferta aloxativa.

O establecemento, de catro estrelas, situado no centro da cidade e con vista ao río Cabe e o Conxunto Monumental de San Vicente do Pino, é unha interesante referencia para os turistas que chegan a Monforte interesados en coñocer este territorio.

As habitacións están moi ben equipadas e as suites teñen unha distribución e unhas vistas magníficas.

Se tivésemos que escoller, reservaríamos as que miran a San Vicente dende unha ampla terraza que invita ao relax.

  

 

Rematamos as actividades do mes visitando o Pazo Molinos de Antero fundado polo cabaleiro Manuel Antero Yáñez Rivadeneira,administrador e depositario da renda de Monforte e outras comarcas galegas, fiscal xeral da Encomenda de Quiroga e  rexedor perpetuo de Monforte.

O feito de ocupar todos estes cargos fixo que se conserven no seu pazo unha grande cantidade de documentos con milleiros de datos de grande interese da historia social e económica de finais do século XVIII  e principios do XIX.

Ademais de vivenda o pazo tiña outros usos: centro de recadación de impostos, notaría e xestión de bens da nobreza. Estas prácticas motivaron a posta en funcionamento de  todo un sistema de seguridade da época baseado en mirillas que se atopan por toda a casa e que permitían ver a todos os que entraban.

Matías,  propietario e magnífico cicerone na nosa visita, explicounos a relación desta propiedade coa historia do Camiño de Inverno. A carón do pazo pasaba o antigo camiño real de Castela que atravesaba Monforte  e que parece coincidir con esta ruta a Santiago.

Na actualidade o  Complexo Molinos de Antero conta tamén cunha oferta aloxativa formada por tres habitacións e tres apartamentos situados nas antigas caballerizas anexas ao pazo.

Unha tarde de grandes descubrimentos!!!