SUXESTIÓN DE ...

FOTOS DENDE O CONFINAMENTO

Animádevos a participar na sección de  Fotos dende o Confinamento; envía as túas ao correo do centro ies.rio.cabe@edu.xunta.es

Podédelas ver no seguinte enlace:

https://lembranzaconfinamentoriocabe.blogspot.com/ 

 

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS  - Ricardo Carvalho Calero

por Carme G. Conde

 17   de maio, domingo

Ana Costa, Luzía Fernández e Nadine López, alumnas de 2º ESO-A, e Carme, a súa profesora de Lingua Galega e Literatura, recitan uns poemas de Carvalho Calero. 

 

 

 

 16   de maio, sábado

 

Lingua. Carvalho Calero

 Texto do ano 1986, pero moi actual. Convídovos a lelo:

 

"De nada nos serviria que todo o mundo falase e escrevese en galego se ese galego [...] era realmente un castellano agalegado [...] Non abonda con que se fale galego, é que é preciso que ese galego sexa galego, é dizer, que non sexa un produto que con nome de galego nos apresente un dialecto do castellano. Asi que esta é a significazón que ten o esforzo que están realizando muitos intelectuais galegos en pro dunha reintegrazón do noso idioma no seu sistema próprio [...] apesar do decreto de unificazón ditado para impoñer unha normativa oficial, existe un sector importante do país [...] que insisten na necesidade de ter en conta o galego histórico, e que non cren que se poda normativizar e normalizar a nosa língua sobre a base da realidade dialectal dos tempos modernos, que é consecuéncia dun proceso de degradazón do noso idioma, producido por circunstáncias históricas de sobra coñecidas."

 (“Conversas en Compostela con Carballo Calero”, M.A. Fernán-Vello/F. Pillado Mayor, Eds. Sotelo Blanco, 1986, p. 224)

 

 15 de maio, venres

 

Poesía. Carvalho Calero

Reticências (1986-1989)

SOMOS OS PACIFISTAS,

que andamos dando guerra.

 

Somos as feministas,

que vestimos de home.

 

Somos os poetas eróticos,

impotentes no tálamo nupcial.

 

Somos os sacerdotes,

que nom cremos em Deus.

 

Somos os comunistas,

mui zelosos da nossa propriedade privada.

 

Somos os homes - e as mulheres-. Inumanos,

como cumpre à nossa humana condiçom.

 

Se os nossos nomes e as nossas condutas

nom foram como som contradiçom,

só seríamos sombras.

 

Mas somos realidades, e por isso

somos assi, contrários do que somos.

 

 

 14 de maio , xoves

 

TEATRO. Carvalho Calero

Carvalho Calero tamén foi autor teatral e incluso dirixiu algunha delas. Unha das súas obras máis representadas é A farsa das zocas. Se picas na foto poderás escoitar un fragmento desta obra. Jocas atópase coa Santa Compaña e... escoita o que lle ocorre.

 

 

 

 

 13 de maio , mércores

 

NARRATIVA. Carvalho Calero

Carvalho Calero é o autor da primeira novela publicada en galego na posguerra: Xente na Barreira.

A xente da Barreiraé un título axeitado porque o protagonista é a propia casa da Barreira co seu contorno, a xente da Barreira; mesmo no sentido romano da palabra: a familia que vive na casa da Barreira construída polo fundador da dinastía e a súa clientela, os campesiños que traballan na Barreira, que se relacionan cos señores da Barreira, que mesturan mesmo o seu sangue cos señores da Barreira e que forman parte desa xente.

Outra das súas novelas é Scórpio. unha novela que Carvalho Calero escribiu a mediados dos 80 e que foi publicada en 1987.

Conta a historia dun rapaz (alcumado Scórpio) dende que nace en Ferrol en 1910 até a participación na Guerra Civil. Pódense atopar moitas coincidencias na vida de Scórpio coa de Carvalho Calero; por iso hai críticos que ven esta obra como autobiográfica.

SCÓRPIO

 

 

 

 

 Así comeza Scórpio...

AURÉLIA

Antónia deu onte a luz. Foi um parto normal. A parteira nom achou dificultades para realizar o seu cometido. Nom houvo que chamar médico algum. Agora, a mae e o neno jazem na humilde cama. A criança é formosa, de bom peso, com umha abundante penugem loira na cabeça. Aperta os punhos e os olhos quando está dormido acarom da mae. Todo está bem.

 

 

12 de maio, martes

 

Despois do test de onte, supoño que xa coñecedes algo máis da figura homenaxeada este ano polo Día das Letras

Galegas. Para as persoas que queirades saber algo máis de Ricardo Carvalho Calero, picade na foto e accederedes a un

pequeno texto con datos da súa biografía e da súa obra.

 

 

 

    11 de maio, luns

 

O vindeiro domingo é o Día das Letras Galegas.

Este ano está dedicado a Ricardo Carvalho Calero, un home que destacou en todos os xéneros literarios: narrativa, poesía, teatro, ensaio...

Debido ás súas ideas reintegracionistas da lingua galega non foi moi recoñecido o seu gran labor a prol da nosa lingua e da nosa literatura.

Durante estes días iremos coñecendo algo máis del e da súa obra.

Hoxe temos: "Que sabedes de Carvalho Calero?". É untest onde hai preguntas da súa vida e da súa obra. Anímovos a facelo.

Pica na foto e adiante...

A ver cantas acertades!!!

 

 

 

 

CARLOS PARADA   (7 - 5 - 20)

Xa  pasamos os 50 días de confinamento, o abandono das aulas presenciais e a incerteza segue presente na nosa vida cotiá.

Como se fósemos Sócrates e a súa maiéutica- ironía socrática- seguímonos a facer preguntas esenciais...

- Por que pasou o que pasou?

- Puido terse anticipado?

- Que cambios vai provocar na sociedade?

 Preguntas que pasará moito tempo ata que se poidan resolver...

 

 Se nos centramos no carpe diem...destacaría a capacidade de adaptación amosada pola comunidade educativa do IES RIO CABE...

-O Alumnado que segue a estar conectado co centro e a participar deste xeito extraordinario de educación a distancia.

-As Familias que apoian ós seus fill@s e loitan para que se manteñan conectados co proceso formativo.

-O Profesorado que está a adaptar a súa metodoloxía a este escenario tan novidoso e incerto.

-Os/As Titores/as que dobran o seu traballo para coordinar Alumnado-Familias-Profesorado.

-O Persoal non docente colaborando e apoiando na distancia.

-O Equipo Directivo que intenta manter vivo o centro.

 

Sendo consciente da situación de certeza sobre a incerteza e de equilibrio sobre o desequilibrio na que nos atopamos, quixera ir propoñendo 3 lecturas que podemos sacar deste período:

 1ª- A importancia d@ docente no proceso de ensino.

 2ª- O sistema de ensino público como reequilibrador da sociedade.

 3ª- A importancia do traballo en equipo.

 

E como este curso académico parece ser que vai de retos, propóñovos un reto para este terceiro trimestre, facer unha clase dun baile africano para estes meses finais de curso, apenas son 9 minutos...

-https://www.youtube.com/watch?v=Ewqq-3xJFdI

Xa me contaredes que tal se vos da o baile!!!

SEGUIMOS APRENDENDO E PROGRESANDO NESTA CARREIRA DE FONDO NA QUE NOS ATOPAMOS!!!

 

 

 - Tania Vázquez (6 - 5 - 20)
 
 
 
A poetisa Emily Dickinson afirmou que “para viaxar lonxe non hai mellor nave que un libro”. Os lectores sábeno ben!
 
Debo recoñecer que me é moi grato seguir recibindo mensaxes de varios ex-alumnos pedíndome suxestións ou propostas literarias acaídas aos seus intereses. Son varias as obras que podería recomendar á comunidade educativa do IES Río Cabe durante este confinamento, pero entre elas escollo a última novela de Pedro Feijoo, Un lume azul.
 
Gustaríame compartir con vós os primeiros parágrafos e animar, en especial os meus ex-alumnos que cursan agora 2º BAC, a que continúen lendo obras en lingua galega ao rematar esta última andaina no centro. Para todos eles dirixo os meus mellores desexos para as probas ABAU e para un futuro académico e profesional brillante e prometedor.
 
Non quixera esquecerme tampouco de expresar os meus agradecementos aos alumnos máis novos cos que tantas actividades “diferentes” compartín. Grazas por involucrarvos nelas tan motivados!
 
Foi un luxo tamén compartir claustro e departamento cuns profesores que me recibiron e acolleron tan ben durante un curso que pasou voando. Como me adiantaran, seguireime sentindo “riocabense” imaxino que por moito tempo.
 
Non podo despedirme sen propoñervos un reto: a ver cantas obras da literatura galega coñecedes! Hai obras clásicas das nosas letras e libros publicados hai tan só unhas semanas.
Ánimo!
 

obras da literatura galega

 
 Saúdos
 
 Tania
 
 

 - Carme Conde (5 - 5 - 20)

   "Novo poema"
 
 
 
.   Xurxo e Flor   (4 - 5 - 20)

 

Música dende o confinamento : “War’s Dawn
 
 

 https://www.facebook.com/watch/?v=250924196317627

 

The Poet’s Silence, banda rockeira monfortina composta por tres antigos alumnos do Río Cabe, - Javi na batería, Adrián ó baixo e Roberto á guitarra, acompañados de Lorena, vocalista e o noso compañeiro Xurxo, profesor de Física e Química, á guitarra- , sorpréndennos coa gravación do seu  éxito  “War’s Dawn” dende o confinamento nas súas respectivas casas.

Dende o Cabe queremos felicitar ó grupo pola idea e  polo  seu magnífico traballo, e queremos tamén agradecerlles  por compartilo connosco e axudar a facer máis levadeiro o noso tempo de illamento e soidade.

Moitas grazas, moita saúde e moitos éxitos!!!

 
 
.   Manolo Martínez   (3 - 5 - 20)
 
Aínda que pareza unha idea política, resulta un comunicado humorístico, onde ler de arriba abaixo non é o mesmo que facelo de abaixo arriba.

  Un saúdo a todos.

 

 Berto Romero. Los Politicos. - YouTube