Skip to Content

IES Leiras Pulpeiro

Novas de centro

Menú que reúne as últimas novas do centro.

Títulos promoción 2020

Xa están na secretaría do centro os títulos da promoción de 2020.

Podedes recollelos en horario de oficina: de 9:00 a 14:00

Obras na Rúa Aturuxo

Con motivo de determinadas adaptacións no sistema eléctrico, están tendo lugar unhas obras na rúa Aturuxo que aconsellan por prudencia cortar o acceso ao centro por esa entrada.

Polo tanto, ata o fin de obra estimada para a semana que vén, accederase ao centro unicamente pola rúa Orquídea.

 

Visita da Alcaldesa ao Leiras

 

O venres 14 de xaneiro recibimos a visita de Lara Méndez, alcaldesa do concello de Lugo, convocada para tratar determinados temas que afectan a nosa comunidade educativa como o da seguridade nas entradas/saídas, melloras nos accesos, cooperación cos servizos sociais, participación nos nosos proxectos educativos e futuras colaboracións no desenvolvemento de novas actividades didácticas. 

Durante a visita, a alcaldesa reuniuse co Equipo Directivo no despacho de dirección onde se trataron todos os temas antes mencionados e se concretaron algunhas actuacións para darlles solución. Os membros da nosa ANPA non puideron estar presentes debido a diferentes motivos, pero puideron achegar as súas suxestións á dirección que tamén trasladou á alcaldesa.

A continuación visitamos a UACO, xurdida dunha iniciativa financiada con fondos europeos, ministeriais e autonómicos, que pretende abrir a un ámbito máis social as actuacións que dende un punto de vista estritamente educativo se mostran insuficientes. A concelleira de Benestar Social visitará o próximo xoves esta unidade para afondar nas posibles colaboracións.

O noso alumnado tiña que ter protagonismo nesta xornada e aproveitando a sesión de titoría de 3º da ESO D, propuxémoslles un exercicio de expresión de cidadanía activa coa alcaldesa, coa que, en efecto, compartiron uns minutos explorando os proxectos de cidade asociados especialmente ao noso barrio, ao medio ambiente, á mocidade e a atención a persoas con discapacidade. O alumnado de 1º de BAC que participa nas mobilidades do proxecto Erasmus + tamén tivo a oportunidade de trasladar as súas experiencias tanto neste programa como no de Mediación Escolar. Foron felicitados/as pola alcaldesa e quedaron en organizar unha recepción no Concello aos visitantes portugueses, italianos e franceses que participan no proxecto "Convivindo no Camiño" que se coordina dende o noso instituto. Finalmente, achegámonos ao pavillón onde se celebraba unha sesión de introdución ao baseball co alumnado de 1º ESO C e puidemos concretar algunha iniciativa de cara a primavera para a promoción dun urbanismo máis saudable.

Foi unha visita na que, para aleń das cuestións técnicas, puidemos amosar a actividade do noso centro e reforzar a valoración e orgullo que sentimos polo traballo dos diferentes membros da nosa comunidade educativa.

 

visita alcaldesa

Feira de Nadal - Leiras TV

Emisión en directo de Leiras TV, realizado polo alumnado de Imaxe e Son.

Panxoliñas de Nadal - Música

Quentando motores para a feira de Nadal.

 

 

Crónica da Xornada de Sensibilización coa Discapacidade no Deporte

O venres 26 de novembro tiveron lugar no noso centro educativo unha serie de actividades ao redor das I Xornadas de Sensibilización coa Discapacidade no Deporte organizadas polo club CB Xuncas Diversia.

Xuntouse unha excelente representación de deportistas con discapacidade que viñeron acompañados do ex-capitán do Breogán Salva Arco, colaborador habitual dos movementos sociais da cidade.

Xornadas Discapacidade Deporte

O alumnado de 1ºC, 2ºC e 2ºD puido experimentar, guiados por un monitor, o que é xogar ao baloncesto cunha cadeira de rodas e aproveitar a presenza de Salva Arco para tirar uns tiros con el.

O alumnado de 3ºC asistiu a unha charla impartida por Álvaro Illobre, tenista paralímipico campión de España. Álvaro preside, ademais, o club de baloncesto Abeconsa Basketmi e veu acompañado do seu mellor xogador, o polaco Karol Szulc. Na segunda parte da charla incorporouse Ionut Preda o paralímpico viaxeiro, 25 veces campión de España en varias modalidades para discapacitados e podium galego absoluto en Halterofilia. Unha persoa chea de forza física e mental que nos demostrou como non hai barreiras que paren o esforzo, o traballo e a ilusión.

Na hora de lecer, Salva Arco deu un paseo polo patio onde non parou de asinar autógrafos e tirar fotos co noso alumnado.

Unha xornada que nos deixou unha fonda pegada, feita realidade grazas ao CB Xuncas e á colaboración do profesorado de Educación Física e das titoras de 2ºC e 2ºD, onde vimos exemplos magníficos de superación persoal que nos contaxiaron a súa sensacional vitalidade para seguir adiante con enerxías renovadas neste curso escolar.

Xornada de Benvida - Alumnado 1º da ESO

Durante o Plan de Formación do Profesorado do curso pasado xurdiu a iniciativa de organizar unha xornada de benvida para o alumnado de 1º da ESO. 

Trátase de dar a coñecer as nosas instalacións, equipos de traballo, normas xerais, protocolos de actuación e establecer as primeiras dinámicas de grupo entre os novos compañeiros e compañeiras que os permitan chegar con máis tranquilidade e seguridade ao sempre incerto primeiro día de instituto.

O alumnado accederá ao centro o 15 de setembro convocado por grupos ás 9h (1ºESO A e B) ou ás 9:30h (1ºESO C e D). Para saber en que grupo están deberán introducir o seu dni nunha ligazón que se habilitará nesta mesma web o día anterior.

Esta xornada contará coa recepción das seguintes persoas e espazos que o alumnado visitará dividíndose en 8 grupos:

- Equipo directivo, que achegará as principais normas de organización e funcionamento do centro.

- Titor/a, que detallará os horarios e normas de aula.

- Equipo da Biblioteca, que introducirá na organización e actividade dun dos espazos máis dinámicos do noso centro.

- Equipo de Dinamización da Lingua Galega, cun traballo moi recoñecido no curso anterior, que presentará as súas ideas para este novo que comeza.

- Aula Virtual, onde se introducirá o alumnado nesta plataforma educativa de uso xeralizado entre o profesorado, co primeiro acceso, cambio de chaves e realización da primeira tarefa.

- Espazo ANPA, que achegará a forma en que as familias participan e actúan no noso centro e desenvolverán algunha experiencia educativa.

Tamén haberá tempo para unha actividade máis lúdica e de lecer coa participación de asociacións vencelladas ao noso centro como Lóstregos (Hockey) e Xaquedrum (Xadrez) e a incorporación de Xuncas Diversia que nos presentará estratexias de inclusión a través do deporte de persoas con discapacidade.

Cada rapaz e rapaza contará tamén cunha Madriña ou Padriño voluntario que forma parte do alumnado delegado ou mediador. Esta figura actuará de guía durante toda a xornada e resolverá as dúbidas e inquedanzas que lles vaian xurdindo durante esta intensa mañá. Esta relación de proximidade poderá continuar durante as primeiras semanas de curso co obxecto de dar máis seguridade ao novo alumnado.

Non é necesario que traian merenda. Será ofrecida pola ANPA promovendo, de paso, un hábito de alimentación saudable.

Será obrigatorio o uso de máscara en todo momento, haberá control distancias e aplicarase xel hidroalcólico ao inicio de cada actividade.

Queremos que sexa unha xornada que dea inicio a un camiño cheo de experiencias, aprendizaxes, compañeirismo e bos momentos ao redor do noso centro educativo.

 

 

Aberto o prazo para pedir becas para BAC e alumnado NEE

Na páxina do Ministerio de Educación aparece a convocatoria de becas para o vindeiro curso.

Na ESO as becas son só para alumnado con necesidades educativas especiais

En BAC hai becas xerais e tamén de necesidades educativas especiais

Tarefas de Matemento na Aula Virtual

Informan da Consellería que están a actualizar a nosa Aula Virtual á versión 3.9 de Moodle dende a 3.3 que funcionou este curso.

Por este motivo estará inaccesible dende o día 28 de xullo ata o día 5 de agosto.

Este proceso de actualización non afecta aos contidos e só notaredes que cambia o aspecto das tarefas e demáis actividades pero a funcionalidade debería ser a mesma.

 

Lo que viene en Moodle 3.9 | Moodle

Novo Equipo Directivo

O pasado 1 de xullo tomaba posesión o novo equipo directivo do IES Leiras Pulpeiro coa continuidade de Nuria Castelo como vicedirectora, Xabi Díaz como secretario e coa incorporación de José Manuel Martínez como xefe de estudos e Manuel Vilariño como director.

Queremos agradecer a toda a comunidade educativa o apoio recibido, especialmente a Berta López e Cristina Andreu, anteriores directora e xefa de estudos que facilitaron o relevo de maneira impecable.

Seguiremos tendo a atención á grande diversidade do noso centro como eixo principal das nosas actuacións, procurando que repercuta enriquecendo a formación integral de todo o alumnado como cidadanía consciente, activa e responsable. 

O excelente ambiente de compañeirismo e convivencia que se respira entre todos os membros da nosa comunidade educativa déronnos as forzas para iniciar esta nova etapa da que esperamos que acheguedes a vosa colaboración coa mesma ilusión e entusiasmo co que comezamos nós.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut