FacebookSíguenos en YouTube

XA ESTÁN CON NÓS OS FUTUROS POLOS CREATIVOS!!!

O 25 de outubro a Asociación da Raza Galiña de Mos facíanos partícipes dun proxecto de educación avícola que comezou deixándonos unha incubadora chea de ovos desa raza de galiñas para que o alumnado de 1º e 2º ESO puidera observar o nacemento dos pitiños. O mércores 15 de novembro naceron oito, e ao día seguinte volveron visitarnos Diego e Monasterio para indicarnos os pasos a seguir.

O veterinario Diego Rois expuxo con detalle todos os estados polos que pasa o ovo fértil dende o primeiro día de incubación ata o nacemento dos pitos. Amosoulles cunha lanterna sobre un ovo que non rompeu, como se podía saber se dentro había embrión ou non. Tamén sinalou as características físicas das galiñas e galos de Mos e a boa calidade dos ovos e da súa carne que fai desta raza un produto diferenciado que cada vez se demanda máis.

A Asociación de Raza Galiña de Mos intenta dar a coñecer non só a raza, senón a importancia da súa protección e conservación. Estivo a piques de desaparecer anos atrás porén, coa perseveranza e traballo, puidérona recuperar.

Finalmente, e despois de que os alumnos e as alumnas que quixesen colleran os pitiños nas mans, introducíronse nun galiñeiro móbil construído para a ocasión, para que, cunha lámpada vermella se manteñan a temperatura adecuada e sigan medrando. O alumnado gozou moito con esta experiencia e amosouse moi emocionado coa seguinte etapa que se inicia: a cría e coidado deste animais tan especiais xa para eles.

FACEMOS FRONTE Á VIOLENCIA SEXUAL

A psicóloga Paula Tobío, especialista en igualdade, impartiu aos alumnos e ás alumnas de 1º Bacharelato A un obradoiro focalizado nas violencias machistas en contextos de lecer, de festa e de ocio nocturno. 

 

Iniciou o taller cun remuíño de preguntas sobre as actividades que realizaban no seu tempo de ocio ao alumnado, ata conducilo as cara unha reflexión colectiva sobre as condutas que podían estragar ese tempo de lecer, centrándose nas situacións nas que se daban algún tipo de violencia sexual.

 

A continuación en grupos de tres tiveron que realizar cadansúa pequena peza audiovisual en formato stop motion con Legos no que describían un caso de violencia machista durante o ocio nocturno. O resultado foron catro historias moi sinxelas e moi visuais nas que se traballou, utilizando ferramentas TIC, na prevención de condutas de risco e promoción de relacións interpersoais baseadas no respecto, a comunicación, a liberdade e o consentimento para facer do ocio e os eventos festivos lugares seguros. Estas pezas están publicadas no blog da nosa Biblioteca: https://bibliotecamaximino.blogspot.com/2023/11/facemos-fronte-violencia-sexual.html.

 

Con esta actividade o IES Maximino de Lema participou na campaña #DeFronte impulsada dende a área de Igualdade da Deputación da Coruña co gallo da conmemoración do 25, Día da Eliminación da Violencia contra as mulleres; dous dos vídeos elaborados serán colgados na súa web  para representarnos xunto cos traballos doutros centros; obradoiro que conseguimos grazas á mediación do CIM do Concello de Zas. Agradecemos ás dúas institucións que fixeran posible a realización de tan interesante iniciativa.

HAPPY HALLOWEEN! Animal-Themed Pumpkin Contest

O pasado martes 31 de outubro o Departamento de Inglés celebrou o concurso de cabazas de Halloween con temática animal. Foron moitas as ideas orixinais que se viron nas creacións das cabazas por parte dos participantes, mais só se concedían dous premios. Éstes foron para a cabaza máis grande (“Scary Cat” by Hadrián Otero Nieto and Andrea Pastoriza Lema, from 2º BACH) e para a cabaza máis pequena de todas (“Black Bat” by Daniela Vázquez Vázquez, from 1ºESO). Os regalos sorpresa personalizados foron todo un éxito, así que esperamos aínda máis participación nos próximos concursos!

Congratulations everyone for the great work!

O Club de Lectura de Adultos Baiolendo viaxa no tempo con As Alumnas de Paula Carballeira

O pasado xoves Paula Carballeira conversou arredor d´As alumnas co Club de Lectura de Adultos do IES Maximino Romero de Lema. Froito desa xuntanza e como actividade complementaria da lectura resultou este álbum de fotos a imitación dos que se facían polos anos 60, pero reflectindo a esencia da peza teatral.

ENCONTRO COA REPRESIÓN DA MULLER A TRAVÉS DO PREMIADO LIBRO DE PAULA CARBALLEIRA, AS ALUMNAS.

O encontro literario que esta tarde mantivo o Club de Lectura de Adultos do IES Maximino Romero de Lema permitiu realizar unha viaxe no tempo a unha época moi próxima a través do libro As alumnas de Paula Carballeira, para coñecer e lembrar o vivido polas mulleres cando estaban predestinadas a cumprir un rol que non respondía nin respectaba os seus sentimentos, necesidades e aspiracións.

 

As alumnas recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023, sendo a primeira muller que recibe este galardón por escribir unha obra en galego, e ademais foi merecedora do Premio Follas Novas do Libro Galego 2023. Nela a autora rende unha homenaxe a María Barbeito que, igual que moitas outras mestras da Segunda República, loitaron por lograr unha educación igualitaria, creativa, libre e renovadora.  Unha tarefa que se viu truncada pola ditadura de Franco, que supuxo un retroceso en dereitos de todo tipo e que afectaron, con dureza á educación e ás mulleres.

 

As protagonistas desta peza teatral son dúas antigas alumnas de María Barbeito que  representan os “posibles camiños” que tiña a muller durante a época de represión: Elvira acaba desempeñando o papel de esposa e nai ideal e renunciando ás súas aspiracións, mentres que Rosa loita por desenvolver esas aspiracións nun contexto de limitación e discriminación especialmente coa muller.

 

O acto iniciouse cunha sesión de fotos na que, imitando as que se facían nos anos 60 ao alumnado, os e as asistentes retratáronse cun mapa de Galicia, xa que queriamos reflectir o cambio da actualidade. 

 

A escritora amosouse moi contenta pola pequena recreación dunha escola na que se mesturaban elementos destacados na súa obra. A continuación sentamos arredor dun café e a autora foi explicando aspectos de As alumnas alentada polos comentarios e preguntas das persoas presentes. 

 

Foi un encontro moi enriquecedor no que se falou do difícil que era para a muller saír do camiño trazado para ela, da lingua vernácula, do medo, da desigualdade, da liberdade e das conquistas das mulleres, cuestións que poden parecer consolidadas pero que sempre penden dun fío.

SAÚDE, BENESTAR E PRACER

Onte venres tocoulle a quenda dos almorzos saudables ao alumnado de 2º de Ciclo Medio que degustou unha primeira comida na que se combinou saúde, benestar e pracer.

Saúde polo abano de alimentos variedades e saudables que degustaron, pracer porque compartiron mesa con compañeiros e compañeiras de clase, e benestar porque o realizaron nun ambiente moi distendido, o que tamén axuda a facer grupo.

Que mellor xeito de comezar a xornada de aprendizaxe?

E MÁIS HOUBESE....

Hoxe o alumnado de 1º Ciclo Medio tivo a oportunidade de gozar dun almorzo equilibrado no Centro seguindo os consellos que lles demos na breve charla inicial.

 Tomarse tempo para almorzar: o tempo ideal é de 20 a 30 minutos para realizar unha boa dixestión. Eles e elas hoxe cumpriron de xeito sobrado este requisito pois tiveron sobre uns 40 minutos.

2º Elixir ben todos os nutrientes: é fundamental afrontar con enerxía a xornada de aprendizaxe, por iso lles propoñemos proteínas, graxas, hidratos de carbonos, fibra, vitaminas e minerais que conteñen a variedade de alimentos que lles ofrecemos: froita, lácteos, cereais, pan e aceite de oliva entre outros.

3º Dar máis importancia á calidade: os produtos que ofrecemos na súa maioría son galegos e de gran calidade co que tamén cumpriron este requisito

4º Fomentar a dieta mediterránea, un dos modelos nutricionais máis saudables a nivel mundialPor iso servimos aceite de oliva.

5º Planificar o almorzo: no día de hoxe todo o alumnado tiña planificado o seu almorzo abríndolle un abano de propostas diferentes.

Polo tanto, confirmamos o que sinalábamos ao comezo: o alumnado de 1º de Ciclo Medio tomou un almorzo completísimo e moi equilibrado.

Vésperas do Día de Defuntos na Biblioteca do IES Maximino Romero de Lema

O pasado martes, 31 de outubro, co gallo do Samaín excelentes intérpretes de 1º e 2º de ESO realizaron lecturas dramatizadas na Biblioteca. Leron contos e lendas tradicionais arredor da morte que lles transmitiron no seo da familia ou orixinais deles e delas. Mortos, aparecidos, pantasmas... acompañáronos durante a sesión nas que houbo algún que outro sobresalto, arrepío, medo por parte do público asistente... mais tamén un pequeno agasallo que unha leda caveira ofrecía a quen participaba.

 

Velaquí vos deixamos o arquivo fotográfico no que aparecen os/as principais protagonistas para revelarlle a todas as persoas do Aquén o acontecido nesta sesión de literatura oral.

Distribuir contido