Skip to Content

Crónica

A escritora Iria Misa en BiblioPerdouro


Co gallo de celebrar o día do libro, o luns 24 de abril achegouse ao IES Perdouro Iria Misa para encontrarse co alumnado de 3º PMAR e 4º de ESO. A escritora naceu o 23 de febreiro do ano 1983 en Gondomar. Actualmente vive en Baiona e é profesora de Inglés de Educación Secundaria.
O seu soño dende pequena sempre foi o de ser escritora e, despois de varios anos escribindo e perfeccionando cada unha das frases e textos que redactaba, conseguiu, por fin, acabar a súa novela Xa non estou aquí.

Este libro trata dunha rapaza que repite 1º de Bacharelato obrigada polos seus pais. A protagonista, Ánxela, tense que enfrontar aos conflitos de personalidade propios da adolescencia. Á parte deste tema, trátanse moitos outros como as drogas, a homosexualidade, a relación cos pais… Trátase dunha historia intrigante, de lectura fluída pero que agocha unha temática moi complexa.
 
Iria xa se presentara a algún que outro concurso cos seus relatos, ata que decidiu envialos ao Jules Verne de literatura xuvenil convocado pola editorial Xerais. E non só gañou a edición 2016, senón que chegou á final con dúas das súas novelas.
Contounos que as súas obras a acompañan durante moito tempo ata que senta a redactalas e a perfeccionalas pouco a pouco durante uns cantos meses ata obter o resultado que ela desexa ter ou un resultado mellor do que imaxinaba.
Tamén nos comentou un pouco por enriba algún dos temas que trata na súa próxima novela que sairá á luz antes de que acabe o 2017. Contounos tamén que tiña ganas de escribir literatura para adultos, pero que aínda non sabía como facelo, así que polo momento seguirá escribindo literatura xuvenil. 
 
Yaiza Rivas- 3º ESO
 

Semana da prensa

Os alumnos de 2º de ESO do IES Perdouro de Burela elaboraron uns paneis informativos sobre os xéneros periodísticos nesta semana da prensa. Neles mostran a definición e as principais características da noticia, a crónica, a reportaxe, o artigo de opinión etc. Estes datos aparecen recollidos nun mapa conceptual e a continuación exemplifícanse cun texto recortado do periódico.

Esta exposición pódese ver no pavillón principal do instituto no segundo andar.


Viaxe a Ourense

O martes 25 de outubro un grupo de alumnos de 1º Bac e 2º do CM de Imaxe Persoal visitaron a cidade de Ourense. (...) Os alumnos e profesores de Imaxe Persoal tiñan preparado un intercambio no IES 12 de outubro para visitar as súas instalacións de Estética e o alumnado de Bacharelato fixeron un roteiro literario para coñecer a vida e a obra dalgún dos numerosos literatos ourensáns: Valentín Lamas Carvajal, Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Eduardo Blanco Amor, Alexandre Bóveda… entre outros... Seguir lendo no blogue de perdourando...

Saída literaria de 3º de ESO: Quixote e Manuel María

Con galo do cuarto centenario da publicación da Segunda Parte do Quixote como do falecemento do Fénix das letras castelás, o alumnado de 3º de ESO viaxou o 22 de febreiro ata Santiago para asistir no teatro principal á representación das obras La española inglesa e Las dos doncellas das Novelas ejemplares de Miguel de Cervante, dúas historias protagonizadas por mulleres. As vivencias que Cervantes acumulou na súa vida reflíctense aquí nun despregue de localizacións e de belas historias relacionadas con elas. Guía didáctica.
 
Xa pola tarde, o alumnado foi visitar a Casa Museo de Manuel María, en Outeiro de Rei, para coñecer a vida e obra do autor homenaxeado das Letras Galegas deste ano.

A actividade foi organizada conxuntamente polo departamento de Lingua Castelá e Lingua Galega.

Crónica de Sara Gil - A presentación de Emily on the road na Mariña

SOBRE A PRESENTACIÓN DE Emily on the road NA MARIÑA

O día 26 de novembro tivemos a oportunidade de participar na presentación de dous libros de Ramón Blanco: un Vida e obra de Francisco Añón e outro Emily on the road. Mais non tería sentido explicar o desenvolvemento dos eventos sen facermos referencia á importancia do escritor na vida dos alumnos e alumnas -entre eles eu- que este ano cursamos 1º de BAC no Instituto Perdouro de Burela.

En xuño de 2011, finalizamos o curso de 3º da ESO e despedimos o substituto que nos dera clase durante 5 ou 6 meses, debido a unha baixa da nosa profesora de Lingua Galega. Aquel profesor que se adicou a aguantar as nosas lerias foi Ramón Blanco, que nese pouco tempo despertou entre nós un aprezo enorme, ben pola súa maneira de tratarnos, ben pola súa personalidade ou -o que é máis probable- por unha mistura das dúas. Por iso, logo de case un ano e medio, recibimos con entusiasmo a comunicación que nos fixo o noso actual mestre de que íamos ter a oportunidade de desfrutar da presentación dos libros.

Situámonos xa no día en que todo aconteceu. Ás 13:10 daquel luns fomos para a biblioteca do instituto. Todos sentamos e agardamos, expectantes, a que Moncho -resulta estraño para nós tratalo de Ramón- aparecese pola porta. Logo duns minutos, entrou aquela persoa á que tanto agarimo lle gardamos. Un sorriso inundou ao instante as nosas caras e a del. Sentou na longa mesa que estaba fronte a nós, e Bernardo introduciu a presentación de Vida e obra de Francisco Añón. Cando este rematou, tomou a palabra Moncho para agradecernos a nosa asistencia. Asegurou que estaba moi ledo de atoparse alí e explicounos diversos aspectos tanto da súa vida como da de Añón, incluíndo o motivo de elexir este escritor como referencia para o seu libro. Soubemos que foi determinante o feito de gañar con 17 anos o premio de poesía Francisco Añón, o que o levou a informarse sobre quen fora esa personalidade. Coñecemos que o poeta Añón viviu no século XIX e que a súa familia era moi coñecida na comarca comprendida entre Muros e Noia. O seu padriño, un cura, ensinoulle o mundo das letras e encamiñouno, máis tarde, a estudar no Seminario. Tamén se fixo fincapé en que no ano 1966 a Añón foille dedicado o Día das Letras Galegas, moito antes que a outros escritores hoxe máis coñecidos. Entre eses e outros moitos datos, chegou a hora do xantar.

Chegamos ao restaurante. Algúns alumnos, algúns profesores, Moncho e os seus acompañantes –Manuel L. Rodrigues, o editor de Acha Escrava; a escritora Iria Lago; e o músico Pablo Sax- comemos todos xuntos nunha longa mesa, que xa tiñamos reservada. O xantar transcurreu entre risos e anécdotas. Para nós, foi unha grata experiencia poder comer con Moncho e os demais profesores (e cremos que para eles tamén o foi comer con nós). A conversa foi animada e estivo misturada con algunhas bromas que nos facíamos uns aos outros, risos e incluso algunha que outra foto, para ter probas materiais do momento nun futuro!

Chegou o remate do xantar e houbo que volver ao centro. Pola tarde tiñamos clase! Mais ese día non era a materia de Inglés, coma sempre. Desta vez os cincuenta minutos centráronse en coñecer Emily on the road, o novo libro do noso mestre. Fixeron a introducción o editor e Iria Lago, a escritora que identificou a Moncho como o seu mellor amigo. Feitos os honores, o escritor convidado aclarounos que a historia central é o traxecto dun condutor que no camiño atopa unha rapaza (Emily) e a recolle. Xuntos emprenden unha viaxe entre o escuro e a morte, nun ambiente sombrío. En plena travesía, a parella de viaxeiros facendo varias paradas. En conclusión: o libro céntrase nunha partida, unha ruta e unha arribada un tanto misteriosas, que o autor escribiu en homenaxe a un vello amigo e á escritora estadounidense Emily Dickinson. Resultounos especialmente agradable saber que parte do poemario foi escrito na súa etapa en Burela cando nos deu clase a nós!

Tras os preámbulos, Ramón Blanco comezou a ler. Pablo Sax comezou a tocar. E verso tras verso, nota tras nota e sensación tras sensación, conseguiron cautivarnos. Esta vez non eramos só os de 1º de BAC, senón que tamén estaban alumnos de 4º da ESO e diversos profesores (entre eles Ramón Reimunde -xa xubilado do IES de Foz- e Julia Labrador, docente de Literatura na Universidade Complutense).

As palabras saíron da boca do declamante unha detrás doutra e a orixinalidade do que lía captaba a nosa atención, sen ningunha dúbida. Non era un poema como outro calquera; probablemente os alí presentes nunca escoitáramos un igual. A maneira de relatar o que lles acontecía aos viaxeiros, a maneira de transportarnos a un mundo de escuridade -e de milleiros de sensacións- era realmente especial.

Así foi como chegou o final. O escritor rematou de ler o fragmento e nós quedamos con ganas de máis. Un aplauso inundou a sala. Un éxito total. Despedímonos del e marchamos para a aula, xa que aínda tiñamos outra clase. Mais quedamos agardando á próxima vez para ver a Moncho e para botar unhas risas con el, coma sempre. Queremos que volva a cautivarnos cuns cantos versos e que nos faga soñar. Queremos imitalo, seguilo; desexamos ler máis do que el escribe… Xa que falamos de desexos: desexámoslle todo o mellor a ese grande escritor, ao grande poeta. Oxalá teña moita sorte con estes dous libros e con todos os que quedan por vir. Nós estaremos dispostos a contribuír, aínda que sexa simplemente con lembranzas da estadía en Burela.

Tesnos gañados, Moncho!

Sara Gil Cordido

Distribuir contido


by Dr. Radut