CELEBRACIÓNS DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2017

Se premes aquí, poderás ver o vídeo no que se recollen as distintas partes do acto de celebración do Día das Letras Galegas no noso centro, coa participación de alumnado de 1º de BAC e de 3º e 4º da ESO. Ás veces, os rigores do directo impediron recoller o acto ao completo, e tamén certos "problemas técnicos" modificaron algunha parte da celebración, pero o esforzo do alumnado e o seu resultado suple con creces estes atrancos e impevistos.

ENGLISH THEATRE FOR OUR STUDENTS!!

ENGLISH THEATRE FOR OUR STUDENTS!!

Como vén sendo habitual a estas alturas do curso, o alumnado do IES de Becerreá tivo a oportunidade de asistir no propio centro a dúas representacións teatrais desenvoltas por actores ingleses (da compañía "Face 2 Face"), o que recoñeceron como unha experiencia moi positiva e unha oportunidade única de contacto co inglés fóra das aulas.

A primeira das sesións, na que se representou a obra titulada "ACTION!", estaba dirixida ao alumnado de 4º da ESO e BAC, e contou coa participación estelar de varios alumnos e alumnas deses cursos (algún repite ano tras ano), que se atoparon coa sorpresa de ter que participar directamente no desenvolvemento da obra, recibindo, xusto é dicilo, un gran recoñecemento por parte dos seus compañeir@s.

A segunda sesión, titulada "I SPY",  estaba dirixida ao resto de cursos da ESO, e igualmente varios alumn@s debutaron nesta arte que é o teatro nunha lingua estranxeira, igualmente con recoñecido éxito de crítica e público.

Estas imaxes reflicten como se desenvolveron as dúas representacións e o bo traballo dos nosos actores e actrices voluntarios.

TORNEO PARTICIPATIVO DE PIMPÓN CON CENTROS DA COMARCA

TORNEO PARTICIPATIVO DE PIMPÓN CON CENTROS DA COMARCA

Por terceiro ano consecutivo, un grupo de alumn@s do noso centro (3º da ESO) organizou e tomou parte nun torneo participativo de pimpón, recibindo ao alumnado de secundaria dos CPI de San Román (Cervantes), CPI Uxío Novoneira (Pedrafita), CPI de Navia de Suarna e CPI Poeta Uxío Novoneyra (Courel).

A xuntanza tivo lugar o mércores 10 de maio no IES de Becerreá e prolongouse durante practicamente toda a xornada escolar, tendo como obxectivo primar a participación e convivencia por enriba da competición. Coma sempre, nun primeiro acto celebráronse os partidos individuais, cos participantes repartidos segundo niveis de competencia e experiencia. Despois da comida, celebráronse os partidos da modalidade de dobres, no que é obrigatorio participar cun compañeiro/a doutro centro, con independencia do nivel de cadaquén.

VIAXE DE ESTUDOS DE 4º DA ESO E 1º DE BAC

VIAXE DE ESTUDOS DE 4º DA ESO E 1º DE BAC

40 alumn@s destes dous grupos realizaron unha viaxe para visitar o País Vasco, algunha localidade do País Vasco Francés e outros puntos de interese da costa cantábrica (preme aquí para ver algunhas imaxes).

Dentro do País Vasco os puntos centrais da súa visita foron Bilbao e San Sebastián, onde as visitas culturais estiveron combinadas con outras a lugares destacados, e sen esquecer o aproveitamento que fixeron da riqueza e variedade da cultura gastronómica vasca.

É obrigado felicitar a este alumnado pola boa convivencia e correcta actitude amosada nesa semana de viaxe, e aos tres profesores responsables do grupo, Fernanda, Ramón e Lolo, pola vontade para asumir a responsabilidade que conleva unha actividade deste tipo.

PARTICIPACIÓN NO "CORRELINGUA 2017"

PARTICIPACIÓN NO "CORRELINGUA 2017"

O Equipo de Dinamización Lingüística do centro organizou e coordinou a participación dunha representación de alumn@s de 3º e 4º da ESO nunha nova edición do "Correlingua", celebrada en Lugo o xoves 4 de maio, e que este ano se celebraba baixo o lema "En galego, sen cancelas". 

ALUMNA DO IES DE BECERREÁ NA FINAL DA "OLIMPÍADA MATEMÁTICA GALEGA"

ALUMNA DO IES DE BECERREÁ NA FINAL DA "OLIMPÍADA MATEMÁTICA GALEGA"

A nosa alumna de 2º da ESO, Marcela Miñambres Pardo, clasificouse para a final da "Olimpíada Matemática Galega", que organizada pola Asociación Galega do Profesorado de Ensinanza Matemática (AGAPEMA) está dirixida ao alumnado de 2º da ESO, coa intención de fomentar o traballo baseado en resolución de problemas nas aulas galegas.

O torneo consta de dúas fases, unha zonal e unha fase final, que se celebrará en Lugo o día 18 de maio, e na que a nosa alumna será unha das catro representantes da provincia de Lugo, xunto con alumn@s do IES Lucus Augusti (Lugo), IES Río Cabe (Monforte) e IES Perdouro (Burela). Desexámoslle sorte a Marcela esperando que goce desta experiencia única, na seguridade de que o importante é a participación.

CONMEMORANDO O "DÍA DO LIBRO"

Preme aquí para coñecer a conmemoración de dita efeméride no noso centro.

FACENDO CIENCIA EN GREGO

FACENDO CIENCIA EN GREGO

Teresa Amado Rodríguez, profesora titular de Grego da Facultade de Filoloxía da USC, presentounos dun xeito ameno a importancia da lingua grega na formación do vocabulario da ciencia coa súa conferencia "Facendo ciencia en grego". Ademais de explicacarnos como, a partir duns poucos elementos de formación, podemos construír o crebacabezas do vocabulario científico e facilitar así o seu estudo e memorización, amósanos curiosidades como a relación entre o selenio e o menisco, entre a orquídea e os testículos, a glándula tiroide e un escudo. Por que Atlas dá nome a unha vértebra? Por que un ser con dous sexos se denomina hermafrodita?

PARLAMENTO XOVE 2017: VENCEDORES DE NOVO.

PARLAMENTO XOVE 2017: VENCEDORES DE NOVO.

Por terceiro ano consecutivo (novo rexistro a bater), un equipo do IES de Becerreá vence na modalidade de Bacharelato do concurso de debate "Parlamento Xove". O equipo formado por Andrea, Mabel, Marcos e Marina (de 2º de Bac), que xa foran finalistas na pasada edición, impúxose no último debate ao Colexio La Salle (Santiago). O tema elexido nesta fase final era: Deberíamos restrinxir o acceso a internet para aumentar eficazmente a seguridade dos/as adolescentes? Na edición deste ano participaron un total de 43 equipos de toda Galicia.

Despois do dobrete da edición pasada (vencedores nas categorías de ESO e BAC, cos dous finalistas nesta categoría), da primeira vitoria na edición do 2015 e no logro dun terceiro galardón consecutivo, non podemos máis que sentirnos moi orgullosos do esforzo e dedicación do preparador e coordinadores dos equipos (os profesores Xulio, Ana Canabal e Jesús) e do alumnado que ano tras ano, vai formando parte dos equipos participantes e que, con independencia do resultado final, non escatiman entusiasmo á hora de abordar o traballo que supón unha boa preparación para este tipo de concursos de debate. Parabéns de novo e a gozar da viaxe coa que foron premiados, á que acudirán todos os participantes do noso centro.

ENCONTRO COMARCAL DE HOCKEY

Convidados polo Departamento de Educación Física do CPI de San Román, organizador do evento, o grupo de 3º da ESO acudiu o mércores 19 de abril a dito centro para xuntarnos co alumnado de Secundaria e profesorado de Cervantes, Pedrafita, Navia e o Courel. Nunha xornada de convivencia e deporte, a experiencia non puido ser máis positiva para o alumnado destes centros. Recreación e convivencia dentro e fóra de pista, comida de confraternización e novas amistades que só poden xurdir en experiencias desta natureza.

Parabéns a tod@s os participantes, e o máis sinceiro agradecemento a Alberto, o profesor organziador, así como a todo o profesorado de Cervantes que se ocupou de atendernos coas súas atencións. Repetiremos!! Ah, e non esquezas ver as fotos.

Distribuir contido