
REVISTA ESCOLAR 2012/2013: Agora podedes ler a todo color o último número da revista escolar "O outeiro", o do curso 2012/2013. Para elo, só tedes que premer na portada.
|
CAMPAMENTOS DE VERÁN: Os días 4 e 5 de xullo, de 10:00 a 14:00 h., na antiga escola unitaria de Santo André de Vea, rapaces e rapazas de primaria do noso colexio asistiron a campamentos gratuítos impartidos por voluntarios da Cruz Vermella da Estrada. Realizáronse distintas actividades, tales como manualidades, xogos cooperativos, gymkhanas, cancións, maquillaxe ou globoflexia. Picade sobre a imaxe para obter un pouco máis de información.
|
FOTOS DAS TITORÍAS: Ao final do curso, as diferentes titorías de infantil e primaria fixéronse fotos para o recordo. Tédelas en Galerías e tamén picando na cámara.

|
TORNEO DE FÚTBOL: O 17 de xuño, de 10:00 a 13:00 h., alumnado de 5º e 6º de primaria participou nun torneo de fútbol nas instalacións deportivas do colexio Nosa Señora de Lourdes. Realizáronse tres partidos simultáneos ao aire libre nun campo de fútbol de herba entre equipos de alumnos de distintos centros de primaria da Estrada.
|
TORNEO DE JUDO: O 14 xuño, de 17:00 a 19:00 h., celebramos no pavillón do colexio un torneo de judo, coa participación de todo o alumnado que practica este deporte como actividade extraescolar no centro os mércores.
|
VISITA AO IES Nº 1: O xoves, 6 de xuño, os rapaces e rapazas de 6º de primaria visitaron o instituto onde proseguirán os seus estudos no próximo curso 2013/14: o IES Nº 1.
|
VISITA Á PANADERÍA CERVELA: O día 4 de xuño, as clases de 1º, 2º, 3º e 4º de primaria visitaron a panadería Cervela, onde lles explicaron o proceso de elaboración do pan e onde amasaron as súas propias boliñas e croissants. Despois, invitáronos a un bocadillo e unha botella de auga. Ao final da visita, cada neno/a recibíu unha bolsa de tea con dúas barras de pan e unha rosca.
|
AS NOSAS ALDEAS: O alumnado de infantil traballou neste curso un proxecto sobre as aldeas nas que viven. Como mostra do traballo realizado, expuséronse maquetas na entrada do colexio.
|

FALAMOS CO CEIP PÉREZ VIONDI: Os nenos e nenas de 1º e 2º de primaria comunicáronse cos de 1º e 2º do CEIP Pérez Viondi a través de cartas, no mes de abril, e tamén do skype, o pasado día 24 de maio.
|
DÍA DAS LETRAS GALEGAS: O 15 de maio celebramos o Día das Letras Galegas, coas actuacións no escenario do salón de actos de todo o alumnado de infantil e primaria. 
|
CONCERTO DIDÁCTICO NO COLE: O 8 de maio, o profesor da Escola de Instrumentos Populares Galegos de Cuntis, Jesús Vaamonde Manteiga, acudiu ao colexio para ofrecer un concerto didáctico no que deu a coñecer os instrumentos máis representativos da tradición popular galega: gaita, pandeireta, requinta, pínfano, ocarina, asubío, trompa, tarrañolas e zanfona.
|

DÍA DO LIBRO: O 23 de abril celebramos o Día do Libro elaborando marcapáxinas. Ademais, a clase de 5º saíu ler fóra, ao patio.
|
CONCERTO DIDÁCTICO EN SANTIAGO: O día 10 de abril, o alumnado de 5º e 6º asistiu a un concerto didáctico da Banda Municipal de Música de Santiago titulado "Imos á banda!", no Auditorio de Galicia de Santiago.
|
FESTA DA CAMELIA: O martes, 19 de marzo, de 16:00 a 18:00 h., celebramos no centro o II Concurso-Exposición da Camelia en Vea.
|
CAMELIAS NA AULA DE TIC: Coincidindo cao celebración do II Concurso-Exposición da Camelia en Vea, a clase de 3º de Educación Primaria elaborou unhas fermosas camelias na aula de TICs.
|
ALUMNO PREMIADO: O alumno de 6º curso de primaria Emilio Muíños Calvelo foi o gañador do 3º premio na categoría C (de 10 a 12 anos) do 13º concurso de pintura infantil da camelia do concello de Vedra.
|
ARQUEOCAMPO:O alumnado de 5º e 6º de primaria gozou o día 1 de marzo do Arqueocampo, actividade organizada pola Concellaría de Turismo da Estrada, en coordinación co Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). 
|
CIRCUÍTOS ELÉCTRICOS: Os rapaces e rapazas de 6º de primaria construíron circuítos eléctricos, espuxéronos nun corredor do centro e explicaron o seu funcionamento aos compañeiros/as do resto das clases.
|
TALLER DE RECICLAXE: O día 15 de febreiro, os rapaces e rapazas de 5º e 6º participaron nun taller dunha hora de duración impartido por dous monitores sobre a recollida selectiva e a reciclaxe. Esta actividade forma parte dunha campaña de información organizada pola Consellería de Medio Ambiente e Ecoembes.
|
O ENTROIDO: O día 8 de febreiro celebramos no colexio o Entroido, que este ano tivo como tema "O circo". Fixemos un desfile de disfraces no patio, comparsas no salón de actos e encontros de correos e xenerais a cabalo.
|
CORREO S E XENERAIS DE VEA NO CEIP PÉREZ VIONDI: Once nenos e nenas do centro, desde infantil a ta 6º de primaria, viaxaron o 6 de febreiro ao CEIP Pérez Viondi da Estrada para escenificar encontros de correos e xenerais. Con eles estiveron tamén dous familiares, que ofreceron unha charla explicativa desta celebración do Entroido propia da comarca do Ulla, unha demostración dos traxes dos correos e xenerais e uns vídeos do Entroido de Couso.
|

DÍA DA PAZ: O 31 de xaneiro celebramos o Día da Paz no salón de actos do colexio, con recitado de poemas, expresión de desexos de paz, lectura dun manifesto e un decálogo para medrar en paz, bailes e cancións. 
|

CAMPIONATO DE CARREIRAS CAMPO A TRAVÉS: O 30 de xaneiro, alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria do centro viaxaron a Portas para participar no campionato de cross que se celebra cada ano. Esta actividade enmárcase no programa "Xogade", no que participa o centro neste curso 2012/2013. As clasificacións podedes consultalas aquí.
|

I XORNADAS DA EDUCACIÓN INFANTIL NA ESTRADA: O 23 de xaneiro, o alumnado de infantil participou nun obradoiro de educación emocional no Teatro Principal da Estrada.
|

CHOCOLATADA E PANXOLIÑAS NO NADAL: O 21 de decembro celebramos o Nadal no cole.
|
RECITANDO A CELSO EMILIO: O 12/12/12 todo o alumnado do centro se reuníu no salón de actos do colexio para recitar o poema "Deitado fronte ao mar", de Celso Emilio Ferreiro. Para ver o vídeo da actividade, premede aquí.
|

SAÍDA A SANTIAGO DE COMPOSTELA: O 21 de novembro, todo o alumnado do colexio viaxou a Santiago de Compostela para visitar o Museo do Pobo Galego e mais o Centro Galego de Arte Contemporánea.
|
TEATRO NA ESTRADA: O 20 de novembro, os nenos e nenas de 5 e 6 anos do colexio visitaron o Teatro Principal da Estrada para asistir á obra teatral "Bichadas".
|
O MAGOSTO: O 9 de novembro celebramos o Magosto no colexio, con xogos populares no pavillón, degustación de castañas asadas no patio e un partido de "pichi" entre as clases de 5º e 6º.
|
O SAMAÍN: Os días 29, 30 e 31 de outubro realizamos no colexio para celebrar o Samaín unha exposición de cabazas decoradas polo alumnado coa axuda das súas familias.
|

PLAN PROXECTA: O centro participará este curso 2012/13 en dous programas da Dirección Xeral para o Deporte, incluídos no Plan Proxecta: "Xogade" e "Máis e mellor actividade física", destinados a fomentar as actividades físicas e deportivas saudables.
|

HORARIOS DO CENTRO: Aquí atoparedes o horario lectivo, o horario de Secretaría e o horario de visita de pais/nais.
|

CALENDARIO ESCOLAR 2012/2013
|

CONSELLO ESCOLAR : O día 4 de decembro tivo lugar a constitución do novo Consello Escolar do centro.
|

ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES: PISCINA, JUDO E FÚTBOL.
|