Saltar navegación.
Inicio

Sexualidade e pornografía

O noso centro leva tempo comprometido coa educación afectivo-sexual, coñecedores da importancia da mesma non só no que ten que ver coa prevención de ETS e embarazos non desexados, senón tamén no que á cuestión emocional e relacional entre as persoas se refire, como aspecto básico en canto á promoción das relacións baseadas na igualdade, respecto e tolerancia. 

Sen embargo, no momento actual hai unha gran preocupación social polo auxe de condutas violentas nas relacións afectivas, incluso a idades moi temperás, que moito teñen que ver co (mal) uso de internet e o fácil acceso á pornografía, o que promove unha visión distorsionada da realidade e das relacións afectivas nos menores de idade. 

Con un panorama ao respecto preocupante e a alarma social activada, o alumnado da materia de Psicoloxía de 2º de Bacharelato, da man da súa profesora Zeltia Laya, decidiron intervir. Levaron a cabo unha investigación sobre a cuestión, indagando sobre a pornografía e a súa influencia no desenvolvemento afectivo-sexual dos menores e adolescentes. Presentaron as súas conclusións en todos os cursos do instituto, concienciando a alumnado e profesorado dunha problemática sobre a que é preciso reflexionar e dende logo tomar medidas.Promover un uso adecuado de internet, redes sociais e videoxogos, supervisar e regular o acceso a determinados contidos son premisas urxentes para restablecer o compoñente emocional adecuado nas relacións afectivas, nas que non debe caber espazo para a violencia nin abusos de ningún tipo.