Skip to Content

 

Terceira entrevista da serie #exdemonelos

Nesta ocasión Cintia García Vegas, ex-alumna de hai dous anos e na actualidade estudante de segundo curso do grado de periodismo, entrevista a Mercedes Peón unha grande da nosa música e ex-alumna do Monelos nos anos oitenta.

Escoitar cantar con 13 anos a varias mulleres da Costa da Morte supuxo o inicio da súa carreira. Dende entón, as tradicións galegas, os sons da nosa terra e a nosa cultura van da man da súa música.  Catro álbums de estudo, participación en programas de televisión e festivais, numerosos premios, Galega do Ano 2005... e ex-alumna do noso instituto. 

Hoxe falamos con Mercedes Peón, unha artista galega internacional.

Ola Mercedes, ante todo, moítisimas grazas por axudarnos neste proxecto. É un honor poder contar coa túa testemuña.  Antes de nada, en que ano iniciaches os  teus estudos no centro? 

"No ano 80."

E canto tempo estiveches recorrendo os nosos corredores día tras día? 

"Catro anos, dende 1º do antigo B.U.P ata COU"

Cal é o teu mellor recordo daquela etapa da túa vida? Algunha anécdota que queiras compartir con nós?

"É moi difícil escoller un momento en concreto, porque na miña memoria veo como unha experiencia global. Dende @s profesor@s ata as relacións coas compañeirias-os, ata a reflexión e punto de inflexión con respeto á colonización lingüística, as relacións marcadas polo xénero etc. Pero ante todo habería que salientar a unidade existente entre tod@s, incluído profesorado, para manifestarnos en contra de situacións paupérrimas que se vivían daquela. Algunha anécdota que queiras compartir con nós? Pois téñoas á moreas :), Pero unha podería ser unha vez que lle gañei a Cacharón xogando ao frontón nun torneo que se facía informal entre nós (Era un compañeiro que facía físicamente por catro Mercedes, e moi boa xente)."

Se puideras resumir os teus anos no instituto Monelos nunha frase, cal sería? 

"Un dos momentos máis solidarios"

E se tiveses que describir o instituto cunha soa palabra, cal escollerías?

"Auténtico"

 Os profesores son unha parte fundamental na vida dos estudantes. Recordas a algún de xeito especial? Por qué?

"Tod@s Por qué? Por ser concreta, vénseme á cabeza Tareisa por abrirnos os ollos á subxetividade. Ata ese momento eu pensaba que o que lía nos libros de texto era certo ao 100%.  O que fixo foi simplemente partir directamente do noso entorno dun xeito lineal ( como é a historia, unha línea temporal). Con ese posicionamento simple e complexo,  soubemos cales eran as consecuencias directas, e en moitos casos nefastas, da historia no noso territorio e aprendimos que a nós nos afecta directamente. Por exemplo, cortar as oliveiras por mandato de Isabel a Católica, que foi como un demo para a nosa terra, provocando fame durante décadas. Isto faiche desenvolver unha mirada crítica e tentar pescudar que foi o que aconteceu e ollar o mundo con outras subxetividades."

Algunha recomendación para todos eses rapaces que acaban de comezar a súa andadura polo centro?

"Pois non creo que poda aconsellar. O que si sei é que o mundo cando nacemos tenos reservado unha caixiña. Segundo ela ti es a pequena, ou a que ten carácter, ou doce, ou viril, ou competitivo-a, ou orientacións que teñen que ver cuns acordos que xa estaban establecidos, cheos de prexuízos. Cando pasa o tempo pode ser que te decates que facer o que impón a manada para que se che acepte pode ser moi frustrante, porque non o escolliches ti, só te deixaches levar para ser aceptad@, e aí si que creo que polo menos hai que saber  identificalo… Ti quen és?"

Aos 13 anos comeza a túa paixón pola música e a tradición galega. Dende este momento, comezas a túa andadura como artista. A continuación, catro discos, participación en programas de televisión, festivais, moitísimos premios as túas costas... Cal é a clave para conseguir as túas metas? Qué consello lle darías a xuventude de hoxe en día?

"Primeiro teño que decir que non tiven metas. Saía do instituto e collía un autobús para achegarme á Bergantiños. Cunha libreta e un boli petaba nas portas de casas para preguntar se sabían bailar ou cantar e con 13 aniños boteime ás aldeas como se foran a frauta de Amelíe. Quería saber, e o que aconteceu foi que o vivín, vivín un mundo de creación colectiva con outros acordos de vida, totalmente ecolóxicos, convivindo o patriarcado coa matrilinialidade, o transo da música e o baile máis perfectos que escoitara xamais. Eu creo nas vivenzas, esto é o que nos imos levar. O éxito é un constructo que non me interesa, en canto deixen de falar de nós tornaremos seres tristes sen anclaxes e iso rexeitoo totalmente. Eu admiro iso, o saber estar aquí e agora, vivir cada momento sen que o externo diga o que é válido ou non.  

Qué consello lle daría a xuventude de hoxe en día? Que cuestionen os acordos existentes e que tenten ser ecolóxicos no significado máis amplo da palabra ( non me refiro a reciclar que tamén :))"



page | by Dr. Radut