David Val Pena fálanos da súa viaxe en bicicleta

O martes 8 de outubro David Val Pena, locutor en Radio Foz, veunos contar ao alumnado de 3º e 4º de ESO a súa impresionante viaxe polo mundo que narrou no libro "Un nómada en bicicleta. Pedaleando alrededor del mundo" (LAR Libros. Serie Vivencias. Viveiro 2018), unha vaixe duns 19.000 kilómetros por 20 países en 13 meses.
Para comezar, púxolle nome á súa bicicleta. Chamoulle Quiscolina, porque levaba a casa nela, co cal só podía levar o importante e imprescindible. David marcouse esa ruta porque leu un libro de Xurxo Mariño e decidiu facela. Fíxoo sen adestrar, só cunha boa bicicleta e boas rodas e en toda a viaxe só tivo que poñer un parche. El, ademais, non ten coche polo que anda en bici habitualmente. A bicicleta baleira pesaba 20 kg e coas cousas pesaba 147 kg. De Foz a Francia xa adelgazou 6 kg, polo que foi deixando pertenzas polo camiño, porque se deu conta de que non podía transportar tanto peso. Tamén influíu a dificultade do camiño. Por exemplo, tivo que baixar 1200 chanzos coa bicicleta.
Comezou en Foz, sen moitos cartos, porque el nesta aventura quería demostar unha forma de vida con apenas cartos. Para non gastar demasiado, só estivo 4 noites en hoteis dos 395 días que durou o seu periplo. Fixo a viaxe para coñecerse e coñecer mundo. Saíu en San Xoán de 2016. As súas aventuras plasmábaas nun diario, escribía moi pequeno e, ás veces, nin el mesmo é capaz de entendelo. 
Comezou a súa expedición saíndo de España polo Sur de Francia e dirixiuse cara ós Balcáns, Turquía… Alí viu que moitos nenos non tiñan escola. Na India comprobou que eran os nenos maiores os encargados de coidar dos seus irmáns pequenos e son eles tamén quen vai buscar a auga que carrexan cada día para a casa. Nunca compraba auga e un día foi a unha gasolinera e de repente tiña catro cans ao seu redor ladrando. El, como puido sen mirar para os cans, foi escapando. Cando saíu desta, sentiuse aínda máis vivo. Dixo que tivo sempre moita sorte e que se sentía protexido e bendecido. Tamén se viu na obriga de comprar un móbil novo porque o que tiña rompeulle. 
David transmitiunos que o importante non é alcanzar o éxito senón ser feliz, estar a gusto con un mesmo. Se consegues isto, podes encontrar a felicidade en calquera parte do mundo. De feito a el dálle igual estar en Foz ca noutro lado. 
En Malasia, cando acabou a viaxe, decidiu escribir o libro que nos veu presentar.

Pedímoslle a David que escollera cinco palabras para falar desta experiencia social á vez que proba física, e pensou en: HOSPITALIDADE, EMPATÍA, AVENTURA, FELICIDADE, LIBERTADE.

Accede á reportaxe fotográfica aquí. 
 
Crónica Celia Leivas Martínez, 3º ESO A 

Máis información: