Skip to Content

Biblioteca

Actividades no Castro de Viladonga e no Museo Provincial de Lugo

O venres 09 de xuño, o alumnado de 1º de ESO viaxou xunto ás súas profesores Eva, Sonia e Karina ata o Castro de Viladonga. Alí realizaron un obradoiro sobre o lume, unha visita guiada á croa e unha actividade para descubrir e coñecer a valiosa colección do museo. Foi unha mañá onde o alumnado se mostrou moi participativo e interesado.
 
A tarde, pasámola no Museo Provincial de Lugo facendo dúas actividades dinamizadoras: "Diversigualdade" e "Rutas literarias". A primeira estivo enfocada a reflexionar sobre a diversidade sexual tomando como referencia distintas obras do museo como retratos, reloxos ou abanos. Na segunda, o alumnado participou nun xogo semellante a unha busca do tesouro, para o cal días antes houbo que realizar a lectura de catro relatos vencellados argumentalmente ao museo. Divididos en catro equipos - un por relatos, o alumnado tivo que resolver una serie de preguntas relacionadas coa historia dun dos catro relatos. Algunhas xa as podían responder cos coñecementos adquiridos coa lectura que fixeran, pero para resolver outras tiveron que visitar distintas salas do museo. Para isto contaron con 40 min ao final dos cales se reuniron todos os equipos para facer unha posta en común e deliberar o podio gañador.

Tratouse de dúas actividades moi distintas coas que sen dúbidas traballamos aspectos como o respecto e a comprensión da diversidade de orientación sexual, o traballo en equipo, o compañeirismo ou a resolución de retos. Finalizamos a xornada, por suposto, coa visita á sala do ouro onde se garda o noso Torques de Burela, un broche perfecto para este día de clase fóra dos muros do centro.

Accede a reportaxe fotográfica AQUÍ

Sonia Rey, profesora de Lingua Castelá

Recital en hologramas: poesía galega do século XX e XXI

Para a semana das Letras galegas, desde as optativas de Literatura galega do século XX á actualidade e TIC de 2º de Bacharelato, preparamos un recital en hologramas. 

O alumnado elaborou unha escolma de poemas que lle gustaban especialmente ou que son emblemáticos dentro da literatura galega desta época. 

Polo momento, podedes ver as imaxe AQUÍ.

Durante a feira das ciencias e das artes do centro, agardamos realizar unha gravación do recital para que o poidades ver en vídeo. 

 

 

Destripando a narrativa de "Azucre"

Tras a lectura de Azucre e o encontro coa súa autora, Bibiana Candia, o alumnado de 1º de Bach realizou unhas pequenas análises recollidas aquí.

 

 

Charlas formativas abertas para as familias: "Taller de neuroeducación".

A cuarta das charlas programadas será impartida por María Navarrete, Profesora da Rede Internacional de Educación Emocional e benestar. Impartirá un taller de neuroeducación para ofrecer recursos prácticos aplicables no ámbito familiar.

 

Non faltedes á cita. Vémonos na biblioteca.

Martes 13/06/2023 ás 18h30

Fallo do xurado Concursos OS MATOS

O xurado resolveu outorgarlles os premios aos traballos presentados polos seguintes alumnos baixo o lema "Unha vida de emocións":

XVI Concurso literario da As. Cultural Os Matos  
 

RELATO CURTO:

Categoría 1º e 2º ESO:

  • 1º premio: Sofía Ben Martínez (1º B)
  • 2º premio: Manel Lorenzo Tojeiro (1º A)

Categoría 3º e 4º ESO:

  • 1º premio: Ana Lestao Ben (3ºB)

 Categoría Bacharelato e CF:

  • 1º premio: Noa Gudín González (1º Bach.)
  • 2º premio: Lin Vizoso López (2º Bach.)

POESÍA:

Categoría 1º e 2º ESO:

  • 1º premio: Jorge Fernández Viso (1º A)
  • 2º premio: Hugo Fernández Galdo (1º C)
  • Accésit: Iria Cortegaza García (1º B)

Categoría 3º e 4º ESO:

  • 1º premio: Ximena Riopedre Orosa (3ºB)
  • 2º premio: Ana Lestao Ben  (3ºB)

XIV Concurso de Imaxeda As. Cultural Os Matos

Categoría 1º e 2º ESO:

  • 1º premio: Noeli Tavares Pereira (1ºC)
  • 2º premio: Uxía García Quevedo (1ºA)

Categoría 3º e 4º ESO:

  • 1º premio: Ximena Riopedre Orosa (3ºB)
  • 2º premio: Zoe Arias Lamelas (4ºB)

Concurso de Portadas da Revista Maruxía 

  • Shiva Eliska Alinda Nurhakim (4ºB) 
  • Ana Lestao Ben (3ºB)

Entrevista a Care Santos

“Paréceme moi necesario falar da situación na que se atopan os delincuentes menores de idade”  

Para a escritora Care Santos (Mataró, 1970) poñerlle o punto final a unha novela é unha sensación “marabillosa”, que imaxina como “algo semellante a coroar unha cima”. Autora de máis dunha ducia de novelas e de numerosas obras xuvenís, os seus libros están traducidos a vinte e tres idiomas, entre eles, o galego. Precisamente, a través dunha edición na lingua de noso foi como o alumnado de 4º da ESO do Perdouro se achegou este curso á novela Mentira, a primeira dunha saga que coroou a Care Santos como unha das autoras máis lidas actualmente.  

A trama de Mentira, que trata sobre a delincuencia xuvenil, e o quefacer literario da escritora catalá centraron o coloquio que se celebrou o pasado día 29 do mes das Letras Galegas na Casa da Cultura de Burela, coa participación de estudantado de varios institutos lucenses. 

Como mostra do que deu de si o encontro, a seguinte entrevista inclúe algunhas das preguntas que lle formularon a Care Santos as alumnas e os alumnos do Perdouro, nas voces de Laura Alonso Fernández, Aroa López Casas, María Fuente Álvarez e Iria González Díaz. 

- As accións escritas no libro Mentira, segundo comentaches, están baseadas en feitos reais. Tamén o está o momento no que matan a Marta Villanueva cunha pa? 

- Si, o asasinato desta personaxe tamén está baseado nun feito real. En concreto, no caso de Sandra Palo. A esta muller matárona igual que a Marta no libro. Un grupo de menores quitoulle a vida cunhas pas e despois enterrárona. O dato relevante que marcou este caso real foi que a rapaza tiña síndrome de Down.

Club de lectura de adultos

Convocamos a 1ª xuntanza do club de lectura de adultos á que convidamos ás familias a compartir bos momentos entorno aos libros.

Para esta primeira xuntanza podedes vir con algunhas propostas. Acordaremos a lectura para a 2ª xuntanza para finais de xuño.

Non faltedes á cita. Vémonos na biblioteca.

Martes 30/05/2023 ás 18h.

 

Letras galegas 2023: Francisco Fernández del Riego

Como cada curso, o alumnado de 4º ESO elaborou unha exposición de carteis para dar a coñecer o persoeiro homenaxeado o Día das Letras galegas. Nesta ocasión, as rapazas e rapaces de 4º B2 investigaron sobre a figura do escritor laurentino Francisco Fernández del Riego. 

Se queredes saber máis sobre este incansable intelectual da Mariña, lede os carteis e probade o xogo que aparece no código QR. 

Aquí os tedes tamén en PDF


 

Care Santos na Mariña

Care Santos, autora de varios libros de literatura xuvenil de éxito, encontrarase co alumnado de varios centros educativos da Mariña. A cita terá lugar o luns 29 de maio no auditorio de Burela. 

O noso alumnado de 4º ESO asistirá a este encontro literario tras a lectura de Mentira en lingua galega.

Charlas formativas abertas para as familias: "Traballando emocións".

A terceira das charlas programadas será impartida por Yolanda Fernández, especialista en Educación Emocional.

 

Non faltedes á cita. Vémonos na biblioteca.

Xoves 25/05/2023 ás 18h30

"Latexos verbais": EscribirARTE na Mariña

Somos parte da Microrrede de Bibliotecas Escolares Plambe da Mariña e como todos os anos, chegou o momento do proxecto anual de fomento e dinamización da cultura, entendida como un ben común que propicia unha sociedade máis humana, igualitaria, crítica e libre.

O tema escollido pola Microrrede é "EscribirARTE na Mariña".

No IES Perdouro, propuxemos coñecer a obra da artista Lynn Giunta, gurú do papel cortado, heroína artística coas palabras que se presta moi ben á temática elixida.

Inspirándonos na obra da artista estadounidense, o alumnado de 1º ESO confeccionou unha tarxeta ilustrada escollendo unha palabra motivadora ou emocionalmente positiva. Empregando lapis, tesoiras e papeis recortados, deron vida ás palabras a través da elección de cores e do collage. No interior da tarxeta, hai unha composición de creación propia (poesía, acróstico, regueifa, microrrelato) alusiva ás emocións  positivas.
 
Foi unha boa oportunidade para divertirse creando e tal vez aprender algo novo. Bonito reto tanto plástico como literario.

O noso mural exposto en Viveiro, recolle parte do traballo que atoparedes no seguinte libro. 

 

2º de Bacharelato compartiu coñecementos sobre intermareal con 1º ESO

 
Co obxectivo de participar no Reto 7 de Generación ECO, e por iniciativa do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía, o alumnado de 2º de Bacharelato da materia de Ciencias da Terra e o Medio Ambiente impartimos unha clase ao alumnado de 1º ESO sobre a biodiversidade na zona intermareal. Esta consistiu nunha presentación oral seguida de dous xogos interactivos: un de relacionar imaxes e un Kahoot.  

Para elaborar o primeiro, tivemos que ir sacar fotos ás praias de Burela para ver as diferentes especies presentes nesa zona, como corvos mariños grandes, estrelas de mar, crustáceos e algas. No segundo, seleccionamos algunhas das fotos e buscamos información e curiosidades sobre as distintas especies.

EscribirARTE - Exposición da Microrrede de Bibliotecas Escolares da Mariña

O luns 8 de maio, ás 18h30 inaugúrase a exposición anual da Microrrede de Bibliotecas Escolares PLAMBE da Mariña á que pertencemos. 

A exposición conta con 16 cadros e dun conto artístico colaborativo, un por cada biblioteca da Microrrede, e poderá verse no salón multiusos do Concello de Viveiro de 18h a 20h do 8 ao 11 de maio de 2023.

As obras que aí se presentan transpasan as paredes da sala de exposición. Grazas á linguaxe dos códigos QR, achegan o/a visitante a temáticas dispares traballadas nos proxectos da Microrrede.

O cartel é obra da alumna de 2º de bach de Arte do IES Monte Castelo, Claudia García López que agradecemos por brindarnos a portada que abre as portas ao noso traballo colaborativo.

Accede o programa AQUÍ.

MICRORREDE DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES DA MARIÑA

  1. EEI SAN ROQUE (Viveiro)
  2. CEP LOIS TOBÍO (Viveiro)
  3. CEIP de CELEIRO (Celeiro-Viveiro)
  4. CEIP Plurilingüe de COVAS (Covas-Viveiro)
  5. CEIP Plurilingüe SANTA RITA (Galdo-Viveiro)
  6. CEIP O VICEDO
  7. CEIP Plurilingüe PEDRO CASELLES ROLLÁN (Xove)
  8. CEIP PENÍNSULA DA PAZ (San Cibrao)
  9. CEIP de CERVO (Cervo)
  10. CEIP Plurilingüe VISTA ALEGRE (Burela)
  11. CEIP Fondo Nois
  12. CEIP GREGORIO SANZ (Ribadeo)
  13. IES MARÍA SARMIENTO (Viveiro)
  14. IES VILAR PONTE (Viveiro)
  15. IES ILLA DE SARÓN (Xove)
  16. IES MONTE CASTELO (Burela)
  17. IES PERDOURO (Burela)
  18. IES ALFOZ-VALADOURO

Charlas formativas abertas para as familias: "O sorprendente desenvolvemento do cerebro humano".

A segunda das charlas programadas será impartida polo focense Xurxo Mariño, profesor, investigador e divulgador científico. Falará de varias características evolutivas que condicionan o desenvolvemento do cerebro, da importancia da interacción social e lingüística nos primeiros anos de vida, e dalgunhas características que explican o comportamento na adolescencia.

 

Non faltedes á cita. Vémonos na biblioteca.

Mércores 10/05/2023 ás 18h30

Charlas formativas abertas para as familias: Educación afectivo-sexual

A primeira das charlas programadas será impartida polo equipo de Quérote + Lugo. Falarase de Educación Sexual na adolescencia, da identidade de xénero e da autoestima. Tratarase de conversar e axudar ás familias nunha etapa da vida moi importante para o noso alumnado. 

Non faltedes á cita. Vémonos na biblioteca.

 

Xoves 27/04/2023 ás 18h30

Distribuir contido


by Dr. Radut