Skip to Content

Educación Física

AS ALUMNAS DO I.E.S. A SANGRIÑA

Nas últimas datas, vimos de celebrar multitude de éxitos acadados polas nosas alumnas en diversas disciplinas. Non podemos deixar pasar a ocasión de felicitalas e, ao mesmo tempo, alardear dos seus logros.

As cadetes do Club de Remo Robaleira veñen de acadar o ouro nos campionatos de Galicia e de España, respectivamente. Mara Romeu resultou campioa galega de Atletismos en 150m, obtendo tamén un 2º posto en 500m e un 3º en 300m. Pola súa banda, Ángela Lomba clasificouse para o Campionato de España de “banco móbil”. Na disciplina de Danza obtiveron tamén gorentosos resultados. O grupo de danza “Attitude” un primeiro posto na disciplina de fusión no concurso nacional de danza “Anaprode”, onde o grupo de danza “Baixo Miño” fíxose con 5 primeiros postos e 7 segundos en varias disciplinas. Por último as nosas bailarinas de “Galicia en Danza” participaron na Dance World Cup Spain acadando varios ouros e clasificándose para o mundial que se celebrará en Donosti no mes de Xuño. Así mesmo, tanto “Galicia en Danza” como “Attitude” ganaron varios premios na recente edición de Vigoporté.

Moitos parabéns para todas! Sodes un exemplo de traballo e superación para toda a comunidade educativa!

CHARLA SOBRE DEPORTE PARALÍMPICO

Dentro do ámbito dos contratos programa, na liña INNOVA, ámbito de educación para a saúde, puidemos organizar para o alumnado de 2° da ESO o pasado venres 4 de febreiro unha charla sobre deporte paralímpico e mais un encontro con Gustavo Rodríguez, guía de Héctor Catalá. Falounos sobre a súa experiencia en Tokio 2020, onde conseguiron a primeira medalla de prata da historia do triatlón paralímpico na categoría masculina para deportistas con discapacidade visual. Acompañáronnos algúns usuarios de Avelaíña e San Xerome que, xunto co noso alumnado, fixeron varias preguntas ben interesantes ao nos olímpico relator.

TÉCNICAS BÁSICAS DE PRIMEIROS AUXILIOS

Os pasados 16 e 17 de decembro levouse a cabo para 3º e 4° ESO, profesorado e familias o obradoiro titulado “Técnicas básicas de primeiros auxilios: cadea de supervivencia, RCP básica, uso do desfibrilador e actuación ante obstrucción de vía aérea”. O taller impartiuno Dr. José Palacios Aguilar, coordinador do Grupo de investigación en Actividades Acuáticas e Socorrismo, Profesor titular da Universidade da Coruña, Creador e Coordinador do grupo internacional de actividades de prevención e socorrismo, Doutor e Licenciado en Educación Física. Colaborou como profesora asistente, Inés Sánchez Pedreira, Grao en Ciencias da Actividade Física e o Deporte, Máster en Educación, Educadora Física e Socorrista Acuática Profesional. O alumnado participante concienciouse sobre a importancia que supón actuar rápido en situacións de emerxencia e atópase preparado para intervir en situacións reais.

O curso para familias e profesorado terá unha segunda edición en maio. As persoas interesadas, estade atentas a esta web.

XORNADA DE RAFTING EN ARBO

Non queremos rematar o trimestre sen reseñar que por fin, despois de ano e medio sen actividades, o alumndo de 3º e 4º de ESO puido gozar dunha xornada de rafting en Arbo, antes da chegada do frío.

Distribuir contido


by Dr. Radut