Skip to Content

IES Leiras Pulpeiro

Iguála-t

Comezamos...

Equipo de Igualdade

Estamos a punto de rematar o curso e queremos facer memoria de todo o que aconteceu neste ano académico 23-24 desde o Equipo de Igualdade.

Tres eixes temáticos vertebraron o traballo deste curso: Educación sexual, estereotipos sexistas e violencia machista.

Densenvolvimos un total de 24 talleres e charlas destinados aos cursos de 1º ESO (8 charlas-obradoiro), 3º ESO (4 charlas-obradoiro) e 4º ESO (12 charlas-obradoiros).

Participamos no programa "Ti elixes", cun total de 4 obradoiros destinados a  4º ESO. Tamén nese contexto co motivo do 11 de Febreiro (día da Muller e a Nena na Ciencia) desde todas as materias se organizaron actividades facendo visibles as mulleres invisibles pola historia.

Ademais conmemoramos o 25N (Día contra a violencia machista), 8M (Día da muller traballadora) e puxemos en marcha desde xaneiro as tertulias feministas os venres no recreo.

Aínda queda moito por facer, pero agardamos que todo este esforzo serva para lograr unha desexada sociedade igualitaria desde o noso alumnado.

 

 

Día Internacional da Muller - 8 de marzo de 2024

Este ano, coa axuda de todos os departamentos, quixemos empapelar as portas das aulas do IES Leiras Pulpeiro con mensaxes e citas para enfatizar a importancia do feminismo hoxe en día (ver o adxunto).

Necesitamos educar en igualdade, crear espazos seguros libres de violencias machistas, onde as mulleres sexan o que queiran ser, ocupando espazos, sen medo a ser xulgadas e sen o mandato de ser perfectas. E con esta idea desde o Equipo de Igualdade formado por Rosalía Bernárdez, Doaae Ait Ai Ou, Inés Orozco, Noa Rodríguez, Marta Rodríguez, Estela Díaz, Jorge Vázquez e Iolanda Seoane, coordinado por Cristina Gómez, coa axuda inestimable de Xabi Díaz, a xenerosidade de Miguel Neira, Luisa Felpeto e María Cabo e moitas máis participantes, creamos un video que agardamos vos inspire tanto como a nós facelo, e animamos a que máis xente se apunte a vir os venres ás 11h á biblioteca para seguir proxectando un mundo libre de machismo. Agardámosvos! 

 

 

11F: Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia 2024

Este ano co motivo do 11 de febreiro, data na que a ONU enmarcou esta efeméride, desde o Equipo de Igualdade e Diversidade do IES Leiras Pulpeiro puxemos en marcha varias actividades e propostas de participación para o noso alumnado.

Por unha parte démoslle continuidade a iniciativa que arrancou o ano pasado a profesora Noemí Vázquez que consiste na elaboración de currículums de mulleres científicas por parte do noso alumnado desde diferentes materias, así como o photocall que de forma voluntaria tanto eles como elas, caracterizadas da científica escollida, brindan unha homenaxe ao traballo desa muller. Non podemos estar máis contentas co resultado, e aquí unha mostra que tamén se pode ver no corredor da planta baixa do centro.

Por outra banda e uníndonos ás actividades en colaboración con diferentes universidades para dar visibilidade a mulleres na ciencia, tivemos a Lourdes Lorenzo García, directora do Departamento de Tradución e Lingüística e Coordinadora de prácticas da Facultade de Filoloxía e Tradución, da Universidade de Vigo. A charla foi dirixida ao alumnado de 4ºESO e foi unha sesión de concienciación sobre a importancia da inclusión a partir das tecnoloxías da fala como a subtitulación para persoas xordas, audiodescrición para persoas cegas e adaptación á lectura fácil para persoas con discapacidade intelectual, e así achegar un traballo no que conflúe o coñecemento humanístico e o científico por mulleres, na súa gran maioría.

 

 

 

Novo Instagram Igualdade

Xa temos instagram do Equipo de Igualdade e Diversidade do IES Leiras Pulpeiro: @igualeiras

 

 

25N Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Durante a semana do 27 de novembro ao 1 de decembro o IES Leiras Pulpeiro quere sensibilizar da importancia da detección e eliminación das violencias cara as mulleres nas súas multitudes formas desde insultos, burlas, acoso, ciumes... Tamén quere lembrar as máis de 52 mulleres con nomes e apelidos, asesinadas por homes no que levamos de ano.

O centro tamén está a promover un equipo de igualdade entre os alumnos e alumnas, sumándose así a iniciativas que xa están en marcha en outros centros como o Comando Igualdade. Ademais está a desenvolver, obradoiros e charlas didácticas dirixidos a diferentes cursos. A temática é diversa: tolerancia fronte a diversidade sexual, prevención ante a exposición á pornografía...esta ultima foi escollida a partires dos datos de diferentes informes sobre a xuventude e adolescencia nos que se reflicte que a idade de acceso inicial dos e das menores sitúase arredor dos 9 anos, e a partires dos 14 xa está normalizado o seu consumo, de aí a importancia de sensibilizar contra a normalización da violencia, falta de empatía, disfuncións e adicións. 

Oxalá non ter que "conmemorar" un 25N nunca máis, mentres tanto, todos os días o son. O IES Leiras Pulpeiro quere ser un espazo libre de violencias machistas, un lugar seguro para todas.

Distribuir contido


by Dr. Radut