Festa do Club de Lectura

O club de lectura retomou neste curso unha actividade xa tradicional no noso centro: a festa no Recreo Cultural!

Todos os que participastes, ao longo do curso, desas lecturas que nos fan nómades, que nos permiten viaxar por lugares e tempos... sen saírmos da casa, puidestes desfrutar dun día extraordinario grazas a Catro elefantes, grazas a Andrea e Julio, que desde o primeiro momento souberon atraparvos cunha volta aos libros deste ano, e foron tecendo e destecendo actividades, xogos para todos e todas vós.

O día foi intenso: andaina, xogos de preguntas e respostas, xogos de pistas, sopas de letras... e a procura do acougo coas acuarelas. E despois, mergullarse nas piscinas, o xantar cos amigos e amigas, e os agasallos que as coordinadoras do club escolleron para cada un e cada unha de vós.

Agora toca descansar, encherse da enerxía do sol e do verán... e vir con forzas renovadas para enfrontar o novo curso. 

Vémonos pronto... que as profes xa andan argallando novas lecturas para o próximo ano!

21-22 Festa Club de Lectura