Obra de teatro "O club da calceta". Os alumnos opinan

O día 5 de Novembro, alumnos de 1º e 2º de Bacharelato deste centro asistiron á representación teatral "O club da calceta" de María Raimóndez. Aquí tedes algunhas opinións dos alumnos que asistiron ao acto:

“A obra recibe o seu nome porque seis mulleres forman un club de calceta. Cada unha destas mulleres fai un soliloquio sobre o tema. A primeira xa está farta de que a traten do modo en que a tratan. Outra, despois de moito aguantar o machismo dos seus xefes, estoupa e dille catro cousas ben ditas. A muller máis vella fala de que tampouco hai respecto na igrexa. Outra, que é prostituta, fala da pouca dignidade das súas compañeiras de traballo. En xeral, estas mulleres din que todos os homes as consideran “cachos de carne” e isto fai que adopten posturas máis feministas que se ven reflectadas nas palabras que saen das súas bocas”.

Javier Vázquez
“Na miña opinión O club da calceta resultoume un pouco aburrida. Comezou sendo entretida, pero chega a un punto onde acaba resultando pesada. Na miña opinión a obra resultaría moito máis amena se, en lugar de facer cada personaxe un monólogo contando o que lle acontece a cada unha, fixesen un diálogo entre elas. En canto á interpretación, pareceume moi boa. Nótase que as actrices teñen experiencia e dá a sensación de que están a contar a súa propia historia. Porén, hai ocasións en que non se entende todo o que din, xa que falan demasiado rápido e mesmo demasiado baixo”.
Lucía Díaz

 

O club da calceta é unha obra feminista, na que seis mulleres, coa escusa dunha xuntanza para calcetar, se unen e intercambian as súas experiencias e opinións. Na obra cada muller expón a súa vida e o motivo polo que chegou a formar parte do club.

Matilde é unha muller tradicional que vive para a súa familia. Pode ver a súa tía Davinia, que leva morta xa hai moito tempo. Na súa casa nunca lle falaron dela, cando preguntaba dicíanlle que era mellor que non soubese nada. A súa tía foi quen a animou a ir ao club da calceta para que fixese algo por si mesma, para que se divertise.

Anxos é militante dun partido político. É unha revolucionaria que busca a igualdade de ambos sexos, está moi cabreada con todos os homes en xeral porque a consideran inferior a eles.

Rebeca é unha muller fermosa que está farta de ser considerada pola súa beleza e non pola súa inteligencia. O seu home púxose os cornos coa súa xefa.

Elvira é a organizadora do club. Toda a súa vida estivo a cargo dunha igrexa. O seu soño é converterse nunha cura.

Nanda está coxa, o que lle ocasionou numerosos problemas e burlas ao longo da súa vida, sobre todo quéixase do servizo de autobuses e di que a ela lle gustaría converterse en condutora de autobús.

Luz é unha puta. Non tivo oportunidade de elixir outra vida, xa que a súa nai é a súa xefa e con 14 anos xa a puxo a traballar. Non lle parece ben que queiran considerar o seu “traballo” como outro calquera e que sexa un “traballo digno” porque ela sabe que non é así. Agora, como todas as compañeiras do club da calceta, pode evadirse un pouco da súa vida nas reunións que fan.

Pareceume que a obra empeza dunha forma moi forte, pero logo vai decaendo coas intérpretes finais. Ademais, faltoume unha reunión do club onde todas as participantes intercambiasen as súas ideas e as puxesen en común. Tamén me gustaría que houbese unha conclusión sobre o que lle pasou á tía Davinia”.

Lorena Saavedra

 

“É unha obra que trata un tema interesante, aínda que o seu punto de vista é moi radical. Ao principio non asociei á muller que facía os labores da casa e que falaba coa súa tía defunta co tema a tratar. Pero en canto empezaron a falar as outras mulleres, deime de conta do motivo polo que fixeran o club da calceta. Aquí cada unha expoñía o seu punto de vista na relación que tiñan cos homes, e todas elas eran radicalmente feministas. Non me gustou o modo en que tratan aos homes, xa que se pisa moito a nosa imaxe”.

Brais Olmo

 

 

 


“O pasado mércores, xunto co resto dos meus compañeiros de bacharelato, puiden asistir, grazas a unha actividade organizada polo centro, a unha representación teatral no edificio Multiusos. Tratábase dunha adaptación para teatro da novela O club da calceta da escritora lucense María Reimóndez.

A obra cóntanos a través das propias protagonistas a historia de cada unha das seis mulleres que acoden a un club de calceta. Nun espazo moi sinxelo pero acolledor, o club da calceta ao que acoden as seis mulleres protagonistas convérsese nun refuxio para elas, no que cada unha pode amosarse tal e como é, sen medo ningún. Todas son comprendidas sen importar idade nin condición social. O que importa é que estas mulleres neste lugar son libres das ataduras dun mundo gobernado por homes, dunha vida condicionada por unha sociedade machista que só lles ofrece discriminación, acoso e violencia.

A obra móstranos a seis mulleres totalmente diferentes en canto á personalidade: tímida, divertida, seria, decidida, bromista, dura, tranquila… Pero todas cun punto en común: son loitadoras, mulleres que se resisten a seguir vivindo inxustamente e que non se cansan de facelo. Mulleres que reivindican os seus dereitos, tan simples como pode ocorrer co feito de ser respectadas, valoradas no seu traballo polo seu esforzo e non coma un obxecto, que a lei as ampare de verdade e non como unha práctica mal establecida… Neste senso, se tivese que escoller a unha de entre todas as protagonistas, creo que me quedaría con Luz, a prostituta. Esta muller cóntanos, cunha fortaleza incrible, a súa desgarradora e crua historia, unha historia que comeza mal xa dende a súa infancia, triste e abandonada, sen cariño nin amor. Por sorte, Luz atopa calor e paz nun club de calceta, un lugar no que é tratada con dignidade e respecto, un lugar no que non ten medo.

Na miña opinión, a autora obríganos a tomar un descanso para pensar e reflexionar acerca da situación da muller, que quizais aquí non sexa tan terrible, pero o bo e extraordinario que ten O club da calceta é que representa o universal dendo o particular, pois acolle a seis mulleres de xeracións e posición social diferentes, que poderían perfectamente corresponderse con seis mulleres da vida real de calquera parte do mundo e que, do mesmo xeito que na obra, loitan día a día por conseguiren a vida que realmente merecen, xa sexa na India ou en Sudamérica, pois malia se pense todo o contrario, aínda queda moito por facer”.

María

“A obra gustoume en xeral, mais ao final fíxoseme moi lenta e un pouco aburrida pola longa duración do derradeiro discurso da prostituta. Porén, os outros monólogos parecéronme interesantes e entretidos, sobre toda o da velliña Elvira”.

Pablo Figueiras

“A obra non me gustou moito. Ao principio estivo ben, pero o que non me gustou foi que non houbese un final onde estivesen todas xuntas. Tamén se me fixo bastante longa a parte onde falaba cada unha. Sería mellor que falasen menos por separado e logo, como xa dicen, houbese outra parte onde charlasen todas xuntas. Eu cambiaría o final”.

Ana María Vázquez

“Esta obra de teatro, baseada na novela de María Reimóndez, cóntanos a historia de varias mulleres, da súa vida baixo o xugo dunha sociedade machista, que as controla e que lles tenta impoñer uns límites polo feito de seren mulleres. Unhas, coma Anxos, defenden os seus dereitos e rebélanse contra a oposición da sociedade, e outras, coma Rebeca, aceptan o sino que esta sociedade lles marcou. Pero todas elas atopan unha saída aos seus males na figura da tía Davinia, a tía avoa de Matilde, unha muller doutro tempo que se rebelou contra a sociedade do momento para reclamar xustiza para as mulleres.

A min gustoume moito esta obra de teatro e só lle atopei unha tara: un final aberto que nos deixa sen saber o que aconteceu con estas mulleres e mais coa tía Davinia.

Pareceume unha obra totalmente realista, que nos amosa unhas situacións que, por desgraza, se dan na sociedade actual, a cal aínda conserva bastante o carácter machista de séculos anteriores. A pesar de que aínda queda moito camiño por andar para rematar co machismo, as mulleres fomos conseguindo acadar a liberdade e deshacernos de falsos prexuízos nos que foron educadas as xeracións de mulleres anteriores a nós. A revolución que nada nin ninguén logrará deter nunca.

Moitos dirán que son unha feminista por expresar isto, e non se trabucan o máis mínimo, pois eu defendo a IGUALDADE entre homes e mulleres, e non a superioridade de uns sobre os outros”.

Xoana Soutelo

 

“Pensei que esta obra sería diferente. Gustoume máis do que pensaba.

As protagonistas parecéronme moi reais, moi cercanas. Todos temos unha curmá, que se mata a traballar e non ten tempo para ela, unha veciña que na idade adulta deixou de lado os seus ideais, unha amiga á que o seu mozo a engana e non é valorada no seu traballo por ser muller e, ademais, guapa. E quen paseando pola rúa non viu a unha persoa discapacitada tendo dificultades para levar unha vida normal? A señora que limpa a igrexa da nosa parroquia, a prostituta que saíu no telexornal por ser maltratada…

Quedei con ganas de ver a relación que tiñan entre elas, os consellos que se darían… Porque a obra foi na súa maioría monólogos de cada protagonista. Tamén me pareceu interesante a figura da tía Davinia, aínda que saíu bastante pouco”.

Alba Martínez

 

 

 


“Gustoume moito o comezo en que Matilde canta cun sorriso na boca, contaxioume a súa alegría. É tamén abraiante cando entra a súa tía cantando con esa voz grave e rechamante tan característica da ópera. Cando comeza a contarnos a súa vida, era coma se estivese vivindo eu o relato en primeira persoa. Expresábase tan ben que te metías de cheo na historia.Tras recoller o anuncio do clube da calceta, todos descubrimos o porqué do título.

Fixéronme moita graza os intercambios que fixeron para cambiar dunha historia a outra, sobre todo a vestimenta, que reflicte o modo de ser de cada unha. Respecto á intención da obra, estou de acordo coa visión da autora nalgún aspecto e noutros difiro.

Todos sabemos que a existencia dunha discriminación cara á muller é real, que aínda perdura nestes tempos, por moito que pareza incrible, e malia os moitos ou poucos esforzos que se realizan para minguar esta situación.

Creo que estes problemas non se solucionan con folgas ou quedando calados por medo o que poida ocorrer. Cunha folga unha serie de persoas dan a entender a súa opinión cun intento de cambio das normas, ao seu criterio, para mellor. Acaso debemos pensar que o que di a maioría ten que ser o correcto? Ou somos nós tolos por discrepar? Así é como xorden as diferentas do día a día, así xorden as guerras, así nos países ditatoriais morre xente a diario polo feito de expresárense libremente, así o mundo vira cara a un futuro peor… É por isto existe o machismo hoxe no mundo, polo feito de que os homes non recoñecen que as mulleres poidan ser tan ou máis boas ca eles.

Por poñer un exemplo, Rebeca sentíase acosada polo entrevistador de traballo. Cren vostedes que a solución está na rebelión de todas as mulleres afectadas por este tipo de inxustiza?

Outro exemplo é o párroco de Elvira. El non acepta dende a súa visión machista que o home dunha das súas feligresas fose capaz de pegarlle á muller, no canto de tentar descubrir a verdade.

Na miña opinión, este tema dá moito que falar e recapacitar. E sendo home atrévome a dicirlle aos machistas que poden criticar ás mulleres cando e cantas veces queiran, pero sabendo que sen elas non serían nada".

Carlos Javier López