Intercambio Radio Escolar A Voz da Mata - Proxecto Neo

O pasado 28 de abril un autobús con procedencia do Rosal chegou ao Porto de Burela. Nel viñan trece alumnos e alumnas do CPI Manuel Suárez Marquier acompañados de dúas profes: Loli, coordinadora da radio escolar, e Bea, responsable da biblioteca. A chegada produciuse sobre as 21.00h e aí os estábamos esperando uns cantos anfitrións do IES Perdouro.
Logo de volver a vérmonos e falar un anaquiño, os alumnos/as do Rosal foron para o hostal en que se aloxaban. Ao día seguinte, ás 9.00h, chegaron ao IES Perdouro, onde foron recibidos por Karina, Santiago, e tres alumnos de 4°ESO (Sergio, Cristian e Alejandra), que nos encargamos de facerlles unha presentación do centro, de Burela e da contorna.
Ao longo da mañá foron visitar o conxunto histórico de Sargadelos, a nova fábrica e, máis tarde, foron recibidos no concello polo alcalde, Alfredo Llano. A mediodía tivemos unha visita sorpresa: Marica Campo veu de visita a Burela e aproveitou para nos saudar e nós para facernos unha foto con ela.
Á hora da comida, os participantes de ambos os dous institutos subimos á zona recreativa do Monte Castelo. Comemos e disfrutamos dunha xornada de xogos tradicionais. De novo na vila, fixemos unha xincana polo centro urbano e tivemos tempo de lecer.
Despois dunha cea conxunta, chegou o momento da festa. Gaiteiros do Rosal e do Perdouro, acompañados dun tamborileiro, amenizaron a festa con música tradicional e baile galego. A despedida fíxose sobre a unha da madrugada, porque os estudantes do Rosal debían erguerse cedo para visitaren a Praia das Catedrais e  Mondoñedo.
Logo destas visitas, puxeron marcha para o Rosal. Esperamos que o pasaran moi ben e que non tardemos en vernos de novo!

 Accede a completa reportaxe fotográfica aquí.


Alejandra Alonso 4° ESO