Infantil e primaria

Imaxe de biblioip

LECTURAS POLA IGUALDADE

A Biblioteca de Infantil e Primaria preparou esta selección de libros para que reflexionedes sobre a igualdade entre mulleres e homes e o respecto ás ideas doutras persoas.

Facendo clic na imaxe teredes acceso a esta pequena guía. 

 

 

Imaxe de biblioip

QUE FANTASMADA DE LIBROS!!!

Unha das actividades que organiza a Biblioteca de Infantil e Primaria para celebrar o Samaín son as lecturas de medo. Neste curso os protagonistas das lecturas foron as pantasmas.

Os corredores, as portas e os taboleiros apareceron cheos de fantasmas.

No Castelo das Fantasmas, os rapaces tiñan que abrir as ventás e atopar a correspondente ao seu curso. Alí estaba agochada a silueta da fantasma que aparecía na portada do libro que lles correspondía ler ese día.

Con esa silueta na man tiñan que atopar o seu libro e... a tremer de medo todos xuntos coas historias de fantasmas.

Premendo na imaxe tedes un pequeno vídeo co resumo da actividade.

 

 

Imaxe de biblioip

AS PANTASMAS NA BIBLIO DE SANSIÑO

Na seguinte presentación podedes ver o primeiro boletín deste curso que preparamos coas novidades da Biblioteca de Infantil e Primaria.

Dedicámosllo a lecturas de pantasmas, xa que é o tema que escollimos para as Lecturas de medo que imos facer no Samaín.

PADRIÑOS E MADRIÑAS LECTORES - DÍA DO LIBRO 2017

Para celebrar o día do libro infantil e xuvenil, os alumnos e alumnas de infantil e primaria compartiron as súas lecturas favoritas.

Os rapaces e rapazas de máis idade apadriñaron ou amadriñaron aos rapaces e rapazas máis pequechos. Foron preguntarlles cales eran os temas preferidos das súas lecturas, buscaron as historias e o venres 21 de abril foron recoller aos seus afillados ou afilladas ás súas aulas.

Todos xuntos foron buscar un recuncho do patio para sentarse preto un doutro e gozar duns momentos de lectura, tenrura e ilusión. Cando remataron, os afillados e afilladas agasalláronlles cun fermoso marcapáxinas decorado por eles mesmos.

Se queredes ver como foi este momento tan especial, premede na seguinte imaxe.

Imaxe de biblioip

É TEMPO DE SAMAÍN

Chegou o Samaín e tamén as lecturas de medo que tanto nos gustan.

A nosa amiga a bruxa anda a facer as súas pocións máxicas e no caldeiro de cada curso anda a remexer os seus ingredientes.

Axúdalle a cociñar. Vai ao caldeiro do teu curso e saca o ingrediente que a bruxa está a meter. 

Este ingrediente ten unha sorpresa!!!!

Pois si, trae unha etiqueta co libro que terás que ler cos teus compañeiros.

Busca o libro no expositor e .... A TREMER DE MEDO!!!!!

 

PREMENDO NA IMAXE VERÁS UN PEQUENO VÍDEO

CONMEMORACIÓN DO DÍA DO LIBRO 2016

O venres 22 de abril o alumnado de infantil e primaria celebrou o Día do Libro. Como este ano se conmemora o catrocentos aniversario da morte de Miguel de Cervantes, decidimos organizar diversas actividades para lembrar a súa vida e a súa obra.

Nos corredores do colexio apareceron as imaxes dos principais personaxes de "El Quijote". Tamén se traballou nas aulas mediante a realización dun xogo de pistas.

Ao longo da mañá os alumnos e alumnas de primeiro a sexto baixaron á Casa da Cultura para participar no Maratón de Lectura, lendo diferentes adaptacións do "Quijote", o alumnado de 1º da ESO participou no Maratón coa lectura do autor Manuel María.

 

Durante a "Hora de ler" realizamos a actividade dos "PADRIÑOS E MADRIÑAS LECTORES". Os alumnos e alumnas dos cursos superiores len un conto aos seus afillados e afilladas. Unha mañá distinta, na que todos os currunchos do patio se transforman nun emocionante lugar de lectura. Premendo na seguinte imaxe podedes ver un resumo desta actividade.

 

ACTIVIDADES DO DÍA DA PAZ EN EDUCACIÓN INFANTIL E PRIMARIA - CURSO 2015-2016

ESTA ENTRADA FOI ELIMINADA POR ERROR. 

VOLVEMOS A PUBLICALA CUNHA DATA POSTERIOR Á REALIZACIÓN DAS ACTIVIDADES.

O 30 de xaneiro conmemoramos o Día Escolar da Non Violencia e da Paz. O alumnado de Infantil e Primaria bailamos todos xuntos a canción de Magín Blanco "Rumba das apertas". Se queredes ver o noso baile, premede no seguinte enlace:

 Para reflexionar sobre a problemática dos refuxiados, algúns alumnos e alumnas de quinto e sexto deron lectura a uns textos sacados do libro "Un día tuvimos que huir" e da páxina web de ACNUR, mentres se proxectaban as imaxes feitas por nenos e nenas refuxiados no campo de Kakuma (Kenia). Aquí podedes ver a presentación: 

Por último, puidemos ver a presentación que fixeron os nosos profes coas APERTAS POLA PAZ que nos dimos entre nós.

 

Imaxe de biblioip

MARCOS CALVEIRO FALA DOS SEUS LIBROS

O próximo luns contaremos coa presenza do escritor Marcos Calveiro, que nos falará de dúas das súas obras. Os alumnos de quinto, sexto e primeiro da ESO asistirán a un coloquio sobre a obra Palabras de auga. A continuaciòn o escritor falará cos alumnos de segundo e terceiro da ESO sobre a obra O pintor do sombreiro de malvas.

Para saber máis da súa creación literaria consultade esta guía:

 

Imaxe de biblioip

DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E DA PAZ 2014

Para conmemorar o 30 de xaneiro o Día Escolar da Non Violencia e da Paz imos aprender moitas cousas sobre a vida de Nelson Mandela.

Aquí tedes unha pequena biografía, que podedes consultar premendo sobre a imaxe.

E para os máis pequenos podedes consultar este enlace:

 

As actividades que realizamos o día 30 foron as seguintes:

 

Shosholoza:

Esta canción é unha canción tradicional do sur de África. As orixes de Shosholoza remóntase á época das minas de ouro e diamantes de Sudáfrica. Cantábana os traballadores que se desprazaban en tren moi lonxe dos seus fogares de camiño ás minas, nunha época mandada pola explotación e a inxustiza duns cantos sobre a maioría.

A maior parte da súa letra está en zulú, unha das linguas oficiais de Sudáfrica. Fíxose coñecida grazas ao Mundial de Rugby que organizou Nelson Mandela en 1995.

E aquí tedes o baile que fixeron os alumnos de infantil e primaria cos seus profesores.

Imaxe de biblioip

GUIA DE LECTURAS SOBRE OS DEREITOS HUMANOS. NADAL 2013

Este curso imos traballar no Colexio sobre ss Dereitos Humanos. Nesta guía tedes varias suxestións de libros que nos falan dos dereitos das persoas e dos nenos ou de situacións nas que os Dereitos Humanos non se respectan. Aproveitade para pedirlle algún a Papá Noel ou aos Reis Magos.

Distribuir contido