A Nosa Gran HIstoria Colectiva

ruth matilda anderson

 

 [...] que ela, a vida, non ten partes, senón lugares e rostros.

                          María Zambrano

 

O IES Nº 1 da Estrada proponvos unha actividade de RECUPERACIÓN DA NOSA MEMORIA COLECTIVA.

A idea é reunir e catalogar nun arquivo dixital as fotografías que, a nivel individual, poidades ter vós, os vosos pais ou avós, para conformar a imaxe colectiva dunha época nun territorio determinado: A Estrada.

Queremos fotografías antigas, en branco e negro ou a cor, para recuperar, como nun puzzle, un mundo que se esvae e outro que se transforma:

  • Xentes: Retratos coas roupas de traballo ou de festa, que reflictan a moda de antano e de hoxe en día.
  • Contornas: Imaxes de paisaxes do noso concello: rúas, prazas, camiños, corredoiras, soutos e carballeiras, hortas, xardíns...
  • Arquitectura: Fotos de arquitectura civil e relixiosa: casas (por fóra e por dentro), cortes, obradoiros, fontes, muíños, pozos, hórreos, lavadoiros, torres, castelos, escolas, igrexas, ermidas, capelas...
  • Festas: Fotografías de festas, romarías, xantares, costumes, celebracións (casamentos, bautizos, enterros...)
  • Traballos e oficios: agricultura, gandaría, artesanía, pesca, feiras e mercados, viñedos...

En definitiva, queremos reunir o maior número posible de imaxes da vida cotiá dos nosos antergos, porque o noso presente e futuro non se entenden sen o noso pasado.

IMPORTANTE:

  • Vós e a vosa familia tede en conta antes de ceder as imaxes que o catálogo a realizar será de uso público e o colgaremos nas redes sociais; por iso, se con algunha fotografía tedes reparo en que se faga pública, é mellor que non a compartadas con nós.
  • As imaxes que cedades serán escaneadas e devoltas inmediatamente; nunca nos quedaremos coas fotografías e, preferiblemente, agradecemos que vós mesmos traiades xa as fotografías escaneadas e en formato dixital.
  • Os pen coas imaxes xa escaneadas na casa, ou as fotografias orixinais para escanear nós no Centro, podédelos deixar na Biblioteca, na aula de plástica ou na secretaría, preferiblemente dentro dun sobre que teña indicado no exterior o voso nome e a clase na que estás este ano.