try another color:
try another fontsize: 60% 70% 80% 90%
IES Lucus Augusti

Flipped Classroom

 O Flipped Classroom (aula invertida) é unha metodoloxía didáctica asentada nas teorías de Vygotsky respecto aos modelos da aprendizaxe social e ao constructivismo Piagetiano. Os fundamentos da “clase inversa” contemplan a educación dun xeito que supón unha simetría antagónica  respecto aos procedementos que se están a desenvolver comunmente nos centros de ensino. A maior parte do alumnado adica un importante espazo do seu traballo extraescolar á consolidación dos aspectos académicos que lle ofrece o profesorado na aula, ben sexa a través dun traballo individual ou coa axuda da familia e/ou academias que consolidan estas aprendizaxes e resolven as dúbidas derivadas da asimilación de contidos, unha situación que xera un desfase competencial respecto ás posibilidades socioeconómicas do alumnado. Mediante este enfoque revértese o proceso de ensinanza-aprendizaxe para que sexa a dinámica da aula a favorecedora da consolidación dos coñecementos, a reflexión proactiva e  a colaboración a través da participación grupal para enriquecer as aprendizaxes. O modelo tradicional de transmisión de coñecemento, no que un especialista imparte leccións maxistrais, está asentado nunhas premisas obsoletas respecto ao acceso a cultura e minimiza a riqueza que supón na actualidade dispor da biblioteca de Alexandría no sillón da túa casa, entendo que non é posible perpetuar unha educación arcaica e descontextualizada no marco dunha sociedade que funciona a un ritmo tecnolóxico ao que os docentes non podemos permanecer cegos asumindo a ineficacia do sistema educativo sen mostrar intención de cambio.