Skip to Content

IES Leiras Pulpeiro

Taboleiro

Becas MEC ensinanzas post-obrigatorias 24-25

Acaba de saír publicada a convocatoria das becas  MEC de carácter xeral para o vindeiro curso 2024/25 dirixidas ao alumnado de ensinanzas postobrigatorias (BAC, FP grao básico, medio e superior, curso de acceso e preparación para probas de acceso á FP, ensinanzas artísticas profesionais e superiores, ensinanzas de idiomas en Escolas Oficiais, ensinanzas deportivas, estudos relixiosos superiores e Universidades).

Achegamos un documento informativo elaborado pola sección de becas

 

Alumnado Admitido - Período de Reserva

Informamos que todo o alumnado dos centros adscritos que solicitou praza neste centro educativo no período de reserva foi admitido.

En calquera caso, pode consultar a listaxe na vitrina de Administración situada no edificio principal.

Concurso Lucus Intercentros

O venres 18 de xaneiro tivo lugar unha nova edición do Concurso Lucus Intercentros, unha iniciativa do alumnado e profesorado da familia profesional de Administración e Xestión do IES Muralla Romana, que cada ano convoca a 3 representantes de cada un dos institutos públicos da cidade de Lugo para participar nun xogo de preguntas e respostas sobre contidos da ESO, cultura xeral e actualidade.

Nesta ocasión, o noso centro presentou un equipo dun grande nivel formado por Martín Casanova, Rita López e Uxío Pita que so a mala sorte impediu, pola mínima, a súa presenza en semifinais. Agradecémoslle no nome de todos/as o seu esforzo e ilusión en representarnos.

Agradecemos tamén a organización todo o traballo e a excelente acollida recibida e felicitamos o conxunto anfitrión que resultou ser o campión desta edición.

Podes ver unha reportaxe do evento premendo aquí

Novo Galardón para Rosalía Bernárdez

A nosa admirable alumna Rosalía Bernárdez Riopedre volta a ter un importante recoñecemento, esta vez outorgado na cidade da Coruña. Trátase do prestixioso concurso poético xuvenil dos XXXI Xogos Florais María Pita dedicados este ano á figura de Wenceslao Fernández Flórez baixo o lema “natureza con alma”. O premio foi concedido por un xurado presidido pola poeta Yolanda Castaño o pasado 22 de novembro no Teatro Colón.

Rosalía acumula xa un bo lote de recoñecementos armando un currículo extraordinario para a súa xuventude, o que nos leva á certeza de que virán moitos máis. Recibirémolos cun inmenso orgullo de centro, dun centro de barrio, cunha diversidade enorme, con grandes urxencias e necesidades mais, ao mesmo tempo, cun talento portentoso.

Exposición Historia do Pobo Xitano

Temos instalada nos corredores do noso centro a exposición Historia e Cultura do Pobo Xitano que se poderá visitar entre os días 18 e 27 de outubro de 2023 dentro do noso horario de apertura.

A exposición, que consta de 18 paneles, foi creada pola Asociación Enseñantes con gitanos e conta cunha unidade didáctica orientada ao alumnado dos últimos cursos de educación Primaria e alumnado da ESO. Nela, faise un repaso pola historia dos xitanos en España, dende a súa chagada no 1425 ata a actualidade, profundizando nos pilares fundamentais da cultura deste pobo e analizando as principais dificultades ás que se enfrentan como grupo minoritario. É un material realizado por docentes que pode servir para o traballo nas aulas así como para a inclusión dos alumnos e alumnas xitanos nos centros e o fomento da interculturalidade.

Ainhoa Rodríguez e Ainara Vilariño, subcampioas de España de Hípica Raid

O noso alumnado segue a colleitar importantes éxitos en competicións deportivas moi diversas. Neste caso, queremos facernos eco do subcampionato de España alevín da modaliade Raid de Hípica conseguido polas nosas alumnas de 1º da ESO Ainhoa Rodríguez e Ainara Vilariño na localidade catalá de Vic o pasado 7 de outubro.

O Raid é unha disciplina ecuestre na que se pon a proba a velocidade, habilidade e a resistencia física e psicolóxica de cabalo e xinete, xa que ambos deben percorrer grandes distancias nun día, neste caso 80km. As nosas xinetes amosaron o seu talento dosificando o esforzo do cabalo acadando a segunda posición por detrás do equipo de Cataluña.

Parabéns a Ainhoa, a Ainara e a todo o seu equipo e familias e moita sorte para vindeiras ocasións!

Alternativas sen Glute na nosa Cafetería

A partir do luns 18 de setembro a nosa Cafetería ofrecerá sandwiches con pan sen glute Schär para aqueles membros da nosa comunidade educativa con esta intolerancia alimentaria.

Ademais podedes consultar outros produtos aptos con indicación "sen glute" . Non dubidedes en pedilos.

Horarios Individualizados

No curso Administración Alumnado da nosa Aula Virtual está dispoñible para cada alumno/a un horario individualizado onde, ademais do horario do seu grupo, constan na parte inferior os seus diferentes desdobres, agrupamentos, reforzos e optativas que temos rexistrado para este curso que comezamos. 

Se detectades algún erro, podedes comunicalo a través da mesma aula virtual ou na Secretaría do centro.

Convocatoria Presentacións Curso 23-24

Podes acceder á información de asignación de grupo e convocatoria para a presentación do curso 23/24 a través do curso Administración Alumnado da Aula Virtual. A dita información encóntrase na sección Presentación Curso 23-24, no comentario da tarefa Asignación a grupos do alumnado.

A pantalla ten este aspecto:

 

 

Para entrar na Aula Virtual o teu usuario será o teu nome e apelidos en minúscula sen espazos e o teu contrasinal a túa data de nacemento sen barras separadoras.

Exemplo: A alumna Ánxela Veiga da Costa nada o 5 de abril de 2008 terá:

usuario: anxelaveigadacosta

contrasinal: 05042008

Como medida de seguridade, terás que cambiar o contrasinal a primeira vez que entres.

Por outra parte, o alumnado de 2º da ESO e 4º da ESO recollerá os libros de texto na súa aula a partir do martes 12 de setembro.

 

Presentacións e Comezo das Clases - Curso 23-24

Comezamos o curso 23/24 coa Xornada de Presentacións, que terá lugar o luns 11 de setembro nas aulas de referencia de cada grupo co seguinte horario:

 O venres 8 de setembro ao final da mañá daranse as instrucións para consultar o grupo ao que pertence cada alumno e alumna a través desta mesma páxina web.

As reunións coas nais e pais do alumnado de 1º da ESO desenvolveranse no Salón de Actos o luns 11 de setembro co seguinte horario:

  • 1º ESO A e B ás 17h.
  • 1º ESO C e D ás 18h.

O martes 12 de setembro comezarán as clases con normalidade co horario achegado nas presentacións.

Distribuir contido


by Dr. Radut