Skip to Content

IES Leiras Pulpeiro

Apadriña un Lector

Sen dúbida, a nosa actividade máis fotoxénica segue a ser o apadriña/amadriña un lector/unha lectora, no que un alumno/a de 1º de BAC acolle nos xardíns do noso centro a un pícaro/a de educación infantil do CEIP Casás e complementa as actividades de introdución a lectura nun contexto diferente.

Temos que agradecer ao noso alumnado que asistiran a esta actividade unha vez ter rematado o seu período lectivo e facelo de xeito complemetamente voluntario. Esperemos que estes pequenos lectores dentro dunha década sexan os que apadriñen/amadriñen novos lectores que aínda están por nacer. 

E sobre todo, agradecer ao equipo da nosa Biblioteca e ao profesorado de Infantil do CEIP Casás que sigan comprometidos nunha actividade tan completa como esta.

Enredando co Galego 2024

O 12 de xuño tivo lugar a festa do evento Enredando co Galego organizado polo Concello de Lugo e do que o noso centro é asiduo participante. Nesta ocasión, ademais, temos que destacar o compromiso dunha parte moi significativa do noso alumnado aprol da promoción do uso da lingua galega que queremos seguir escoitando no noso barrio por mil primaveras máis.

No acto estivo presente a sensación musical do panaroma galego, o techno-rockeiro do Valadouro Grande Amore, facendo visible a presenza do galego nas vangardas musicais.

Parabéns aos gañadores/as e ata o ano que vén que seguiremos enredando co galego!

 

Excursión ás Ons

O alumnado de 2º da ESO pasou un par de días de experiencias naturais e deportivas nunha contorna única nas illas Ons, pertencentes ao Parque Natural das Illas Atlánticas. Nesta imaxe, arrodean o Burato do Inferno, un dos atractivos da illa.

Agradecemos o comportamento exemplar de todo o alumnado e o compromiso do profesorado participante nunhas actividades tan beneficiosas para o convivencia e para unha formación respectuosa co medio ambiente.

 

Visita do alumnado do CEIP Casás

O venres 7 de xuño recibimos a visita do alumnado do CEIP Casás que se incorporará ao noso centro educativo no vindeiro curso escolar. O programa foi o seguinte:

Programa Xornada de Benvida.

 

  • 10h Benvida e Presentación no Salón de Actos.
  • 10:30h Asignación de mediadores acompañantes.
  • 10:45h Merenda (froita) ofrecida polo instituto.
  • 11h Período de Lecer cos acompañantes.
  • 11:30h Concerto no Salón de Actos polo alumnado de 1º de BAC.
  • 12:20h Actividade de Orientación Deportiva no patio do instituto. 
  • 13:10h Obradoiro de banda deseñada na Biblioteca. 
  • 13:50h Despedida.

Esta xornada organízase co obxecto de presentar ao novo alumnado o que será o seu futuro centro educativo antes das vacacións e que pase un verán coa tranquilidade de coñecer onde estudará os próximos anos. Esperamos que esta etapa que comezan estea chea de bos momentos, aprendizaxes e moitas amizades.

Encontro antiBullying

O 31 de maio recibimos a visita do alumnado axudante do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria para intercambiar experiencias e iniciativas de combate contra o acoso escolar. En total 40 rapaces e rapazas dos dous institutos compartiron unha xornada de traballo e convivencia que deu como resultado un material que está xa colgado no curso Administración Alumnado da nosa Aula Virtual.

Queremos agradecer a visita e esperamos que poda ter continuidade no futuro. Ficou claro que temos moitas cousas en común, a máis importante, un alumnado consciente e formado na resolución pacífica de conflitos convencidos do diálogo como ferramenta insuperable para acadar este obxectivo.

Excursión a Manzaneda

Os días 20 e 21 de maio, ao final dun curso cheo de cambios e aprendizaxes, organizouse esta convivencia de dous días en Manzaneda para o alumnado de 1º da ESO con actividades lúdico-deportivas en contacto cunha contorna natural única. Estas experiencias extraescolares adoitan ter un impacto moi positivo, tanto a nivel de relacións como de mellora da autonomía persoal. Ademais, temos que felicitalos en conxunto polo excelente comportamento que nos sigue permitindo presumir de alumnado neste instituto. Hai que agradecer especialmente a Luisa Felpeto, impulsora da iniciativa, e ao profesorado que pasou voluntariamente estes dous días fantásticos na montaña.

Venres Musicais - Día Internacional da Patata (31-05-2024)

Programa friki dedicado ao Día Internacional da Patata

Proposta: Marta Mato
Locutor: Xabi
Control: Xabi

 

 

Venres Musicais - Cidades vol 2 (24-05-2024)

Segunda xornada da viaxe por cidades do mundo.

Dirección: Xabi
Locutor: Xabi
Control: Xabi

 

Convocatoria Fondo libros curso 2023-2024

Publícase no DOG do 20 de maio de 2024 a convocatoria de Fondo Libros.

 

IMPORTANTE:

RECOMENDAMOS, PREGAMOS e INSISTIMOS en que procuren facer a solicitude de forma telemática, para que non pasen 300 persoas a entregar papeis no instituto.

 

PRESENTACIÓN TELEMÁTICA:

 

CHAVE 365

É un sistema para identificarse telematicamente mediante código no teléfono móbil para calquera trámite da Xunta. MOI RECOMENDABLE.

Luns 20 de maio, día non lectivo

O luns día 20 de maio será non lectivo no noso centro educativo.

Porén, a Secretaría estará aberta de 10h a 13h para recoller documentación do alumnado de 2° de BAC.

Distribuir contido


by Dr. Radut