FacebookSíguenos en YouTube

SEXUALIDADE E ADOLESCENCIA

O alumnado de 1º Bach tivemos a oportunidade de participar activamente no Obradoiro Con-sentimento: sexualidade e adolescencia impartido pola Educadora Social Malaika Cousillas. Aclaramos termos referentes á sexualidade e afondamos nos riscos de aprender sobre a mesma a través da pornografía. Desterramos mitos sobre a sexualidade, falamos de como vivir relacións afectivo-sexuais positivas, facendo fincapé na comunicación, o coñecemento, a protección e a igualdade. Foi unha xornada na que puidemos falar tranquilamente do tema cunha especialista, contar os nosos medos e preguntar dúbidas. A verdade é que o taller tivo moi boa acollida por parte do alumnado de 1º BACH A, que foi o destinatario o luns pola tarde, e polo de B, que o recibiu o martes.

A MAXÍA DA QUÍMICA

O alumnado de 2º ESO E FPB gozou dun segundo día científico na Semana Cultural; durante dúas sesións guiados pola química Elena López descubriron dun xeito lúdico as diferentes propiedades das substancias.

Entre as actividades desenvoltas estaba a de Química na cocina: fixo unha demostración de como se pode empregar a col lombarda como indicador de acidez dunha disolución. Deste xeito determínase o pH de substancias de uso común nos nosos fogares: leite, vinagre, lixivia… e así achegoulles aos/ás alumnos/as o concepto de ácido-base.

Outra demostración foi Química á hora do té: o té é unha bebida refrescante e tamén pode axudar aos/ ás estudantes a aprender sobre reaccións químicas importantes como o demostrou Elena cuns sinxelos experimentos feitos con infusións. O alumnado familiarizouse con contidos de substancias oxidantes e redutoras mediante un exemplo de reacción de oxidación do iodo coa vitamina C.

Finalmente puideron observar de primeira man os dous tipos de reaccións químicas en función da enerxía liberada ou absorbida. 

APRENDEMOS A TRAVÉS DO SURF

Na tarde de onte comezamos a Semana Cultural e, en 1º ESO iniciámola ao grande, cunha charla teórico-práctica sobre o surf que nos deu Gabriel, xerente de Ubuntilife en Camariñas, como preparación para a hora da verdade que tería lugar ao día seguinte. Durante a charla puxo en valor as praias da Costa da Morte, que compiten en idoneidade coas máis famosas praias australianas. De pé simulamos o comportamento das ondas do mar e as correntes, familiarizámonos co material de surfeo e practicamos os movementos de corpo sobre a táboa de surf, enriba de patinetes e incluso sobre táboas e rolos de equilibrio de madeira. 

Hoxe desprazámonos á praia de Arou para seguir no mar o proceso de iniciación ao surf. Despois de poñer o traxe de neopreno, comezamos cunhas reflexións grupais en relación ao mar e á importancia de gozar del respectándoo e implicándonos no seu coidado, e aproveitamos para entrar en calor facendo unha limpeza do lixo que había na area. Despois de varios xogos máis para quecer ben, empezamos a familiarizarnos coas táboas de surf sobre a area para a continuación meternos na auga e poñer en práctica todo o aprendido, navegando polas ondas seguindo as instrucións dos encantadores monitores que nos acompañaron. Foi unha actividade moi divertida e pasámolo moi ben, tanto que xa estamos desexando que chegue o verán para seguir aprendendo, e a próxima Semana Cultural para repetir isto!!

TALLER DE XOGOS ROMANOS

A Asociación Histórico-Cultural Gallaecia Viva participou na nosa Semana Cultural facendo un percorrido polos xogos característicos da época romana e explicando as intrucións para practicalos. Héctor, un neno de sete anos, xunto co seu pai Adrián Rodríguez- presidente de Gallaecia Viva-, e avoa María foron os encargados de informar sobre as características de cada xogo: o xogo do muíño, o alquerque XII, o tesserae, a letra delta, xogo do círculo, o terni lapilli, a turrícula foron algunha das propostas.

Xogos que son sinxelos de xogar e tamén de reproducir, xa que son fáciles de facer despois na casa. Unha maneira didáctica e, ao mesmo tempo, divertida de achegar ao alumnado á época da Antiga Roma. Unha vez máis o alumnado, primeiro o de 2º ESO e despois o de 1º, puido demostrar as súas habilidades nas distintas propostas de entretemento.

TIRO CON ARCO

O deporte olímpico de tiro con arco foi o protagonista da primeira actividade da que gozou o alumnado de 3º ESO nesta Semana Cultural. Jesús Antonio Allo do Club deportivo Flechas por un tubo de Corme, xunto con tres arqueiras que contan con premios no seu haber, Leonor Andrade, campioa galega, Lucía Castro, medalla de bronce e Claudia Chouciño explicaron de xeito teórico a historia, as características e as persoas destacadas a nivel nacional e internacional.

A continuación fixeron unha demostración práctica das súas habilidades para o tiro con arco; finalmente foi o alumnado quen practicou por quendas a súa puntería.

Agradecémoslle tanto a Jesús Antonio coma as magníficas arqueiras que se achegasen ao noso Centro a promover este deporte tan pouco coñecido e practicado, e que non obstante nos permite fortalecer tanto o corpo mediante o exercicio como a mente a través da concentración. O xoves repetimos actividade con 1ºESO. Seguro que lles encanta tamén!

XVII SEMANA CULTURAL

USA CULTURE CLASS

O alumnado de 1º e 2º da ESO por unha banda, e o alumnado de 3º, 4º da ESO e FP Básica por outra, doulle a benvida a Damien, con quen tiveron unha sesión en inglés de cultura xeral estadounidense con preguntas varias a modo concurso e agasallos para ós afortunados.

 

O ponente presentou diversos aspectos do país e explicou os elementos e simboloxía máis coñecidos de Estados Unidos. O alumnado tivo a oportunidade de contestar preguntas sobre temas variados con comodíns, sendo un destes unha chamada telefónica á nai de Damien en Irlanda e falar directamente con ela.

 

Foron unhas sesións moi enriquecedores e dinámicas para o alumnado que esperamos repetir moi pronto.

MARÍA SOLAR PECHA O V MES DO LIBRO DO IES DE BAIO

Na tarde do luns 8 de maio María Solar puxo o broche final ao V Mes do Libro do IES Maximino Romero de Lema, un mes de achegas e de recoñecemento por parte de figuras destacadas da literatura galega.

 

As alumnas Marina e Ainara presentaron a autora que comezou agradecendo o entusiasmo co que Marta Nantón, a coordinadora da Biblioteca, a convidou ao noso Centro, feito que derivou na súa aceptación a pesar da súa  apertada axenda.

 

A escritora amosou a súa especial ilusión xa que era a primeira vez que se encontraba con alumnado interesado e coñecedor da súa trama para falar de A Culpa. Un libro que supuxo moito esforzo creativo e intelectual, esforzo correspondido co seu éxito.

 

María Solar desvelou aspectos relacionados coa escrita do libro: como tiña o argumento completo na cabeza antes de poñerse a escribilo; como se documentou sobre determinados aspectos  técnicos relacionados coa trama; que historias quería contar; como evolucionan as personaxes principais e a relación tóxica entre elas.... Fixo unha reflexión sobre as culpas que se reflicten, sobre as diferentes formas de amor... e sinalou a dificultade que teñen nas librerías para encadralo nun xénero concreto (obra literaria, novela negra, thriller...). 

 

Un encontro literario que rematou coa entrega dun agasallo, e coa sinatura de exemplares. Algúns dos asistentes, alumnado de 1º de Bacharelato, membros do Club de Lectura de Adultos e persoas interesadas alleas ao centro, aproveitaron para  sacar fotos coa autora.

 

O noso agradecemento a María Solar polo seu compromiso coa literatura en galego e por ter aceptado o convite do noso IES.

Distribuir contido