Animación á lectura

"CARTAS DE AMOR"

A exposición CARTAS DE AMOR visita o noso centro. Trátase dunha iniciativa da Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia, en colaboración con El Patito Editorial, na que 15 artistas ofrecen a súa visión sobre a violencia de xénero. 

Ilustradores de sona como MiGUEL CALATAYUD, PATRICIA CASTELAO,FAUSTO ISORNA, J. LUIS MÉNDEZ, JACK MIRCALA, JAVIER OLIVARES, DAVID PINTOR, PIRUSCA, PRIMITIVO, SONIA PULIDO, PACO ROCA, SERGI SAN JULIÁN, EVA VÁZQUEZ  e ÓSCAR VILLÁN, con textos da escritora galega Anxos Sumai.

O obxectivo é sensibilizar á poboación máis nova, facendo reflexionar ós adolescentes sobre a existencia de violencia nos seus hábitos sociais para, deste xeito, axudar a detectala e a eliminala.

 

As láminas que podedes contemplar no patio central do IES van acompañadas dunha mostra bibliográfica de literatura infantil e xuvenil facilitada pola biblioteca da FUNDACIÓN NOVACAIXAGALICIA de Santiago. 92 títulos que nos invitan a LER PARA VIVIR EN IGUALDADE.  No seguinte documento atoparedes algunhas desas suxestións de lectura, con un pequeno resumo do argumento.

OBRADOIRO DE BANDA DESEÑADA co ilustrador XOSÉ TOMÁS

No mes de novembro tivemos a sorte de recibir a visita de XOSÉ TOMÁS, ilustrador betanceiro que desenvolve o seu traballo fundamentalmente no ámbito da literatura infantil e xuvenil pero que, como ARTISTA que é, diversifica o seu labor en outros moitos eidos, de entre os que destacaríamos o de humorista gráfico (colabora habitualmente en La Voz de Galicia, edición de A Coruña) e o de autor de banda deseñada. Se queredes coñecer a súa obra, invitámosvos a pasar pola biblioteca e a levar algún dos libros escrito e/ou ilustrado por el.

Esta vez foi o alumnado de 1º ESO o que tivo o privilexio de descobrir os segredos da linguaxe da banda deseñada e dos seus códigos. Ademais, durante o obradoiro, todos tivemos ocasión de poñer en práctica as nosas dotes artísticas e de ver como se nos dá iso de contar historias coa axuda de imaxes.

Aquí tedes algunhas fotografías que recollen distintos momentos desta charla-obradoiro.

LETRAS GALEGAS 2010:"CHOVE PARA QUE EU SOÑE"

Unha vez máis invitamos a Serafín ó centro para que nos ofrecera a súa particular visión do autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas, UXÍO NOVONEYRASe queres coñecer a súa vida e a súa obra preme no nome do escritor e anímate a facer esta webquest que nos achega a Biblioteca do IES de Fene

Aquí podedes ver algunhas imaxes do seu espectáculo "CHOVE para que eu soñe..." e algúns dos adxectivos que empregou o alumnado de 2º de ESO para describilo:

DIVERTIDO          TOLO        ORIXINAL          RARO       ENTRETIDO      ENXEÑOSO   

        SORPRENDENTE      DIFERENTE          GRACIOSO         ABSURDO         RIDÍCULO

23 de ABRIL: Os "famosos" tamén len

 día do libro

Hoxe, 23 de abril, estamos de celebración. Xa imaxinades por que motivo, pero se aínda hai alguén que non o sabe pode pinchar neste enlace para poñerse ó día.

É unha bonita ocasión para iniciar a lectura dun novo libro ou mesmo de regalarllo a alguén, como se fai en Cataluña. Nós agasallámosvos a todos vós con esta pequena recopilación, feita pola Biblioteca do CEIP Milladoiro de Malpica, a quen lle estamos moi agradecidos por compartir con todos o seu traballo.

Neste libriño virtual recóllense as opinións acerca da lectura e dos libros de 40 persoeiros famosos. Invitámosvos a ollalas e animámosvos a ler algunha das obras que recomendan e que poderedes atopar no expositor que hai ó carón da nosa biblioteca.

Powered by Drupal - Design by artinet