O pasado 26 de xuño celebrouse a Final da Olimpiada Matemática Española 2021 que, a causa da pandemia, tivo que desenvolverse en modo on-line.
Os tres finalistas galegos, entre os que se atopaba o noso alumno Martín Casanova Alonso de 2º E, participaron no evento desde o Círculo das Artes de Lugo. Na sesión de mañá tivo lugar a proba individual que consistiu na realización de 5 problemas nos que se trataban diferentes ámbitos do coñecemento matemático.
Pola tarde, desenvolveuse a proba por equipos na que competiron as diferentes comunidades autónomas, Melilla e os centros educativos españois de Marrocos.
O xoves 1 de xullo, tamén en modo on-line, celebrouse desde a Universidade de Oviedo a entrega virtual de premios. O primeiro posto por equipos correspondeu á Comunidade Valenciana e na proba individual, entre os 60 finalistas, nomeáronse 6 gañadores: dous alumnos de Madrid, un de Asturias, un de Canarias, un de Cantabria e o noso Martín.
Un grande orgullo para o IES Leiras Pulpeiro.