Skip to Content

Nadal de cor

20/12/2017 12:20
21/12/2017 12:00
Etc/GMT+1

cartaz 

O alumnado da ESO e Bacharelato acudirá este mércores e xoves a diferentes actividades enmarcadas no Nadal de Cor, actividade organizada polo alumnado e profesorado do centro.

O mércores terán lugar de 12:00 a 14:00 dúas actividades simultáneas. No salón de actos alumnado de 1º de Bacharelato dará unha charla sobre a diversidade afectivo-sexual no instituto, co obxectivo de visibilizar o colectivo e contribuír á reflexión en torno a esta realidade. Ao mesmo tempo proxectarase nas aulas Eu não quero voltar sozinho, curtametraxe brasileira, en torno á cal se procurará enlazar un debate, coordinado en todas as aulas por rapaces e rapazas que tamén fan parte da Comisión de Xénero e LGTB do Equipo de Normalización Lingüística.

Xa o xoves, o Nadal de cor repetirase en dúas sesións, de 08:20 a 10:00 e de 10:15 a 12:00, no salón de actos, para diferente alumnado do centro. Entre as actividades das que estará composto o acto poderemos gozar de baile contemporáneo, rock en galego, música a piano e voz, blues, e lectura de poemas e do manifesto LGTB redactado pola Comisión.

Paralelamente, para as alumnas e alumnos que non estean na actividade, o profesorado coordinará nas aulas un obradoiro de educación afectiva denominado A xoaniña, que busca detectar os prexuízos existentes co colectivo LGTB e contribuír á súa erradicación. Todas as actividades do día serán a cargo do alumnado, que tamén presentará o Festival.
Con esta actividade procurase, pois, contribuír ao empoderamento do alumnado, que propón a actividade, a desenvolve, e avaliará os resultados. Conséguese deste xeito a adquisición de compromisos sociais coa diversidade, o fomento do respecto e da tolerancia, á par que se procura que o ensino saia das aulas, chegue á comunidade, e sexa moito máis útil para construír un futuro mellor para todas e todos.



event | by Dr. Radut