Skip to Content

Programas Internacionais e Intercambios

A expedición da Sangriña xa está en Italia

Intercambio Sangriña Italia

Desde o pasado domingo, e até o 21 de xaneiro, 22 alumnos e alumnas de 1° de Bacharelato do IES A Sangriña están a realizar un intercambio co Liceo Francesco Angeloni, en Terni (Italia). Nel participarán en varias das clases do centro, coñecerán Terni e visitarán Roma. Nos próximos días tamén visitarán Perugia e Spoleto, ademais de realizar outras actividades académicas e culturais co alumnado italiano.

INTERCAMBIO A GUARDA - AARHUS (DINAMARCA).

Desde o pasado sábado 2 de setembro, 19 estudantes galegos e daneses participan no intercambio do IES A Sangriña da Guarda e o centro Aarhus Gymnasium Tilst, de Aarhus. Cun completo programa de actividades, foron convidados a coñecer e compartir a súa cultura e ensinanza, amosando unha hospitalidade e atención inmellorables.
Agradecemos desde aquí a todas as persoas que fan posibles estas experiencias tan sumamente enriquecedoras como inesquecibles para a rapazada.

En marcha pola inclusión: alumnado e profesorado do IES A Sangriña viaxan a Antalya (Turquía)

O IES A Sangriña (A Guarda) está a participar nun programa Erasmus + que promove a igualdade e a inclusión de minorías sociais xunto con outros centros educativos de secundaria e de formación profesional en Turquía, Alemaña e Italia. Este proxecto lingüístico e cultural desenvolverase ao longo de tres cursos académicos. A primeira das inmersións tivo lugar en Antalya (Turquía) desde o 15 ao 19 de maio do presente curso escolar. As rapazas que viaxaron desde o noso IES tiveron a oportunidade de participar en diversas actividades con rapaces e rapazas de distintas raíces e estiveron ademais aloxadas con familias locais, puidendo así compartir experiencias e integrarse dun xeito máis real. Elas presentaron tamén o noso centro e o noso sistema educativo ao instituto colaborador en Turquía e tres profesores do centro acompañáronas ata a propia cidade de destino, participando tamén desta experiencia cultural. Xa de regreso, comezamos a preparar a próxima estadía, que será desta volta en Galicia, no IES A Sangriña.

Intercambio IES A Sangriña – Lycée Bernard Palissy

No marco da actividade que dúas das nosas alumnas, María Lima e Uxía Cividanes, de 1º e Bacharelato iniciaron o primeiro trimestre coa súa estadía no lycée Bernard Palissy de Agen (Nouvelle-Aquitaine, Francia) durante un mes e medio, recibimos agora na nosa vila e instituto ás súas correspondentes. As dúas rapazas estudan en Francia o Bachibac e aproveitan esta inmersión para coñecer de preto os nosos referentes culturais e tamén para practicar a lingua castelá e, como valor engadido, para descubrir un pouco a nosa lingua autonómica, o galego.

Esperamos que lles guste A Guarda e Galicia, e que poidan aprender moito con nós e nós con elas.

Sede moi benvidas entre todos nós!!

 

Distribuir contido


by Dr. Radut